O presidente da Xunta e o líder do PSdeG poñen en dúbida o respectivo interese en loitar contra a violencia de xénero
Cun ton suave, sen alporizarse, de xeito civilizado, este martes o presidente da Xunta e os portavoces de BNG e PSdeG intercambiáronse diversas descualificacións no Parlamento. A portavoz nacionalista, Ana Pontón, chamou "autoritario e antidemocrático" a Alfonso Rueda, e o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo en dúbida que realmente queira loitar contra a violencia machista, ao que o presidente da Xunta respondeu que é o socialista quen só se preocupa por esa cuestión por intereses partidarios mentres ve a nacionalista "nerviosa".
A sesión de control á Xunta deste martes, adiantada un día por unha viaxe oficial que inicia Rueda a Brasil, centrouna Pontón nos obstáculos que está a poñer o PP á comisión de investigación sobre os contratos de emerxencia da Xunta durante a pandemia e a concesión do hospital de Vigo. A nacionalista dixo que aos populares "a maioría absoluta subíuselles á cabeza". "Xa sabiamos que vostede era un presidente desleal", engadiu, para cualificalo agora tamén de "autoritario e antidemocrático".
Rueda respondeu a Pontón dicindo que a ve "especialmente nerviosa" e, a conta das sospeitas que os nacionalistas teñen sobre os contratos da Xunta, preguntoulle se está "en condicións de dicir que ninguén da súa contorna familiar recibe contratos menores de administracións do BNG". O presidente deu por rematado o debate salientando que "cada vez que se lle pide á xente que opine, nos dá a máxima confianza e a vostedes os manda á oposición".
Pola súa banda, desde o PSdeG Besteiro centrou a súa intervención na loita contra a violencia machista, poñendo en dúbida as medidas que está a tomar a Xunta, como a decisión de substituír a anterior Secretaría Xeral de Igualdade por dúas direccións xerais de Igualdade e Loita contra a Violencia de Xénero. O socialista tamén lembrou o apoio do PP a un concelleiro condenado por violencia machista.
Na súa resposta, Rueda preguntou ao socialista se ten dúbidas da loita contra a violencia machista de algún dos deputados de calquera das forzas políticas presentes na Cámara, ao que Besteiro respondeu sinalando o propio presidente da Xunta. A resposta de Rueda a ese xesto foi retrucar coa mesma intención ao socialista: "a vostede a violencia machista só lle importa para confrontar".