Pontón evoca "razóns para a esperanza" cara á "mellor Galiza" na súa mensaxe de fin de ano

Mensaxe de fin de ano de Ana Pontón, gravada no Café Moderno de Pontevedra CC-BY-NC-SA BNG

A portavoz nacional do BNG divulga o seu vídeo para despedir 2025, gravado no Café Moderno de Pontevedra a xeito de homenaxe a Castelao

Tras os vídeos de Nadal, chegan as mensaxes políticas de fin de ano. Na semana que pechará o 2025, que no político concluirá coa habitual alocución do presidente da Xunta o día 31, a portavoz nacional do BNG adiantou a este 29 de decembro súa despedida audiovisual do exercicio que remata, que tamén foi Ano Castelao.

O Bloque elixiu como escenario para a mensaxe de Ana Pontón o Café Moderno de Pontevedra. No antigo local hostaleiro e actual centro cultural, lembrou Pontón, compartiu horas de faladoiros "quen foi o primeiro presidente de Galiza no exilio" e dende alí evocou o que considera "razóns para a esperanza" cara á construción da "mellor Galiza".

Mensaxe de fin de ano de Ana Pontón, portavoz nacional do BNG CC BY-NC-SA BNG

Asegura a líder nacionalista ser consciente de que o 2025 remata entre o "cabreo" da poboación, especialmente da máis moza, polos atrancos no acceso á vivenda. Con problemas na sanidade pública, con lista de espera "ata na médica de cabeceira", ou con carencias na atención pública á teceira idade.

Pontón eloxia os "exemplos de dignidade" das mobilizacións na defensa da sanidade e da educación pública ou contra Altri e subliña que "o feminismo é máis necesario ca nunca"

Feitos coma este, resalta, foron confrontados con "exemplos de dignidade dos galegos e galegas, enchendo as rúas na defensa da sanidade pública", da educación, da lingua galega ou do territorio despois dos históricos incendios do verán. Castelao, coida, tamén "estaría na rúa contra a bomba ambiental de Altri". Mobilizacións coma estas, coida, son en si mesmas algunhas desas "razóns para a esperanza".

Este, resalta, tamén foi un ano no que ficou claro que "o feminismo é máis necesario ca nunca para combater as violencias que nos acosan" e ante as que "ningunha denuncia" pode quedar "impune". "Nin un paso atrás, compañeiras!", alentou.

Cun formato concibido para as redes sociais, Pontón conclúe a súa mensaxe de fin de ano resaltando que "hai moitas razóns para a esperanza" porque "somos un gran país, de xente traballadora, honesta e con talento", cunha "cidadanía viva e un pobo que non se rende". Toda esa cidadanía, asegura, ten "a man tendidad o BNG para poñer en marcha a mellor Galiza, na que soñar e facer realidade os nosos soños", ao xeito do afirmado por Castelao.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.