Os ecos dos Orzamentos do Estado marcan o día da Constitución entre as forzas políticas galegas

Pedro Sánchez e Feijóo conversan nos actos organizados polo Congreso co gallo do día da Constitución, en presenza das ministras Teresa Ribera e Irene Montero CC-BY-SA Xunta

Os efectos da aprobación, esta semana no Congreso, dos Orzamentos Xerais do Estado para ano 2021 seguen a pairar na política española e tamén na galega. E así sucedeu tamén este 6 de decembro, nas reaccións e avaliacións das principais formacións do país a respecto do cuadraxésimo segundo aniversario da Constitución española referendada en 1978.

Pola banda do Goberno galego e do PP, as dúas aparicións públicas este 6 de decembro desenvolvéronse en dous niveis. Por unha banda, Alberto Núñez Feijóo participou no acto oficial de conmemoración organizado polo Congreso dos Deputados en Madrid con representantes institucións do Estado. En declaracións á prensa, o presidente da Xunta e do PP en Galicia sinalou o texto Constitucional como "garantía" da unidade de España e do Estado autonómico e contrapúxoa cunha "parte, como mínimo" do Executivo central que, asegura, pretende "derrogala".

Feijóo, que acudiu ao acto institucional polo día da Constitución ante o Congreso dos Deputados, censurou a ausencia de "socios do Goberno" na conmemoración mentres, na Coruña, o seu 'número dous' no PP participou nun mitin de Francisco Vázquez

Na liña do debate orzamentario e do voto a prol das contas de forzas como ERC ou EH-Bildu, Feijóo censurou que os "socios do Goberno" non acudisen ao "acto da Constitución" porque "nin a respectan nin a apoian". Ese acordos estiveron tamén no albo das críticas do evento ao que asistiu o número dous de Feijóo no PP de Galicia, o secretario xeral, Miguel Tellado, que xunto a outros cargos da formación participou na Coruña nun mitin do ex-alcalde da cidade e ex-militante do PSOE, Francisco Vázquez, organizado polas entidades Foro LC e Concordia Real Española. En vésperas das eleccións xerais de novembro de 2019, o propio Feijóo participara nun acto semellante, tamén con Vázquez como protagonista.

Ana Pontón, intervindo ante outros membros da Executiva do BNG, este 6 de decembro en San Domingos de Bonaval CC-BY-NC-SA BNG

"Queren seguir tendo todo ben atado", cre Pontón

Nun sentido ben diferente, os ecos dos Orzamentos do Estado estiveron tamén presentes no acto organizado polo BNG este 6 de decembro, no Panteón de Galegos Ilustres baixo o lema Somos unha nación. "Os que hoxe veneran a Constitución queren seguir tendo todo atado e ben atado" mentres "Galiza necesita desatar os nos que están limitando o noso potencial", ilustrou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, quen ve no resultado das negociacións orzamentarias outra mostra de que "necesitamos, con urxencia, ter máis poder político".

Pontón ve nas contas do Estado para 2021 unha mostra de que Galicia precisa "con urxencia, ter máis poder político"

Neste contexto, a líder soberanista considerou "triste ver aos socialistas galegos facendo o mesmo papel que o PP cando gobernaba Rajoy; dan por boa a discriminación a Galiza, facendo a ola a uns orzamentos que nos maltratan". Ao non aceptar as emendas do Bloque, considerou, "non están atacando o BNG", senón que "boicotean a Galiza" mentres, di, "sacralizan" o texto constitucional que "apuntalou o centralismo de Madrid" malia xerar "asimetrías e desigualdades".

Gonzalo Caballero subliña que o PSdeG cre "na España constitucional, plural, con descentralización política" pero lonxe de "posicións independentistas que nada positivo implican para Galicia"

Pola banda do PSdeG, precisamente, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, manifestaba que a súa formación cre "na España constitucional, nunha España plural, federal, diversa, con descentralización política, aberta a melloras e cambios" e, a través das redes sociais, criticaba mensaxes de Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, contrarias á Constitución. "Non respaldamos posicións independentistas que nada positivo implican para Galicia", indica Caballero, quen chama a "aprender do acadado" nestas catro décadas para "mellorar cara ao futuro".

Esa crítica do líder socialista cara ao BNG encádrase tamén no contexto dos Orzamentos estatais. Non en van, chegaba apenas un día despois de que Caballero afease á formación soberanista o seu "non" ás contas, que interpreta como un "erro histórico". "O BNG errou ao poñerse ao lado do 'trío de Colón' e ao "opoñerse a uns orzamentos que teñen un investimento por galego máis alta que a media do Estado", defendeu.

Acto institucional polo Día da Constitución de 2020 ante o Congreso dos Deputados, en Madrid © Fernando Calvo / Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.