Pontón augura que o cambio na Xunta empezará nas municipais e advirte da "experiencia" do BNG en vencer a Rueda

Ana Pontón e cargos municipais do BNG, no encontro con representantes locais da formación mantido este 30 de abril en Santiago CC-BY-NC-SA BNG

Dentro dun ano faltará apenas unha semana para o inicio da campaña das eleccións municipais. Con este horizonte, o BNG xuntou este 30 de abril en Santiago a alcaldes, alcaldesas e demais representantes da formación no eido local para "perfilar a estratexia e activar a organización" cara a uns comicios que a formación soberanista xa marcara na súa Asemblea Nacional como chanzo clave cara a un eventual cambio político en Galicia nos comicios ao Parlamento previstos para 2024. 

As eleccións locais son agora observadas polo Bloque como unha cita aínda máis clave pola remuda na presidencia da Xunta a causa da dimisión de Alberto Núñez Feijóo. Na súa intervención ante os cargos locais, a portavoz nacional, Ana Pontón, amosouse convencida de que o "o próximo Goberno galego" vai estar "liderado polo BNG" e "vai empezar a construírse nas vindeiras eleccións municipais". 

Acto do BNG en Pontevedra sobre as súas medidas contra a suba de prezos, no serán deste venres CC-BY-NC-SA BNG

Nunha xornada na que tamén interviñeron representantes municipais como Rubén Arroxo, tenente da Alcaldía do Concello de Lugo, Pontón advertiu de que "hai quen quere difundir a teoría de que o BNG ten un teito", a súa actual representación parlamentaria -a maior na historia da formación-, o cal non pode superar. "Pero cada vez que se fai unha enquisa, o que nos di é que quen chegou ao seu teito" é o PP que agora encabezará Alfonso Rueda, un PP no que "están nerviosos, e eu diría que teñen motivos para estalo".

Pontón sinala os concellos do Bloque como mostra da "mellor versión de Galiza" que podería construír dende o Goberno galego e subliña a necesidade de presentaren en 2023 "as mellores candidaturas da historia" da formación

Neste sentido, e en presenza de varios membros do goberno municipal de Pontevedra, Pontón advirte de que "se algo sabemos no BNG é gañarlle a Rueda", presidente do PP provincial pontevedrés dende 2016. "Se algunha experiencia ten Rueda co BNG é o sabor amargo da derrota cada catro anos", ironiza en referencia ás eleccións municipais. "Eu -asegura- comprométome a seguir con esa racha" na cita local de 2023, mais tamén "dentro de dous anos, nas eleccións galegas".

Porque o PP, sinala Pontón, "representa o pasado" mentres o BNG pode amosar "a mellor versión de Galiza" nos concellos onde goberna. Por ese motivo, advirte, o Bloque ten a obriga de concorrer coas "mellores candidaturas municipais da súa historia" e así poder ampliar o número de "gobernos transformadores", con "prestixio e saber facer", dixo citando casos coma o de Pontevedra, mais tamén consistorios como Allariz, Moaña, Rianxo, Poio, O Rosal, San Sadurniño, Ribadeo, Muras ou gobernos locais nos que participa, sinalando explicitamente Lugo e Verín.

"Todo o bo facer dos nosos gobernos municipais é un caudal inmenso para fornecer un goberno alternativo na Xunta", conclúe Pontón. Nos vindeiros meses, subliña, aos cargos locais do Bloque tócalles "dialogar, expandir, ampliar e confiar" para "ir por todas" primeiro nos concellos e despois, nas eleccións galegas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.