A Operación Zeta, a presunta trama de fraude en axudas para cursos de formación que, segundo a investigación, serviu para enriquecer o empresario coruñés Gerardo Crespo e os seus colaboradores, é un maremagnum difícil de dixerir. Nos 24 tomos e milleiros de folios do sumario descríbese con detalle o que para a Policía foi unha "caza de cartos públicos" canalizada a través de unha "farsa" asociativa e empresarial que tiña como obxectivo principal a captación de cartos públicos para fins "privativos". Alén das presuntas ilegalidades cometidas pola rede de Crespo e os seus colaboradores o sumario ten unha evidente vertente política que salpica o PPdeG en xeral e o PP coruñés en particular. Así, por exemplo, unha ex contable de Crespo chegou a afirmar ante a Policía que tivera que preparar "dous sobres" de cartos procedentes da caixa 'B' "destinados ao Partido Popular", cantidades que sumarían 17.000 euros, 15.000 entregados pouco antes das eleccións xerais de 2011. Pero, a que dirixentes conservadores salpican, concretamente, estas revelacións sumariais?
Alberto Núñez Feijóo
A ligazón do presidente da Xunta coas revelacións do caso están, sobre todo, relacionadas co papel que a investigación lle atribúe ao empresario madrileño afincado en Bueu Francisco Ramón de Lucas, coñecido como Pachi de Lucas. De Lucas é sinalado pola Policía como un dos conseguidores da rede, isto é, a ligazón entre Crespo e diversos dirixentes políticos. Pola "práctica" destas "xestións" o empresario recibía, segundo o sumario, "un diñeiro". Eses cartos, sinalou a ex contable ante a Polícia, saían dos fondos que terían que financiar cursos de formación e éranlle achegados mediante transferencias bancarias. Era "unha cantidade periódica, sendo este pago priorizado por Gerardo", di a declaración.
Atendendo ao publicado polo diario El País e tamén a fontes consultadas por Praza Pública o empresario De Lucas é amigo persoal do presidente da Xunta, quen tras a última reunión semanal do seu Consello evitou, ata en seis ocasións, aclarar a súa relación co presunto conseguidor, limitándose a afirmar que "a efectos de sumarios non hai amigos nin inimigos". Mentres a oposición lle esixe maior claridade un dos grupos que a conforman, o PSdeG, sinala que a ligazón do presidente galego con De Lucas é persoal pero tamén profesional e económica, toda vez que unha das súas empresas, afirman, traballou para o PPdeG na campaña electoral de 2009.
As mencións a Feijóo están maioritariamente ligadas a Pachi Lucas, suposto conseguidor da trama e amigo do presidente
Pachi de Lucas, con quen Feijóo acudiu ás touradas en Pontevedra en varias ocasións, como confirman as imaxes do fotógrafo Óscar Corral publicadas por El País, é quen en xullo de 2011 lle confirma a Gerardo Crespo a posibilidade de ter unha xuntanza con quen meses despois se convertiría en ministra de Fomento, Ana Pastor. Segundo unha mensaxe telefónica intervida pola Policía e incluída no sumario, a cuxo contido tivo acceso a este diario, De Lucas xestionou esa xuntanza na sede popular da madrileña rúa de Génova. Noutra das páxinas da transcrición das mensaxes do teléfono de Crespo, situada no seguinte folio do sumario pero cunha numeración non correlativa -pasa da páxina 1.593 á 1.619- figura a frase "Feijóo va a ser clave", sen que se poida confirmar quen a escribiu e o seu contexto. Asemade, na xornada electoral das municipais de 2011 De Lucas remitiulle unha mensaxe a Crespo, tamén interceptada polos axentes, co seguinte texto: "Comiendo en Beluso, presidente, mar...! Todo bien".
Alén estritamente do empresario afincado en Bueu ao longo do sumario figuran mencións ao presidente en, cando menos, dous correos electrónicos, os que lle remitiu Gerardo Crespo. No primeiro, datado o 11 de outubro de 2011, Crespo sinala que, "dacordo coa última conversa que mantivemos", lle escribe para "manifestar a miña preocupación polas informacións que me transmiten dende Traballo a respecto dos proxectos que presentaron as organizacións que dirixo e de cuxas resolucións positivas dependen moitos postos de traballo e a viabilidade das empresas". No segundo, de decembro do mesmo ano, Crespo escríbelle a Feijóo para explicar os "momentos de gran dificultade respecto á tesouraría " que pasan as súas empresas por mor da "xestión económica da intervención xeral da Xunta". O Goberno paralizara os pagamentos de subvencións ata o mes de xaneiro para conter o déficit e isto puña en perigo a "viabilidade futura das organizacións", dicía Crespo, que se amosaba "seguro" de que "estas observacións non caerán en saco roto". Asemade, o nome de Feijóo figura tamén na lista de agasallos de Azetanet no Nadal de 2010, cando Crespo lle remitiu unha participación de lotaría.
