Os cargos públicos da Marea Atlántica dedicarán parte do salario a financiar proxectos sociais

Votación nunha asemblea da Rede da Marea Atlántica na Coruña CC-BY-SA Marea Atlántica

Os cargos públicos da Marea Atlántica no Concello, na Deputación da Coruña e no Parlamento galego dedicarán parte do seu salario a financiar proxectos sociais e unha oficina para axudar persoas en risco de exclusión. Así o decidiu en asemblea telemática a Rede da formación municipalista, que aprobou poñer en marcha unha convocatoria para estas iniciativas. 

As persoas representantes da Marea no Concello, na Cámara autonómica --o deputado Xan Xove foi deputado uns meses nesta lexislatura polo grupo Común da Esquerda-- e no organismo provincial coruñés renuncian todos os meses a unha parte do seu salario en cumprimento do seu código ético, que fixa un máximo bruto aproximado de 35.000 euros anuais. O excedente, que varía en cada caso segundo o labor e as cargas familiares, será agora "posto ao servizo da xente da cidade", segundo aclara a formación. 

Os cargos públicos da Marea Atlántica dedicarán a parte do salario ao que renuncian en cumprimento do código ético a financiar proxectos sociais

O que aprobou a formación na súa asemblea (Rede) foi impulsar unha convocatoria anual pola que se financiarán proxectos sociais dotada con 10.000 euros e aberta a entidades sen ánimo de lucro da Coruña. Cada unha das iniciativas que se aprobe recibirá un máximo de 2.000 euros para "axudar ao seu desenvolvemento" e elixiranse un mínimo de cinco cada ano. Ademais, priorizaranse os proxectos "centrados na xustiza social, o compromiso ambiental, a loita pola igualdade e a atención ás necesidades derivadas da pandemia". 

Concelleiros e concelleiras do grupo municipal da Marea Atlántica na Coruña CC-BY-SA Marea Atlántica

En canto á chamada Oficina dos Dereitos, consistirá nun servizo de asesoría gratuíto destinado a persoas en situación vulnerable "para orientalas e apoialas na relación coa administración, na solicitude de prestación como a Renda Social Municipal ou na defensa dos seus dereitos". 

A convocatoria, de 10.000 euros, financiará un mínimo de cinco proxectos ao ano; a Marea tamén porá en marcha unha asesoría gratuíta para persoas vulnerables

Para a Marea Atlántica, estas iniciativas cómpren aínda máis "nestes momentos nos que a crise derivada da pandemia da Covid-10 está xa a golpear con forza". "É necesario poñer na rúa todos os recursos posibles", insiste a formación, que aposta por "facer a parte" que, din, lles "corresponde". 

Ademais, a Rede da Marea Atlántica aprobou tamén crear dúas novas comisións de traballo: a de Xustiza Social e a Green New Deal, con estrutura propia logo de ser abordadas de xeito transversal até o de agora. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.