Os grupos políticos depositan nas redes gran parte das esperanzas de que os seus discursos ou retruques atravesen os muros do Parlamento e do silencio. Boa mostra foi o eco do enésimo debate propiciado polo PP sobre supostos perigos provocados polo BNG
Un clásico do parlamentarismo galego, o veterano e non sempre valorado ex-deputado socialista Ismael Rego -membro da Cámara dende finais dos 80 e ata 2012-, adoitaba introducir algunhas intervencións dirixíndose ás persoas que seguían a sesión dende fóra do Pazo do Hórreo a través da televisión ou da radio. Por veces facíao dende a retranca, consciente da dificultade de que os debates do Parlamento interesen á sociedade por moi importantes que sexan as materias tratadas, máis aínda nunha esfera pública coas limitacións da galega.
Cando Rego deixou de ser deputado -tras as eleccións de 2012- o papel das redes sociais era aínda moito máis limitado do que é hoxe. Case década e media despois, os grupos políticos depositan nestas plataformas unha parte non menor das esperanzas de que os seus discursos ou retruques dean atravesado os muros do Parlamento e do silencio. Para chegar ás parroquias propias, mais tamén para tentar que os algoritmos lles permita ir máis alá delas.
Sábeo ben o grupo que sustenta o Goberno, aquel que noutrora se laiaba por boca de Alfonso Rueda de recibiren malleiras en internet e que hai anos que inviste notables esforzos -e colleita diversos éxitos- neste terreo. E tamén é ben consciente o primeiro grupo da actual oposición, o BNG. Boa mostra foi, na semana que remata, o eco que nas redes tivo o enésimo debate propiciado polo PP para alertar de supostos perigos provocados pola esquerda, neste caso un suposto "adoutrinamento" nas aulas fomentado polo Bloque e mais pola CIG.
No marco da estratexia de sinalar o Bloque como unha organización ante a que estar "asustados", o PP defendeu unha iniciativa para "rexeitar calquera intento de adoutrinamento político" nas aulas por parte da CIG
No marco da estratexia xeral de tentar sinalar a formación que lidera Ana Pontón non como unha alternativa de Goberno, senón como unha organización radical ou mesmo violenta ante a que estar "asustados", os populares trasladaron á Cámara unha iniciativa chamando a "rexeitar calquera intento de adoutrinamento político das nenas e nenos en idade escolar". Procuraron así ampliar as acusacións iniciadas hai semanas apoiándose en materiais didácticos que a CIG-Ensino oferta ao profesorado. Entre outros, nunha unidade editada polo sindicato hai seis anos polo Día do Orgullo que incluía, entre as súas referencias, ligazón ao fanzine Galiza Nación Cuir, do colectivo ourensán A Galleira.
A proposta defendeuna a deputada Carmen Pomar, breve conselleira de Educación con Alberto Núñez Feijóo -apenas dous anos, de 2018 a 2020- que, tras ser destituída, optou por continuar como deputada no canto de regresar en exclusiva ao seu labor como profesora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación na USC. Con notable belixerancia, Pomar alertou dunha esquerda que, dixo, está contra a "liberdade"e dun BNG que "quere unha estrela tatuada no ombreiro" de todas as figuras históricas que se estuden nas aulas.
Os populares divulgaron un fragmento da intervención de Pomar nas redes sociais, aínda que cun eco moi limitado. Elaboraron, non obstante, outra versión audiovisual da cuestión. Ao tratarse dun asunto ligado co ensino e a mocidade, encomendáronlla como adoito aos deputados Nicole Grueira -presidenta das Novas Xeracións do PPdeG- e Raúl Santamaría, coñecido pola súa participación no concurso televisivo Reacción en cadena dentro do grupo alcumado Mozos de Arousa. Na breve montaxe, Grueira e Santamaría explicaban que "a aula non é un lugar onde facer política" e chamaban pola "neutralidade" no ensino rachando algúns dos materiais editados pola CIG.
Os populares encomendaron divulgar a cuestión nas redes aos seus deputados Grueira e Santamaría, como adoito para os asuntos ligados coa mocidade ou o ensino. Pero o seu eco foi moi inferior ao acadado pola intervención da nacionalista Olalla Rodil
O contido dos devanditos deputados acadou máis eco que o de Pomar en X, Instagram ou TikTok a través das contas de Grueira. Pero quedou notablemente por tras doutro: a difusión da resposta que, no transcurso do propio debate, o BNG deu á iniciativa dos conservadores a través da súa vicevoceira, Olalla Rodil.
"Repaso de Olalla Rodil ao PP sobre liberdade e democracia. Pásallo ao cuñado neste Nadal!", convidaba a formación soberanista ao divulgar o discurso. Nel, a deputada combinou retranca con crítica contundente ao xeito en que os populares abordan as mobilizacións e protestas alleas en contraste coas súas propias manifestacións, caso da organizada o pasado domingo en Madrid con notable presenza do PPdeG.
Máis de 40.000 impresións en X fronte a apenas 1.500; máis de 15.000 reproducións no TikTok do BNG por algo máis de 200 no da deputada popular ou arredor de 2.500 gústames en Instagram en contraste cuns trescentos desequilibran, en cifras -consultadas no momento de redactar esta información, o xoves día 4-, o balance do eco do debate en redes a prol do vídeo de Rodil fronte ao de Grueira e Santamaría. "Se fose Rufián estaría en todas as teles", respondeu un usuario das redes á gravación da nacionalista sobre unha intervención tras a cal a maioría absoluta do PP permitiu aprobar que o Parlamento se dirixa á Xunta para pedirlle que evite o devandito "adoutrinamento".