"O candidato do PP está de brazos cruzados ante a maior crise industrial. Cando se precisa liderado, mantén a súa estratexia de botar balóns fóra". A portavoz nacional e candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, expresábase este sábado nestes termos ao termo dun encontro coas cabezas de lista que, xunto a ela mesma, lideran as candidaturas do Bloque para os comicios do 12X. Con eles, asegurou asumir o "compromiso" de "traballar pola nacionalización" das factorías galegas de Alcoa se a formación soberanista "lidera" o próximo Goberno.
A líder do BNG ve na actitude de Feijóo ante a ameaza de peche de Alcoa, "de brazos cruzados", a mostra da "Galiza gris, submisa e decadente" que, ao seu xuízo, representa o Goberno do PP
Para Pontón, a actitude do actual Goberno do PP fronte ao anuncio da multinacional americana para pechar unha das súas factorías en San Cibrao e despedir máis de 500 persoas é boa mostra da "Galiza gris, submisa e decadente" que representa Alberto Núñez Feijóo e o Executivo dos conservadores. O 12 de xullo nas urnas estará por unha banda ese "modelo" e por outra, afirma, "o cambio galego que representa o Bloque". "E eu quero ser a presidenta do cambio galego, dun país vivo", afirma.
A xuízo da líder nacionalista, alén dun desexo, este é "un reto posible" sempre e cando o 12X haxa "unha gran mobilización" do electorado galego que, exemplifica, "olla ao exemplo vasco como un pobo que avanza da man dun Goberno que se fai valer". "Estou convencida de que iso é o que cada vez máis xente quere para Galiza", máis aínda "ante un Feijóo que teima nas mesmas receitas fracasadas".
"Que non digan que non se pode os mesmos que rescataron a banca con 90.000 millóns de euros"
Igual que "o candidato do PP mantén a súa aposta polas residencias privadas" malia ás eivas que padeceron na crise do coronavirus", segue ao seu xuízo "de brazos cruzados" na crise de Alcoa. Pero igual que "hai alternativa" para a sanidade ou a educación, defende, "haina fronte ao peche para salvar a comarca da Mariña e centos de empregos". "Está en risco o futuro de 3.000 familias que non queremos que teñan que convertirse en beneficiarias do ingreso mínimo vital ou da Risga".
"Non se pode pechar Alcoa e hai solución: nacionalización e tarifa eléctrica galega", mantén Pontón. Por iso, asegura, "asumo o compromiso de traballar pola nacionalización de Alcoa" se o Bloque encabeza a Xunta no Goberno que poida elixir o Parlamento conformado nas eleccións do 12 de xullo. Esa nacionalización, asegura, permitiría "garantir a produción e os postos de traballo" e un Goberno do Bloque non aceptaría "un non por resposta". "Que non digan que non se pode os mesmos que rescataron a banca con 90.000 millóns de euros", mantén.