O PP compárase con Castelao e rexeita "politizar" a súa figura

Cargos do PPdeG, incluída a secretaria xeral e o conselleiro de Cultura, na exposición 'Castelao. Mirar por Galicia' © PPdeG

"Se o PPdeG é o partido que máis se parece a Galicia é porque, ao igual que Castelao, mantemos sempre o vínculo coa nosa terra, co noso idioma e coa nosa cultura", din os populares

Destacados membros do PPdeG, incluída a súa secretaria xeral, Paula Prado, e o conselleiro de Cultura, José López Campos, visitaron este venres a exposición Castelao. Mirar por Galicia que acolle a Cidade da Cultura ata o 11 de xaneiro con motivo do Ano Castelao 2025. Nela o conselleiro de Cultura asegurou que "se o PPdeG é o partido que máis se parece a Galicia é porque, ao igual que Castelao, mantemos sempre o vínculo coa nosa terra, co noso idioma e coa nosa cultura".

Pero ao tempo que compararon as súas políticas con Castelao, os populares rexeitaron "calquera intento de politización" da súa figura. "Castelao non pode ser a referencia exclusiva dunha ideoloxía concreta", din os populares, obviando así a traxectoria política concreta de Castelao. 

A número 2 do PPdeG pide valorar a Castelao "fóra de ideoloxías"

Segundo a secretaria xeral e número 2 do PPdeG, Paula Prado, "é moi importante poñer a súa figura en valor, pero tamén fóra de ideoloxías e que ninguén poida patrimonializar a figura de Castelao". 

"Somos galegos e por iso coidamos o noso, o que nos identifica e traza o noso pasado, presente e futuro", engadiu Prado.

Cargos do PPdeG, incluída a secretaria xeral e o conselleiro de Cultura, na exposición 'Castelao. Mirar por Galicia' © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.