En Marea denuncia o pacto entre socialistas e populares para evitar que compareza o presidente da Xunta por impulsar a fusión das entidades galegas malia saber que “estaban quebradas”
PP e PSOE uniron os seus votos para impedir a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na comisión de investigación sobre a crise financeira aberta no Congreso dos Deputados. A deputada de En Marea Yolanda Díaz sinalou este martes na Cámara Baixa que "se hai un presidente que é actor directo na quebra das caixas é Núñez Feijóo", tras denunciar o pacto entre socialistas e populares para evitar que teña que ir ao Congreso a declarar. A deputada lembrou que ata Ciudadanos apoiou a comparecencia do dirixente popular.
Díaz acusou a Feijóo de ser o "creador da fusión" entre Caixa Galicia e Caixanova a pesar de que era consciente de que era unha operación que conducía á quebra. A deputada de En Marea lembrou que o PP galego emprendeu unha mobilización na rúa para levar a bo porto unha fusión que acabou nunha quebra "que custou a todos os españois máis de 9.000 millóns de euros".
Yolanda Díaz pide a Gonzalo Caballero que "inicie unha nova etapa" e o PSOE permita esclarecer o ocorrido coas caixas galegas
Yolanda Díaz pediulle ao PSdeG do agora novo secretario xeral Gonzalo Caballero "que inicie unha nova etapa" que permita esclarecer o ocorrido coas caixas galegas. Tamén fixo un chamamento ao secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, para que o seu partido non se opoña a que os principais dirixentes da banca española acudan ao Congreso para dar explicacións da crise financeira que sufriu España.
Feijóo xa compareceu en xullo de 2013 na comisión sobre as caixas creada no Parlamento de Galicia. Nela, o presidente exculpouse de responsabilidade e atiribuiuna ao Goberno central e o Banco de España.