O 25 de xullo de 1968 formacións soberanistas como a Unión do Povo Galego apostaron por recuperar a celebración do Día da Patria como xornada de reivindicación nacional e, na altura, de loita contra o franquismo. Unha faixa despregada na Alameda compostelá co lema 'Viva Galiza ceibe e socialista' foi mostra do que as autoridades da ditadura viviran como unha provocación a reprimir.
A portavoz nacional do Bloque defende que “as xeracións de hoxe” serán quen que protagonizaren o “salto adiante” do nacionalismo galego coa vista posta nas vindeiras municipais
Aquela primeira mobilización de hai medio século foi evocada este 25 de xullo pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no acto central da formación co gallo do Día da Patria. Ante os milleiros de persoas que se congregaron na praza da Quintana ao termo da tradicional manifestación convocada polo Bloque, Pontón apelou as “leccións” da historia do nacionalismo galego, pero tamén a que sexan “as xeracións de hoxe” as que “dean un novo impulso ao proxecto de rebeldía e inconformismo” da organización, que se prepara para un “salto adiante” a comezar polas vindeiras municipais.
A contorna do Bloque, asegura Pontón, destila agora “optimismo” e “esperanza”. “Os que lle vían pouco futuro ao BNG levaron un chasco como esta catedral”, ilustrou á beira do templo compostelán. “O BNG está ben vivo, ten por diante un futuro moi esperanzador” para afrontar os retos electorais, mantén, pero tamén para reivindicar a “cidadanía libre da Galiza” fronte ao aparello do Estado e unha monarquía que cómpre “abolir”.
Pontón, antes de iniciar o seu discurso na Praza da Quintana / BNG
O Bloque é hoxe, di Pontón, "unha organización que se adapta aos tempos actuais e futuros” e por iso “unha parte moi substancial da sociedade galega está mirando cara a nós"
O Bloque, reivindicou, é hoxe “unha organización que se adapta aos tempos actuais e futuros” e por iso “unha parte moi substancial da sociedade galega está mirando cara a nós” como “esperanza dun futuro mellor”. Na formación que encabeza non hai “falsos acabados de galeguismo ou nacionalismo”, afirma Pontón, senón unha “alternativa propia” que é tamén a mellor garantía do “cambio de rumbo urxente que Galiza necesita”.
A formación soberanista, dixo citando o desaparecido Bautista Álvarez, non cae no “radicalismo estéril” nin no “mimetismo con outras nacións” ou no “tacticismo ou asimilación coas forzas do sistema”. Os concellos serán en 2019, augura, a primeira fase para ofrecer ao país “un proxecto que poña en valor as potencialidades propias” e permitirá “avanzar cara a un futuro mellor”. “Non nos autolimitemos, sexamos inconformistas, dirixámonos ás maiorías sociais” como fixeron “as mozas e mozos que hai cincuenta anos nos uniron a este fío de amor polo país”.
O veterano Lois Diéguez e a moza María Alonso izaron unha bandeira galega coa estrela vermella
O izado por parte do veterano Lois Diéguez e a moza María Alonso dunha bandeira galega coa estrela vermella nun mastro instalado no escenario da Quintana e o canto do himno galego culminaron un acto, un ano máis, inzado de berros de “Galiza ceibe, poder popular” tamén algúns a prol da independencia. As actividades do BNG polo Día da Patria continuaron como adoito, ata a fin da xornada, no recinto do Festigal.