"Galiza non se pode conformar coas 'migallas' e ten que negociar de xeito bilateral co Estado un sistema que lle permita recadar o 100% dos seus impostos e ter plena capacidade para fixar impostos, cunha Facenda galega con todas as funcións", defende a portavoz nacional do BNG
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu, no marco da xornadas de financiamento organizadas polo BNG en Santiago, un acordo pactado de xeito bilateral co Estado que lle dea a Galiza o mesmo que xa ten Euskadi e moi pronto vai ter Cataluña: a chave dos seus cartos para mellorar a vida dos galegos e as galegas.
Nun momento decisivo no que se está a negociar no Estado a reforma do financiamento, Pontón asegurou que para Galiza só hai dúas opcións. Por un lado, o modelo do PP, que consiste en “retoques cosméticos dun sistema inxusto que nos fai perder miles de millóns, que é un traxe a medida do egoísmo centralista e que non confía en Galiza”. Polo outro, o modelo do BNG, para “decidir nós sobre o noso, sen complexos, con ambición e desde a confianza no País”.
“Temos que quitarlle a chave dos nosos cartos a Madrid e dárllela ás galegos e aos galegos”, incidiu, desde o convencemento de que Galiza non se pode conformar coas “migallas” e ten que negociar de xeito bilateral co Estado un sistema que lle permita recadar o 100% dos seus impostos e ter plena capacidade para fixar impostos, cunha Facenda galega con todas as funcións.
A líder do BNG considerou “incomprensible” e unha “falta de respecto” aos galegos e ás galegas que pagan os seus impostos que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, espalle “a mentira de que Galiza é pobre e vive da solidariedade de Madrid”
“No modelo de concerto que defende o BNG, Galiza será quen faga as contas co Estado e non ao revés, transferíndolle a Madrid o pago dos servizos comúns que presta no País”, explicou a portavoz nacional, subliñando que, tal e como demostran os datos, “o Estado fai caixa co noso País, pois achegamos vía impostos máis do que recibimos”.
Para afondar nesta cuestión, referiuse ao informe elaborado polo economista Xosé Díaz, segundo o cal en 2022, último exercicio liquidado, o Estado recadou 15.385 millóns de euros en Galiza, que recibiu 10.041 millóns, é dicir, 5.344 millóns menos. “Obviamente -precisou- habería que restar o pago ao Estado polos servizos que presta, pero aínda así o saldo a favor de Galiza sería enorme”.
É por iso que a líder do BNG considerou “incomprensible” e unha “falta de respecto” aos galegos e ás galegas que pagan os seus impostos que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, espalle “a mentira de que Galiza é pobre e vive da solidariedade de Madrid”.
Ana Pontón insistiu en que Galiza está infrafinanciada, como demostra o informe do Consello de Contas, que tras analizar o actual modelo “obsoleto e caduco” en termos de equidade e suficiencia, sitúa o déficit do financiamento en case 20.000 millóns de euros entre 2009 e 2021
Ana Pontón insistiu en que Galiza está infrafinanciada, como demostra o informe do Consello de Contas, que tras analizar o actual modelo “obsoleto e caduco” en termos de equidade e suficiencia, sitúa o déficit do financiamento en case 20.000 millóns de euros entre 2009 e 2021. “A conclusión é demoledora: Galiza perde e perde moito, cun déficit de financiamento na contorna dos 1.500 millóns de euros cada ano”, agregou, recalcando a continuación que, tamén segundo Contas, Galiza recibe 559 euros menos por habitante do mínimo que se precisa para atender servizos públicos básicos.
Para a líder nacionalista, Rueda estase afianzando como “o presidente da Xunta máis desleal da historia”, pois o seu empeño de poñer o PP por diante pode facer que Galiza perda a oportunidade de aforrar miles de millóns de euros. Referiuse deste xeito á quita da débeda que o BNG logrou para Galiza no acordo de investidura e que “no colmo do servilismo a Madrid” o xefe do Executivo do PP se nega a aceptar agora apelando a unha “suposta igualdade” que, porén, non tivo en conta cando se rescataron as radiais madrileñas con 4.000 millóns de euros, ou cando se pagaron 90.000 millóns -22.000 para Caja Madrid- para rescatar a banca.
“É politicamente impresentable e unha decisión disparatada que despois de triplicar a débeda até os 14.291 millóns de euros, o PP boicotee a quita lograda polo BNG, que supón un aforro de miles de millóns de euros”, afondou Pontón, que tamén advertiu de que a deslealdade de Rueda podería facer que Galiza quedara atrás, sendo a única nación sen ter a chave dos seus cartos.
Pontón interveu na xornada organizada polo BNG dentro da campaña institucional e a pé de rúa que está a desenvolver para explicarlle á cidadanía a súa proposta de financiamento e contrapoñela ao actual sistema, aprobado no 2009 e pendente de renovación desde o 2014. Entre outras persoas expertas, participou no encontro o viceconselleiro de Facenda do Goberno vasco, Iñaki Alonso.