Pontón acusa a Xunta de ser un “terminal” dos intereses electorais de Feijóo e reclama "medidas concretas" contra a crise

Ana Pontón, este sábado no Consello Nacional do BNG © BNG

"Cren que canto peor lle vaia á maioría dos galegos e galegas, canto máis lle suba a luz, a gasolina ou a cesta da compra, mellor lle vai a ir ao PP en Madrid”, afirmou Pontón

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este sábado ao Goberno galego que inclúa nos orzamentos de 2023 un “verdadeiro” plan de resposta ante a crise de prezos. Ademais, a líder nacionalista acusou á Xunta de estar convertida "nun terminal dos intereses electorais do señor Feijóo en Madrid”.

“Xa non é que a Xunta non estea á altura, é que está unicamente traballando como oposición da oposición e cun gabinete ao servizo dos intereses do PP practicando a peor das políticas porque cren que canto peor lle vaia á maioría dos galegos e galegas, canto máis lle suba a luz, a gasolina ou a cesta da compra, mellor lle vai a ir ao PP en Madrid”, sinalou Pontón durante a súa intervención no Consello Nacional do BNG.

Ana Pontón, este sábado no Consello Nacional do BNG © BNG

Pontón fixo fincapé nas “propostas concretas” do Bloque, que pasan por mobilizar 1.000 millóns de euros para financiar medidas nos ámbitos nos que a Xunta pode actuar 

Pontón afirmou que “Galiza necesita un goberno que defenda os intereses dos galegos e das galegas e non os intereses electorais do PP”. Neste senso, fixo fincapé nas “propostas concretas” do Bloque, que pasan por mobilizar 1.000 millóns de euros para financiar medidas nos ámbitos nos que a Xunta pode actuar e que concretou en catro eixos básicos. 

En primeiro lugar, rescatar ás persoas vulnerables e máis desfavorecidas; segundo, un programa de medidas para salvar sectores estratéxicos da economía e garantir o emprego, cunha aposta clara pola innovación; en terceiro lugar, reforzar os servizos públicos esenciais, entre os que citou a educación, os coidados e a sanidade, ámbito este último no que defendeu un plan de choque “para frear o deterioro da Atención Primaria”; e, finalmente, un fondo extraordinario de investimentos en enerxía, mobilidade, vivenda e auga.

“A UE está provocando máis inflación; as sancións que se toman contra Rusia non paran a guerra, non están prexudicando a Rusia senón que están prexudicando á cidadanía galega e ao conxunto da cidadanía europea con máis inflación”, dixo Pontón

A líder nacionalista criticou ademais a toma de decisións por parte da UE. “A UE está provocando máis inflación; as sancións que se toman contra Rusia non paran a guerra, non están prexudicando a Rusia senón que están prexudicando á cidadanía galega e ao conxunto da cidadanía europea con máis inflación”, afondou para explicar a continuación que “estamos deixando de mercar gas e petróleo a Rusia para mercarllo a EEUU a un prezo moi superior e, por certo, obtido con métodos moi contaminantes como o fracking, que prohibimos no noso país”. Así mesmo, Pontón advertiu de que a suba dos tipos de xuro supón “un mazazo para as economías familiares, para as PEMES do noso País e para os nosos sectores produtivos”.

Finalmente, a portavoz nacional do BNG defendeu un cambio na regulación do mercado eléctrico “que acabe con eses escandalosos beneficios caídos do ceo”, a creación dunha empresa pública de enerxía e a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega. “É preciso poñer en marcha un novo modelo enerxético que nos permita tamén facerlle fronte á emerxencia climática que vive o noso país”, concluíu

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.