Pedro Sánchez apela a Rosalía e defende o uso do galego no Congreso: "Era imprescindible"

Rosario Álvarez, Luis García Montero, Pedro Sánchez e Francina Armengol, no Instituto Cervantes CC-BY-SA Instituto Cervantes

Pedro Sánchez apelou a Rosalía de Castro e reivindicou o uso do galego —e mais do catalán e o éuscaro— no Congreso dos Deputados como algo "imprescindible". "Esas linguas forman parte do gran legado cultural do noso país e debemos coidalas; e coidalas é falalas, escribilas pero tamén comunicar as ideas" a través delas, dixo o presidente do Goberno de España en funcións durante o acto de celebración do Día Europeo das Linguas celebrado no Instituto Cervantes de Madrid. 

Foi nun acto onde tivo unha especial relevancia a cultura galega e, nomeadamente, a figura de Rosalía de Castro, ao depositar a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, o legado da poeta na Caixa das Letras, cápsula do tempo onde o Cervantes garda obxectos relacionados coas artes, letras e a ciencia hispana.

Rosario Álvarez, durante a súa intervención no Instituto Cervantes CC-BY-SA Instituto Cervantes

"Non ten sentido pensar que en España só temos unha lingua, prohibindo, borrando e ocultando todas as demais", reivindicou Sánchez

Antes, Sánchez aproveitou o seu discurso para defender o uso plenamente regulado e legal de todas as linguas oficiais do Estado no Congreso, aprobado a pasada semana na Cámara Baixa. "Claro que se pode ser español sen saber todas as linguas, pero o que non ten sentido é pensar que só temos unha, prohibindo, borrando e ocultando todas as demais", dixo, tras defender que en España "as linguas cooficiais gozan, ao contrario que noutros lugares, dun amplo recoñecemento e protección". 

Con todo, advertiu Sánchez, adquiriuse agora "plena consciencia de algo fundamental". "Que a nosa pluralidade lingüística é un valor único que nos define e nos fai ser como somos", dixo, para insistir, en referencia á mudanza do regulamento na Cámara Baixa, en que "escoitar no Congreso as linguas coas que os nosos compatriotas nomean a realidade en España era imprescindible".

Sánchez defendeu "darlles espazos" a todas as linguas "alí onde está expresada a vontade popular" e cargou contra quen "inventa batallas ou conflitos onde só hai normalidade democrática"

Así, defendeu que "protexer unha lingua é decisión política, ao igual que censurala ou reducila" e advertiu contra "quen ten a intención de caricaturizar" o "esforzo" a prol de todos os idiomas ou contra quen "mesmo inventa batallas ou conflitos onde só hai normalidade democrática". "Aos que así razoan, direilles que o tempo acabará dando a razón ao progreso e á convivencia", ao igual que "en tantas outras conquistas e avances", engadiu antes de apelar á "esperanza de mañá en lugar do ruído transitorio do presente". 

Sánchez ollou atrás para lembrar que "España xa viviu un tempo no que as linguas cooficiais estiveron prohibidas" e asegurou que a actual democracia "está xa preparada para responder en todas as linguas". "É o momento de darlles espazos alí onde está expresada a vontade popular dunha cidadanía que quere expresarse nas súas linguas" que, dixo, "non son só patrimonio dos territorios de onde se falan" senón de todas as persoas. 

García Montero, Álvarez, Sánchez e Armengol, co legado de Rosalía de Castro CC-BY-SA Instituto Cervantes

Ademais, o xefe do Executivo central apelou a Rosalía de Castro, lembrando que se "enfrontou" a "enormes barreiras para exercer a súa vocación literaria". "Atreveuse a escribir, a pensar e a crear en galego, unha lingua daquela desprestixiada, desprezada e que se dicía de pobres", dixo, reivindicando tamén o exemplo que foi e é para o feminismo. "Escribiu sendo muller nun tempo onde ela mesmo dicía que non lles estaba permitido escribir o que dicían e sabían", asegurou Sánchez, que alertou de que "aínda quedan muros por saltar para que moitas mulleres poidan contar o que pensan e saben". 

Antes de rematar, o presidente do Goberno de España apelou ao poema que Federico García Lorca dedicou en galego a Rosalía (Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta). "Díxolle miña amiga... Igual que Lorca defendeu as linguasde España e levou o español ás cotas máis altas, reivindico que todos poidamos chamarnos meus amigos, els meus amics, nire lagunak", rematou.  

Antes, foi Rosario Álvarez, presidenta do CCG, quen tamén reivindicou o plurilingüismo e a diversidade cultural no Estado, no acto no que tamén se presentou a versión multilingüe do poema Llorando hacia Roma, de Federico García Lorca. 

Rosario Álvarez (CCG) interviu en galego e instou a"recoñecer a diversidade como riqueza" e a "non pretender que todos os pobos nos uniformicemos de acordo a un padrón que nunca foi común"

Así, Álvarez —que pronunciou o seu discurso en galego— iniciou a súa intervención lembrando a Lorca, "o poeta en lingua castelá máis difundido e traducido" que se sentiu poeta galego e que "sen facer da diferenza lingüística unha falsa barreira" deixou seis poemas en galego, froito desa conexión que o poeta granadino tivo con Rosalía e tamén coa cultura galega.

A presidenta do CCG lembrou o contexto social e político que definiu como un "avance histórico cara á igualdade efectiva de dereitos lingüísticos e culturais" e depositou na Caixa das Letras "a nosa lingua e a nosa cultura, representadas aquí pola figura galega máis universal, reverenciada por todos e todas, sempre admirada e nunca cuestionada, orgullo dun pobo enteiro desde todos os lugares que habitamos os galegos, navegantes de todos os mares e cidadáns de todos os continentes". 

Pedro Sánchez deposita o legado de Rosalía na 'Caixa das Letras' do Instituto Cervantes CC-BY-SA Instituto Cervantes

Ademais, nun acto onde tamén estaba presente a presidenta do Congreso, Francina Armengol, ou a ministra de Educación en funcións, Pilar Alegría, Rosario Álvarez convidou os presentes a que se achegasen "á cultura galega" e se esforzasen "un pouquiño para practicar a intercomprensión lingüística que fai tan doados os diálogos multilingües sen renuncias por ningunha das partes"

Así, instou a "recoñecer a diversidade como riqueza, a construír unha sociedade máis comprensiva e a non pretender que todos os pobos nos uniformicemos de acordo a un padrón que nunca foi común".

Por último, Rosario Álvarez destacou que entregou o legado rosaliano "en nome de todo o noso sistema cultural e, en definitiva, do pobo galego" que oscila "entre a propia voz da poeta e a vixencia do seu legado inmorredoiro".

Libros, disco e camisetas no legado de Rosalía

Nel incluíuse un exemplar de Cantares Gallegos (1863) editado por Galaxia no centenario ou o facsímile facilitado pola Real Academia Galega "da primeira edición de Follas Novas, saída en La Habana grazas ás xenerosas contribucións dos emigrantes galegos". Tamén un exemplar d'O herbario de Rosalía, un disco de vinilo de Amancio Prada, un libro de ensaios dedicados a ela por personalidades da intelectualidade galega e portuguesa no ano 1952; unha conferencia pronunciada por Luis García Montero; e un libro-disco en que nove das mellores poetas galegas contemporáneas dialogan poeticamente con Rosalía.

Tamén un moníptico cedido pola Asociación Astronómica Ío que permite localizar a estrela Rosaliadecastro, unha camiseta coa imaxe de Rosalía deseñada por Pablo Rodríguez/Xosé Miranda “con aires warholianos” e unha chapa coa rosa de cen follas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.