Ana Pontón foi poñendo fin á campaña electoral cunha mensaxe crecente de "ilusión e esperanza" para un "cambio galego" que remate cunha "muller presidenta" e co nacionalismo por primeira vez dirixindo a Xunta. Ao ritmo de medre que lle foron dando as enquisas, o BNG colleu pulo tamén na última semana previa ao 12X convencido da posibilidade non só de desbancar o PP do Executivo, senón de liderar a alternativa de esquerdas.
“O cambio galego é posible se concentramos todos os votos das persoas que queren unha Galiza con futuro na papeleta do BNG”, di Pontón
“O cambio galego é posible se concentramos todos os votos das persoas que queren unha Galiza con futuro na papeleta do BNG”, dixo a candidata á presidencia nun acto en Compostela na que xunto ás persoas que encabezan as candidaturas: Xosé Luís Rivas, Olalla Rodil, Noa Presas e Luís Bará.
A chamada a "sumar o voto" na formación nacionalista como aval dun "cambio político con garantías" é a mensaxe insistente do Bloque. Tan convencido do seu salto --as enquisas non lle auguran menos do dobre de representación con respecto ás últimas autonómicas-- como pendente da longura dun chimpo que baila no arame entre unha marca histórica ou un subcampionato sen podio. Cuestión, tamén, de expectativas.
Pontón insiste en que "o cambio político é posible" e na ilusión por "facer historia cunha presidenta e cun goberno con mans libres". Así o dixo na Quintana, chamando especialmente á xente nova --como tamén fixo nun acto en Bueu--, aos indecisos e a todos aqueles "que queiran romper coa época gris" de Feijóo. "É momento de cambio", insistiu quen tamén pediu mobilización antes de pechar campaña na Coruña, onde o BNG tira do lema atribuído á heroína María Pita, nan praza do mesmo nome, desta vez prestado para a candidata: "Quen teña honra que me siga".
Pontón chama á mobilización, en especial da xente nova e dos indecisos, para "enterrar a incompetencia de Feijóo"
Pide Pontón que a sigan. Que a sigan moitos, cunha mensaxe que vai máis aló dos nacionalistas e soberanistas e da esquerda máis á esquerda, senón para todos aqueles que aposten polo "cambio" e "por un novo proxecto de país, unha nova Galiza”, nunha mensaxe máis ampla. A dun "novo modelo produtivo en verde, que aposte pola investigación, polo emprego, polos servizos públicos e pola nosa lingua e cultura".
Pontón chamou a "enterrar a incompetencia" de Feijóo, plasmada, segundo dixo, nuns rebrotes nos que "non houbo previsión nin anticipación". Segundo a candidata nacionalista, "as mentiras e a incompetencia van ter unha resposta contundente nas urnas". “A mellor resposta é unha gran participación e unha votación masiva polo cambio galego", insistiu, tras criticar que o presidente da Xunta "escollese o camiño da manipulación e da ocultación", en referencia á xestión da repunta de casos de covid na Mariña.