De reducilo e usalo como ariete político a negarlle espazo: o trato ao galego sinala a PP e Xunta 15 anos despois

Núñez Feijóo, antes do pleno que debateu o uso de galego, vasco e catalán no Congreso © Diego Puerta / PP

O 8 de febreiro de 2009, tres días antes de que Alberto Núñez Feijóo asinase solemnemente o seu Contrato con Galicia, arredor de dúas mil persoas xuntáranse en Santiago convocadas pola asociación Galicia Bilingüe. Por tras das pancartas, non lonxe das primeiras filas, a plana maior do PPdeG: sen Feijóo pero si o daquela secretario xeral do partido, conselleiro da Presidencia e hoxe presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Todos axitaran a bandeira dunha presunta "imposición" en plena precampaña autonómica e marchaban contra o decreto 124/2007 "polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo" e no que se establecía un "mínimo" do 50% das materias escolares impartidas na lingua propia de Galicia.

Hai 15 anos, Feijóo anunciaba que derrogaría o decreto do galego se chegaba á Xunta e iniciaba a campaña contra a lingua que incluíu a Rueda manifestándose con Galicia Bilingüe

Só uns meses antes, no outono de 2008, Feijóo anunciaba en rolda de prensa que, se chegaba a gobernar, derrogaría ese decreto para permitir que "os pais elixan a lingua vehicular do ensino" ou que "os alumnos elixan libremente a lingua nas aulas e nos exames". Supoñía o inicio dunha campaña contra a lingua galega e un suposto "conflito lingüístico sen precedentes" da que tiraría o PPdeG de cara aos comicios autonómicos que acabaría gañando con maioría absoluta en marzo de 2009. Co decreto 124/2007 —que o PP chegou a apoiar por ser un "instrumento esencial na promoción da lingua galega" para rexeitalo a última hora— como albo de todas as críticas pero cunhas subterráneas intencións que ían moito máis aló das lingüísticas. 

Auriculares para a tradución e interpretación, no Congreso Dominio Público

Feijóo rachou así un consenso histórico. Chegou á Xunta, derrogou o decreto e implantou outro, o chamado "do plurilingüismo", que permitiu relegar o galego a un máximo dun terzo das materias, vetalo en áreas de coñecemento como determinadas ciencias e excluílo da práctica totalidade do ensino infantil. Parcialmente ilegalizado polo TSXG e cunha forte contestación nas rúas, no Parlamento e entre numerosas institucións, foi peza principal dunha engrenaxe que puxo a lingua propia no foco. Non para potenciala e defendela, como establece o Estatuto de Autonomía para os poderes públicos, senón para deitar sobre ela abondosos prexuízos, froito da batalla política na que o idioma foi un ariete máis contra o executivo bipartito de PSdeG e BNG e con consecuencias que foron máis aló da perda de falantes da que advirten numerosos estudos

Como os que alertaron, desde a Real Academia Galega (RAG) ou desde o Consello da Cultura Galega (CCG) que aqueles prexuízos impulsados coa chegada de Feijóo á Xunta acentuaran o acelerado retroceso do galego e fixeran callar, sobre todo entre a mocidade, o mito dunha suposta "imposición" do idioma propio. Estudos das mesmas entidades que agora advirten da viraxe, tempo despois, no imaxinario social, na percepción dunha cidadanía menos proclive a aquel discurso contra a lingua, máis "consciente", tamén a rapazada, do "problema que sofre o galego"

Xusto quince anos despois do inicio daquela campaña contra o galego impulsada por Feijóo e o PPdeG, e que acabaría liderando lexislativamente a Xunta, a lingua volve á batalla política pero revirada. Xa non coas protestas e indignación pola súa minoración no ensino e polos prexuízos espallados desde o Goberno galego e o partido que o sustentaba, senón por situárense en contra —os mesmos— da ampliación de usos e espazos para o idioma, da súa utilización no Congreso dos Deputados, medida histórica que vén de aprobar a Cámara Baixa. 

Xunta e PP recibían críticas hai case quince anos pola redución do galego no ensino e por impulsar prexuízos; agora por non unirse aos que apostaron por ampliarlle espazos

En definitiva, o marco do debate xa non se centra na redución da presenza do galego onde xa tiña espazo ou facilidades para telo, senón en incorporar o galego a ámbitos onde estaba restrinxido. E onde o PPdeG usaba agora o idioma como ariete agora xoga á defensiva. 

Rueda xa non apoia manifestacións de Galicia Bilingüe e ascendeu á presidencia da Xunta; e Feijóo non aspira a San Caetano, senón que ultima os preparativos dunha investidura cara á Moncloa cuxo éxito non ten traza ningunha. Pero o galego segue aí: daquela co apoio aberto do PPdeG —moito menos deG desde entón— a pequenos grupos que sempre criticaran a Fraga pola súa posición a respecto do idioma para aglutinar voto e evitar fugas que puxesen en risco a maioría absoluta; agora, coa negativa do partido e do propio Goberno autonómico a impulsar ou como mínimo apoiar o uso do galego no Congreso (tampouco na UE). Ás portas tamén dunhas eleccións autonómicas. 

