A portavoz nacional, Ana Pontón, volveu marcar perfil institucional case dous meses despois da súa reunión co lehendekari Íñigo Urkullu. Desta vez reuniuse co presidente da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonés, nunha xuntanza tras a que chamou á "cooperación intelixente" entre ambos territorios.
Máis aló de afinidades ideolóxicas e obxectivos compartidos, Pontón centrou o seu discurso posterior á reunión no reforzo e incremento das relacións no ámbito económico e da ciencia e innovación entre Galicia e Catalunya.
“Nunha situación de crise como a actual, no BNG temos o convencemento de que unha cooperación intelixente, que permita aproveitar sinerxías, sería moi beneficiosa para ambas nacións”, destacou, tras botar man dos datos para argumentar a súa posición: Catalunya é o cuarto cliente por importancia do país dentro do Estado, en particular no sector da agricultura e de bens de equipo e consumo.
"A Galiza iralle mellor cunha cooperación intelixente con Catalunya e non coa confrontación", insistiu Pontón, "convencida" da posibilidade de "fortalecer" os vínculos de ambos países en determinados sectores económicos e en favorecer así "que as nosas empresas vendan máis e mellor".
"A Galiza iralle mellor cunha cooperación intelixente con Catalunya e non coa confrontación", advirte Pontón
Ademais, lembrou as experiencias de colaboración "exitosas" entre universidades galegas e catalás no ámbito científico e da investigación para reclamar unha maior "aposta" neste ámbito.
Na súa visita, Pontón tamén advertiu de que o seu partido fixa como obxectivo "romper a hexemonía do PP" en Galicia e chegar á presidencia da Xunta en 2024. Nunha rolda de prensa no Palau da Generalitat, dixo estar "convencida" de que o cambio en Galicia "está en marcha".
Ademais, asegurou que as forzas nacionalistas e soberanistas son "a alternativa para poder frear a dereita e a extrema dereita" nun momento "complexo" da lexislatura, nas súas palabras. E advertiu de que o Goberno tamén debe avanzar na "axenda democratizadora", con medidas como a derrogación da Lei Mordaza e a derrogación íntegra da reforma laboral do PP.
"As forzas nacionalistas e soberanistas son a alternativa para poder frear a dereita e a extrema dereita"
Tamén abordou o caso Pegasus e pediu ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que aborde "de fronte" o tema e reclamoulle transparencia, tras o anuncio do xefe do Executivo da súa intención de reformar a lei do CNI e de aprobar unha nova lei de segredos oficiais.
Pontón chamou a asumir responsabilidades polas escoitas a líderes políticos que, ao seu xuízo, foron espiados pola súa ideoloxía: "Hoxe Sánchez non abordou de fronte o problema, non quere asumir responsabilidades políticas". Asegurou que o mínimo sería constituír unha comisión de investigación e saber quen deu a orde de espiar e sobre que base, para evitar un novo "bochorno democrático" como o que cre que desencadeou este caso.