A nacionalista pide duplicar os equipos de valoración da dependencia e aumentar o financiamento do servizo de axuda no fogar
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, centrou a sesión de control á Xunta deste mércores no Parlamento nas políticas do Goberno galego en materia de dependencia e persoas maiores. A nacionalista lanzou unha serie de propostas ás que o presidente Rueda respondeu defendendo as súas propias medidas e pedindo que o BNG reclame máis fondos ao Goberno de Pedro Sánchez.
A principal proposta de Pontón, avanzada xa nos últimos meses, foi a de crear "un Sergas dos servizos sociais" que permita axilizar a atención ás persoas dependentes. Pontón lamentou o incremento das listas de espera en materia de dependencia mentres a Xunta "gasta 7.000 euros ao día en publicidade". Para reverter a situación propuxo ademais "dúas medidas urxentes, duplicar os equipos de valoración" da dependencia e "incrementar o financiamento do servizo de axuda no fogar".
A resposta de Rueda centrouse en defender as políticas da Xunta e criticar que o BNG non sexa esixente nesta mesma materia co Goberno de España. Segundo Rueda, a formación nacionalista non puxo o foco na dependencia no seu acordo de investidura con Pedro Sánchez, cuestión que desde o BNG se nega lembrando que o acordo incluíu un punto específico para incrementar a achega do Estado ao financiamento desas políticas sociais.
Rueda volveu presentar o incremento de prazas concertadas en residencias privadas como un aumento de prazas públicas e proclamou a súa preocupación polas persoas maiores. "Imos seguir respectando e defendendo os maiores aínda que non sexan do PP", concluíu.