Alfonso Rueda, na rolda de prensa tras o Consello o pasado 21 de setembro CC-BY-SA Xunta

Con Gómez Besteiro —máis que probable candidato á Xunta polo PSdeG— estreando co galego o plurilingüismo na Cámara Baixa, co BNG usando integramente a lingua propia e advertindo da súa histórica e constante defensa do idioma, e con Sumar reivindicando o seu papel principal na consolidación do recoñecemento da plurinacionalidade do Estado. Na outra banda, Alfonso Rueda abrindo a porta a usar o galego no Congreso malia votar en contra e Feijóo estudando se recorre a medida ao Tribunal Constitucional

Freixanes, presidente da RAG, cualifica de "erro" a postura da Xunta e do PPdeG no uso do galego no Congreso, que considera un "feito histórico"

No fondo, as críticas que, como hai quince anos, chegan tamén da principal institución arredor da lingua: a RAG. O seu presidente, Víctor Freixanes, cualifica a postura do PPdeG e da Xunta de "erro" e de "falta de cintura política". "Así llelo dixen", advirte a Praza.gal, tras advertir que non poden "poñerse á marxe na cuestión da lingua galega" porque "fala moi mal" das institucións. 

"Estamos falando dunha xornada histórica, o uso do galego no Congreso que chega máis de corenta anos tarde. É unha mágoa que chegue así, ás carreiras e derrapando, pero non hai dúbida de que é un feito histórico", engade Freixanes, que cre que o emprego da lingua propia, do catalán e do éuscaro no Congreso é o lóxico. "Se o Estado español existe e somos todos, e se é unha realidade plural e diversa, todos temos que ter voz nas cámaras que representan a soberanía", di. "Quen discute isto queda un paso atrás", insiste. 

"Que é simbólico? Si. Que podemos entendernos en castelán? Tamén, pero iso non quita que as linguas que representan diferentes identidades nacionais, culturais e sociais deban ter un sitio", asegura. "Hai unha España que teima en crer que no plurilingüismo ten un problema cando só é unha riqueza", engade. 

En liña parecida maniféstase Iria Taibo, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), que considera "un erro histórico" da Xunta e do PP non ter apoiado o uso do galego no Congreso. "Non ten sentido ir en contra dun dereito lingüístico, máis cando o Estatuto de Autonomía deixa claro que a defensa e a potenciación da lingua propia son unha das obrigas do Goberno galego", di.

Gómez Besteiro defende no Congreso a reforma do regulamento para permitir o uso do galego © Congreso

Ademais do obvio beneficio en dereitos e na "visibilidade" e "importante paso" que supón para o idioma, Taibo lembra tamén a relevancia  no seu sector profesional e na "creación de máis postos de traballo" para intérpretes e tradutores para o galego. E desbota as críticas polo suposto elevado gasto que supón aplicar a medida. "Andar con iso de que é moi caro... En fin, mellor non comparalo con outras cousas", advirte Freixanes. 

Non opina o mesmo o PP nin o PPdeG, que verteron duras críticas ao uso do galego no Congreso, contestadas con outras tantas desde BNG, PSdeG ou Sumar: "Deshonra", "indigno", "lamentable"... 

Generalitat e Goberno vasco

"A miña vida política nos últimos vinte anos desenvolveuse basicamente nunha lingua. É unha lingua que seguirei falando ata que morra e, por iso, non acepto que soben unha das miñas linguas en beneficio exclusivo dun só home en España", dixo Feijóo este xoves, en referencia ás negociacións con Junts e o seu líder, Carles Puigdemont, de cara á investidura de Pedro Sánchez. Conversas —con máis partidos— claves para que se permitise o uso de todos os idiomas oficiais no Congreso. 

Pouco antes, anunciaba que o seu partido estuda xa recorrer a reforma do regulamento que permite o uso do galego ao Tribunal Constitucional e logo de semanas nas que a súa formación criticou con dureza o visto e prace ao plurilingüismo na Cámara Baixa, confirmado este pasado xoves coa presenza no Congreso, entre outras persoas convidadas, da conselleira de Cultura da Generalitat de Catalunya, Natàlia Garriga. 

Néstor Rego intervén no Congreso no pleno que aprobou o uso do galego na Cámara Baixa CC-BY-NC-ND BNG

Acudiu a Madrid para unha xornada histórica na que dixo que celebraba "a reforma que por fin permite falar en catalán no Congreso e que acaba cunha anomalía de hai máis de 40 anos". "Constatamos que con vontade política pódense facer moitos cambios e a vontade política ás veces haina que forzar, por iso cómpre ter forza", engadiu a representante do Govern. 

Tamén desde o Executivo vasco se deu a benvida ao avance que supón para o éuscaro a súa utilización na Cámara Baixa. "É un bo paso, na boa dirección", asegurou o lehendakari, Íñigo Urkullu. Nada dixo a Xunta, máis aló das posicións en contra do seu presidente. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.