Pontón promete reclamar dende a Xunta a xestión de pisos das antigas caixas para convertelas en vivenda pública

Ana Pontón, este 1 de xullo en Recimil (Ferrol) CC-BY-NC-SA BNG

Unha das materias urbanísticas máis historicamente pendentes da cidade de Ferrol, o barrio de Recimil, foi o espazo elixido este mércores pola candidata do BNG á presidencia, Ana Pontón, para expoñer as grandes liñas da política de vivenda da formación cara ás eleccións do 12X. Xunto á asociación veciñal do barrio e membros do Bloque ferrolán, Pontón sinalou Recimil como mostra da "oportunidade" que, asegura, o vindeiro Goberno galego terá para "definir unha política social de vivenda".

O BNG, sinala a candidata, proponse reverter "once anos nos que o PP deixou de lado a política pública de vivenda", con só catro novos pisos protexidos o pasado ano e unha vintena en toda a lexislatura

Tras o forte devalo dos orzamentos de vivenda nos últimos anos -o recorte acumulado dende 2009 supera os 1.500 millóns de euros- e o escaso número de pisos protexidos finalizados nesta lexislatura -24, catro deles o ano pasado-, Pontón asegura que "o compromiso dun Goberno liderado polo BNG" será "poñer en marcha unha política de vivenda que garanta que o dereito á vivenda digna sexa efectivo". Máis aínda porque "lamentablemente, nestes 11 anos o goberno do PP deixou de lado a política pública de vivenda". Mostra disto, resalta, é que en 2019 "a Xunta gobernada por Feijóo ofreceu só 4 novas vivendas".

Neste contexto de maior dificultade de acceso á vivenda, con "cerca de 15.000 persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda protexida" da Xunta -, Pontón destaca entre as propostas do programa do Bloque en materia de vivenda a demanda, por parte do Goberno galego, da "transferencia das vivendas ubicadas en Galiza da SAREB", o denominado banco malo. Isto implicaría a xestión directa por parte da Xunta de pisos transferidos por Caixanova e Caixa Galicia ao banco malo durante o rescate de Novacaixagalicia.

Pontón, con outros membros do BNG durante o seu percorrido por Recimil, onde este 30 de xuño se reuniu coa asociación veciñal CC-BY-NC-SA BNG

A intención deste proxecto, sinala a candidata, sería "colocalas a prezos que poida pagar a xente moza e familias con menos recursos". Esta medida combinaríase, afirma, coa "posta en funcionamento dun banco d evivenda pública para administrar vivenda baleira con perspectiva social, sobre todo en réxime de alugueiro". Este programa substituiría, de facto, ao de vivendas baleiras do Goberno do PP, que en verbas do actual director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, acabou tendo "escasos" resultados.

O programa de vivenda do Bloque tamén prevé "un imposto ás vivendas baleiras de fondos voitre e entidades bancarias que estean desocupadas durante máis de dous anos sen causa xustificada"

O programa de vivenda do Bloque, abondou Pontón en Ferrol, tamén "prevé actuar pola vía fiscal, cun imposto ás vivendas baleiras propiedade de persoas xurídicas como fondos voitre e entidades bancarias". Este novo tributo, adianta, gravaría "as vivendas desocupadas durante máis de dous anos sen causa xustificada". "O Goberno que aspiro a liderar -sintetiza- vai desenvolver unha política social de vivenda acorde coas necesidades actuais".

No caso concreto de Recimil, sinala Ana Pontón, o BNG compromete, se chega ao Goberno tras o 12X, "actuar para frear o seu deterioro" mediante "unha rehabilitación das edificacións, incluíndo tamén o colexio e o mercado". "Esta recuperación da vivendas debe ir da man de programas de inclusión social que dinamicen o barrio" da man de vivendas que xa son "patrimonio público".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.