O PP presentou este ano a Rueda como cociñeiro dunha cea "para todos os galegos" entre mencións ao PSOE e BNG como corruptos e intolerantes
É sabido que os medios de comunicación convencionais hai tempo que non son o único terreo no que as forzas políticas procuran facer ecoar as súas mensaxes, tamén no terreo dixital. Esta é a razón pola que na actualidade as principais formacións elaboran contidos hai poucos anos impensables por estaren concibidos fundamentalmente para a súa divulgación a través de internet en xeral e das redes sociais en particular.
É o caso das montaxes divulgadas co gallo das festas do Nadal, Aninovo ou Reis. O Nadal político galego comeza con dúas destas pezas: a publicada a pasada fin de semana polo PP e a lanzada este 23 de decembro, véspera de Noiteboa, polo BNG.
O partido do Goberno optou neste 2025 por construír o seu vídeo en torno a un relato no que Alfonso Rueda prepara unha cea de Nadal "para todos os galegos". Entre chanzas de familiares e compañeiros de partido sobre a súa teórica escasa habilidade como cociñeiro, os conservadores volven intercalar felicitacións con parodias contra PSOE e BNG, quer caricaturizando os socialistas como corruptos ou os nacionalistas como "intolerantes"
Pontón vira monologuista no vídeo do BNG para, "con todo o meu humor", felicitar as festas con chanzas e referencias á actualidade
O BNG, pola súa banda, optou este ano por converter a súa portavoz nacional, Ana Pontón, en monologuista. "Con todo o meu humor, felices festas!", desexaba este martes Pontón a través de Instagram e X para presentar un vídeo no que, entre chanzas sobre o seu interese en adestrar para ofrecer o discurso de Fin de Ano "cando sexa presidenta" ironiza sobre diversos asuntos da vida cotiá e da actualidade.
Os avatares dos xantares e ceas das festas son mesturados no monólogo de Pontón co agoiro de que a deste Nadal será a "última cea" de Altri, a quen atribúe "pluriemprego" para cargos do PP ou a condena do xenocidio en Palestina. A montaxe conclúe cunha felicitación das festas á cidadanía.
O PSdeG, polo momento, non divulgou un vídeo polas festas. O pasado 2024 fíxoo contra fin de ano cando, acompañado pola alcaldesa de Vilalba, José Ramón Gómez Besteiro trasladou a súa felicitación dende unha cociña onde colaborou na preparación do tradicional capón. O mesmo prato que, casualmente, foi o elixido este ano por Rueda para anunciar a súa intención de cociñar polo Nadal.