Carlos Negreira
O alcalde da Coruña e presidente do PP na provincia, Carlos Negreira, negou aínda a pasada semana que tivese algunha vinculación co empresario Gerardo Crespo, o líder da trama, "máis aló da que se mantén como calquera outro representante de veciños". Non opinan o mesmo os investigadores, que no sumario ao que tivo acceso Praza dan conta do "nivel de relacións" que ten o empresario con importantes cargos públicos, entre eles o rexedor, ao que chega a "realizar funcións de intermediación da súa axenda", exercendo de intermediario entre o responsable de USO en Galicia e o alcalde.
"Deixoume tirado cando comezaron as escoitas", revelaba Crespo sobre Negreira nunha entrevista en La Opinión. Son os investigadores os que falan dun "posible labor de intermediación" por parte do empresario entre as persoas interesadas en contactar co alcalde e o propio rexedor. Nunha conversa gravada, ofrécelle colaboración a un coñecido para facer "gestiones con Carlos [Negreira] y con quien veas".
A confianza e a petición de favores era tal que Gerardo Crespo chama directamente á secretaria do alcalde da Coruña para informala da situación de diferentes procesos de adxudicación de servizos municipais, advertíndolle de que a súa empresa se presentou a un de Consumo "Para que lo sepa", dille. “Se lo han dado a otra empresa [...] y el técnico del ayuntamiento es el primer sorprendido. Ahora nos hemos presentado a otro tema de la Oficina de Consumo, para que lo sepa". Antes, o empresario mándalle un SMS ao rexedor: "Hola. Desde hace años llevamos los cursos de bibliotecas del ayunt. y siempre nos invitaban al negociado; lo sabe el técnico... Y este año no. Un abrazo".
A Policía coida que Crespo xestionaba xuntanzas doutras persoas con Carlos Negreira, con quen intercambiou correos electrónicos tras as primeiras denuncias públicas da suposta fraude
Tan só uns días máis tarde, e segundo as conversas telefónicas intervidas, os propios investigadores advirten de que se intenta "amañar" un proceso de adxudicación "dun servizo vinculado con Consumo, a realizar a través dun procedemento negociado sen publicidade e no que se vai presentar algunha das empresas de Gerardo Crespo". A idea é presentar outras dúas "empresas amigas" para "formalizar unha apariencia de concorrencia nun proceso de adxudicación xa decidido que finalmente recaerá presuntamente a favor da empresa de Gerardo".
A conversa é entre unha empregada da súa empresa e o propio Crespo. "Estamos con el tema de Consumo y nos piden dos empresas más [...] Nos vamos a presentar nosotros y dos empresas más... amigas", admítelle, supoñendo que é no propio Concello onde llelo solicitan. De feito, os investigadores aseguran que esta chamada "hai que poñela en relación cos sms enviados por Gerardo Crespo a Negreira e coa chamada do mesmo día mantida entre o mesmo Crespo e a secretaria do alcalde".
Ademais, Eliseo Calviño, outro dos implicados na operación Zeta -responsable de Caype e outro dos líderes da trama-, presume tamén da súa relación con Negreira. Nunha chamada ao seu amigo e socio, Gerardo Crespo, anúncialle que estivo "como dos horas y media con nuestro amigo... Con Carlos, con el señor alcalde de La Coruña" e faino "mostrando a súa satisfacción", tal e como din os investigadores. "Dos horas y media, eh? Muy bien, él muy bien como siempre, lo que pasa es que, claro, él tiene que ser muy bien, pues con todos. Yo creo que hay algunas cosas que le quedaron claras, eh?... De alguna le sorprendió mucho...Y vamos a ver... Pero ya hablaremos de eso".
O que é evidente para os investigadores é que Crespo pasa tempo "presionando" a Carlos Negreira "co obxecto de conseguir máis adxudicacións". "Me siento abandonado [...] Abrazos", dille o empresario. Logo de que o líder da trama advirta no Concello de que non está a ser informado de diferentes concursos. Pouco despois, o rexedor envíalle outro SMS: "Ok Gerardo... Abrazos". Noutra conversa posterior con responsables en María Pita, o líder da trama asegura que "al alcalde le joroba" que el non sexa informado de diferentes procesos.
