Os partidos recibirán 1.800 euros máis por escano obtido o 18F que nas eleccións de 2020

Evolución das subvencións electorais por cada escano obtido CC-BY-SA Praza Pública

Despois de baixar as subvencións electorais un 20% para as galegas de 2012, en convocatorias posteriores o PP subiunas un 33%, un 4% e agora outro 8%

Os partidos políticos que obteñan escano nas eleccións galegas do 18 de febreiro recibirán 23.585 euros por cada un. Así quedou establecido este venres coa publicación no Diario Oficial de Galicia da actualización das subvencións electorais para os próximos comicios. A cantidade é 1.847,59 euros (un 8%) superior á establecida nas eleccións de 2020.

A lei electoral establece que os partidos reciban distintas compensacións polos gastos da campaña e gratificacións polos seus resultados, de xeito que tras os comicios recibirán por un lado os anteditos 23.585 euros por escano obtido e, por outro, 0,87 euros por cada voto recibido e 0,25 euros por cada envío postal de propaganda electoral en cada provincia na que obtiveran escano.

Para as galegas de 2012 o Goberno de Feijóo decidiu rebaixar un 20% o importe de cada un deses conceptos con respecto aos comicios de 2009 co argumento de que así o esixía a crise económica. Pero en 2015 o PP aprobou en solitario no Parlamento de Galicia unha lei de financiamento dos partidos políticos que volveu incrementar un 33% todos eses pagamentos e compensacións de gasto. Fíxoo en medio de varias polémicas polo financiamento ilegal da súa formación en diversos ámbitos territoriais e co argumento de que un incremento dos ingresos públicos dos partidos permitiría diminuír as doazóns privadas, competencia que sen embargo é estatal.

Tras a actualización das cifras para a próxima convocatoria electoral, os 38 escanos que dan a maioría absoluta supoñen un premio de case 900.000 euros, mentres que medio millón de votos implican outra subvención de 435.000 euros

As cifras establecidas nesa lei de 2015 teñen que ser axustadas para cada convocatoria electoral, pero se en 2016 a Xunta decidiu aplicar como factor de actualización a inflación, en 2020 e novamente agora para o 18F o Goberno galego decidiu empregar outro indicador, o deflactor do PIB de Galicia. Esa actualización é a que publica este venres no DOG. O resultado final é que cada escano foi premiado en 2009 con 19.413,66 euros, en 2012 con 15.530,93 euros, en 2016 con 20.763,77 euros e en 2020 con 21.737,41 euros, mentres que tras o 18F a gratificación será de 23.585 euros. Con esas cifras, os 38 escanos que dan a maioría absoluta serían premiados con 896.230 euros.

Escanos baleiros no Parlamento de Galicia CC-BY-SA Merixo

Xunto co pagamento por escano obtido, os partidos tamén reciben compensacións por cada voto recibido se a candidatura obtén cando menos un escano e polos envíos de propaganda electoral nas circunscricións nas que obteñan escano. No primeiro caso a cifra pasa dos 0,80 euros das eleccións de 2020 a 0,87 euros para o 18F. Coas novas contías, por exemplo, medio millón de votos suporá un premio de 435.000 euros

Canto á compensación por envíos postais, nos últimos anos son varios os partidos que veñen renunciando, nunha ou noutra circunscrición ou convocatoria, a realizalos. Neste caso a compensación pasa de 0,23 a 0,25 euros por cada elector de cada circunscrición na que se obteña escano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.