Pontón dá por iniciada a "conta atrás" para o cambio en Galicia e Formoso abre as portas a todos os progresistas

Ana Pontón intervén no Consello Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

BNG e PSdeG dan por iniciado o camiño da mudanza política en Galicia a poucos días de que Alfonso Rueda chegue á presidencia da Xunta. A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, advertiu este sábado tras a reunin do Consello Nacional que xa "comezou a conta atrás" para o "cambio galego" no que, dixo, a súa formación "representa o futuro e o PP, o pasado". Pola súa banda, Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, interveu no Comité Nacional Galego do seu partido, ao que reivindicou como "alternativa" aos populares, ademais de abrir as súas"portas" a todos os progresistas "para construír un país con futuro". 

González Formoso intervén no Comité Nacional do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

Pontón advirte que o vindeiro Debate de Investidura será un "cara a cara entre o pasado e o futuro"

Así, Ana Pontón advertiu que no vindeiro Debate de Investidura, no que Alfonso Rueda será elixido novo presidente da Xunta, verase unha "cara a cara entre o pasado e o futuro" e deixou claro que o cambio político en Galicia "está en marcha". Para a líder do Bloque, son "tempos de cambio e renovación política" en Galicia, onde aclara que a súa formación está "preparada para gobernar". 

Ademais, Pontón reprochou que o sucesor de Feijóo á fronte da Xunta non foi elixido pola cidadanía galega. "É un presidente que chega de rebote", asegurou a portavoz nacional, que reclamou unha suba de impostos ás eléctricas e a creación dunha tarifa eléctrica galega que baixe a factura aos cidadáns e ás pemes.

Por outra banda, Formoso propuxo propuxo este sábado a Alfonso Rueda chegar a acordos en materia económica, para a mellora da Atención Primaria e as políticas sociais. Así o manifestou na súa primeira intervención como xefe de filas dos socialistas galegos ante o Comité Nacional do PSdeG, que se reuniu este sábado por primeira vez con el á fronte da formación.

Formoso propón a Rueda acordos en materia económica, para a mellora da Atención Primaria e en políticas sociais

Alí, Formoso reivindicou o PSdeG como “alternativa ao PP” en Galicia. “Non nos resignamos”, proclamou tras aproveitar para lanzar unha clara mensaxe a todos e todas as progresistas de Galicia: “Tedes abertas as portas do PSdeG para construir un país con futuro entre todos e todas”. 

“Podemos facelo, sabemos facelo e farémolo”, dixo Formoso á militancia socialista, á que pediu o seu "concurso" nun momento "apaixonante" para Galicia. 

Ademais, Alfonso Rueda lamentou que a oposición avanzase xa ao seu voto en contra da súa investidura malia non ter pronunciado aínda no Parlamento galego as súas propostas. "Diga o que diga Rueda, van dicirlle que non. Son o partido do non polo non", criticou no XIII Congreso do PP local de Pontevedra. 

Rueda incluíu nas súas críticas tanto o PSdeG como o BNG. "O PP é o partido do si", asegurou tras un congreso no que Rafa Domínguez foi reelixido presidente do PP local de Pontevedra co 97,3% dos votos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.