Crespo asegurou sentirse "amparado" polo rexedor coruñés, que asegura ter con el a mesma relación que con calquera outro representante veciñal
Logo de que o presunto líder da trama corrupta insista en varias conversas con persoal do Concello achegado ao alcalde, decide enviarlle outra mensaxe telefónica a Negreira. "Me siento amparado y muy feliz del alcalde amigo que tengo", ponlle nun deses sms. Os investigadores entenden que Crespo "parece estar máis contento co alcalde" logo de contactar coa administración local, "aínda que este non lle contesta". Non o fai nese momento, pero si horas despois: "Abrazos... le paso el mensaje a "programación"... Nos vemos pronto!! Buen fin de semana!!". Unha relación que parece demasiado cordial para ser a que se mantén "con calquera dirixente veciñal". Un ano e algo antes, tal e como demostran uns mails, ambos os dous pactaran a resposta a través dun comunicado ás acusacións que o alcalde de Oleiros fixera sobre as empresas de Crespo e as subvencións que recibía das administracións.
En canto os cursos das empresas de Crespo empezan a ser auditados pola propia Xunta e incluso revogados, o principal imputado volve intetar recorrer a Negreira. “Tengo un problema gravísimo y urgente, que es una injusticia y me siento indefenso. Cuando puedo contártelo? Puede acabar conmigo”, dille nunha mensaxe que os investigadores atribúen á súa “desesperación”. Ademais, el mesmo chama ao Concello coa intención de que o rexedor “saiba dos seus problemas coas revogacións dos plans integrais de emprego”.
Parece evidente que Negreira evita manter conversas telefónicas ou mediante mensaxes de texto con Crespo, pero unha comunicación posterior con outra persoa revela que “Carlos [polo alcalde] lo sabía” e que incluso lle recomendou o que facer ante as inspeccións nun encontro persoal. “Me ha dicho Carlos que nos defendamos, que nos defendamos a muerte, que él quiere que nos defendamos y que tengamos cuidado que hay mucha piraña suelta”.
Beatriz Mato
No sumario da operación Zeta, e nun mesmo tomo, os investigadores aseguran que “queda patente como presuntamente Gerardo Crespo tratou de influír en autoridades ou funcionarios públicos para axilizar ou obviar trámites administrativos”, aínda que “con resultados negativos”, polo menos daquela, para el.
“No se atreven ni de coña”, chega a dicir o principal imputado da trama nunha conversa na que explica o seu intento de influír na conselleira de Traballo, Beatriz Mato, así como no conselleiro de Industria, daquela Javier Guerra. No caso deste último, Crespo dá conta dunha xuntanza na que o presuntamente o titular de Industria indícalle que o avise “cuando salgan las ayudas”. “Presentaos y me llamas... Tendréis nuestro apoyo. Esto no se puede publicar”, disque lle di.
Neste caso, os investigadores pregúntanse “se calquera outro empresario podería chamar directamente ao conselleiro cando saian unhas axudas” e o motivo polo que, logo de que renunciar a unhas subvencións, “agora o titular de Industria lle di que se presenten”.
A investigación recolle referencias a xuntanzas coa conselleira de Traballo e co ex titular de Industria, Javier Guerra, quen supostamente o ía avisar "cando saian" unhas axudas
“Los funcionarios pasan y los políticos son unos cagaos”, di Crespo noutra conversa telefónica na que unha empregada supón que “ya habrá tocado y retocado la vía política”. Refírese, segundo os investigadores, ás súas negociacións con Beatriz Mato e Javier Guerra.
“Mañana voy a hablar con Bea [Mato], pero bueno, es que Bea puede lo mismo que el conselleiro de Industria... De mi parte, en una cena, a ver... No puedo mover más hilos, eh?”, explica. Tan só uns días despois, Gerardo Crespo tamén amosa a súa intención de non cobrarlle as cotas dunha das súas academias ao fillo de Beatriz Mato. “Cal é o motivo de que non queira ou dubide de cobrarlle? É unha actitude interesada dado o posto que ocupa?”, pregúntase a policía.
Pero a cousa vai máis aló. A principios de marzo de 2012, Crespo envía unha mensaxe a Pachi Lucas, o suposto “conseguidor” da trama corrupta. “Tengo que pedirte que llames a Bea para la programación de cursos; que nos dé un poco más que el año pasado”.
Tan só unhas semanas despois, Antonio Duarte, secretario xeral de USO en Galicia, fala con desesperación con Gerardo Crespo preocupada polas investigacións que se están a levar a cabo e facendo referencia, supostamente, a Beatriz Mato. “Cuando me llama la conselleira y me dice que me quiere ver en persona, esto no es ninguna broma ni no es nada; es grave. Y hay dinero público por medio, y yo soy el responsable, yo firmé... Gerardo, yo he confiado en ti”.
José Manuel Romay Beccaría
O ex conselleiro, ex ministro, ex tesoureiro estatal do PP, actual presidente do Consello de Estado e mentor político de Alberto Núñez Feijóo, entre outras moitas responsabilidades dentro do PP, figura no sumario do caso en varios dos correos electrónicos intervidos pola Policía, que a fan sospeitar que mediou para lograr adxudicacións a estas empresas. No primeiro deles, enviado por Crespo ao correo corporativo de Romay no PP en xullo de 2011, o presunto líder da trama remítelle "o informe que lle enviei a Ana Pastor", un "tema que se está debatendo no seo do partido e do que Ana me pediu que redactase un informe". "Teño tamén algunhas ideas que estou escribindo sobre o contrato de inserción ligadas á formación que che anexarei en breve", dille Crespo, que tamén expresa a súa "preocupación" polas "declaracións" de Esperanza Aguirre a respecto da FP dual. Romay responde días máis tarde sinalando que "agradezo moito a información que me mandas" e amosándose "seguro que o aplicarán como se merece".
A Policía cre que Romay mediou para que Crespo lograse unha adxudicación na Deputación da Coruña
Tres meses despois, a finais de setembro, Crespo escríbelle e novo a Romay para, "tal e como acordamos", facerlle chegar o "nome dos dous concursos aos que se vai presentar a miña empresa" na Deputación da Coruña. "Querido Gerardo, recibín o correo e trasladeille o asunto a Diego Calvo", presidente da Deputación, responde Romay Beccaría. Acto seguido, Crespo escribe de novo para preguntarlle ao histórico dirixente popular por "quen leva o programa do partido en temas formación, empleo, orientación" e informalo, asemade, de que "hoxe estiven con Diego". Un dos concursos aos que se refire Crespo foi adxudicado á súa empresa Gecreri, se ben dende a Deputación coruñesa se negou, en declaracións a La Opinión de A Coruña, que a influencia de Romay tivese algo que ver.
Na mesma liña, a comezos de 2012 a Policía unha nova mensaxe de Crespo a Romay: "Hola, necesito verte. Hoy llamé a Génova y pedí una cita. Cuando puedas voy a donde digas. Un abrazo". A xuízo dos investigadores, o empresario "busca a influencia de Romay Beccaría" porque o popular "ten moito poder para conseguir o pago do diñeiro adebedado pola Xunta e a Comunidad de Madrid". Días despois, Crespo explícalle por teléfono á súa dona que Romay "me va a conseguir una serie de entrevistas si yo quiero... Para hablar con una serie de personas".
Julio Flores
O número dous de Carlos Negreira, e tenente de alcalde no Concello da Coruña, Julio Flores, tamén aparece citado no sumario da operación Zeta. Entre os importantes contactos que no PP ten o principal imputado da trama, Gerardo Crespo, atoparíase tamén o deste político que foi imputado antes na Pokémon.
Dedúcese a relación dunha conversa captada pola policía nas escoitas telefónicas entre o presidente da federación de veciños Salvador de Madariaga, Juan Sáez Chas, e o propio Crespo. Desa parola os investigadores deducen que o concelleiro poder ter “algún tipo de acordo ilícito”.
A investigación coida que o número dous de Negreira pode ter "algún tipo de acordo ilícito" coa presunta trama
Na chamada, os dous protagonistas falan do “interese que ao parecer ten Julio Flores en cambiar a directiva do Círculo de Artesanos desta cidade en favor dun tal Salazar, o cal podería ter intereses inmobiliarios e co que podería ter algún tipo de acordo ilícito”. Tan só unhas semanas despois, a xunta do devandito Círculo de Artesanos dimitiu para abrir un proceso electoral do que sairía vencedor Modesto Sabucedo. “Si se vende ese solar... arre carallo”, di o dirixente veciñal a Crespo, que antes advertira de que a entidade “es una cosa que está en decadencia”.
Na mesma conversa, o principal imputado da trama refírse supostamente ao pago de comisións. “A ti y a mí no se atreven a pedirnos eso (...) Es que hay cosas que no se pueden pedir. ¡Joder, macho! Juan, yo llevo padeciendo muchísimo, porque, a ver, a mí me pueden pedir y yo puedo ofrecer una comisioncita... al jefe territorial, y al Joaquinito [supostamente referíndose a Joaquín Vila, daquela xefe de servizo na Xunta] y al otro... Pero lo que no me pueden pedir es decir ‘oye, haz esto, pégale una puñalada a este tío... aquí esto y nos llevamos tres millones de euros. Eso a mí no me lo pueden decir, primero porque les mando a tomar por el culo (...) No porque yo me lleve menos, y no porque digo ‘a estos viejecitos esto yo no se lo hago”