PP e Vox están a confirmar estes días acordos para gobernar en diferentes comunidades. Dous deles producíronse en territorios bilingües como Galicia. O primeiro hai xa dúas semanas na Comunitat Valenciana, onde a extrema dereita non só asinou un pacto programático cos populares, senón que ostentará a vicepresidencia e as consellerías de Xustiza e Interior e Agricultura. O último, rubricado este pasado mércores nas Illes Balears, que permitirá o Partido Popular gobernar en solitario a autonomía pero que inclúe a formación ultra nos executivos insulares de Mallorca e Menorca.
En ambos casos, o PP asumiu desprotexer o catalán e son moitas as crónicas que advirten da cesión dos populares, que terían conseguido os votos dos de Abascal a cambio de impoñer a libre elección de lingua, nomeadamente na educación. Foi unha das propostas estrelas coa que Feijóo chegou á Xunta, a que ensaiou xa no Goberno galego e que agora o seu partido pacta coa ultradereita.
"O galego ten que ser un instrumento de unión, nunca de imposición, e debe garantirse a liberdade para escoller lingua en todos os ámbitos", explicitaba o Contrato con Galicia que Feijóo asinaba en febreiro de 2009, pouco antes das eleccións que o colocarían á fronte da Xunta.
"Los padres podrán elegir libremente el centro escolar para sus hijos, así como la primera lengua de escolarización. Nos comprometemos a extender este derecho a todas las etapas educativas", reza unha parte do acordo asinado polo PP e Vox nas Balears. "Se garantizará la libre elección de centro educativo y de lengua de enseñanza entre las dos oficiales (castellano y valenciano)", di o rubricado na Comunitat Valenciana.
Os pactos de PP e Vox garanten a "libre elección" da lingua de ensino para acabar coa "imposición", principio sobre o que xirou a campaña e a política lingüística de Feijóo ao chegar á Xunta
Esta reivindicación, a da "libre elección de centro e lingua" por parte dos pais, así como a loita contra unha suposta "imposición" foi a base da batalla lingüística coa que o PP cargou nacampaña electoral daquelas eleccións autonómicas de 2009 e o principio que rexeu a política lingüística e a polémica aplicación do cuestionado decreto do plurilingüismo, parcialmente ilegalizado logo polo TSXG.
Foi no outono de 2008 cando Feijóo ofrecía unha rolda de prensa para anunciar que, se chegaba a gobernar, derrogaría o decreto para permitir que "os pais elixan a lingua vehicular do ensino" ou que "os alumnos elixan libremente a lingua nas aulas e nos exames". Referíase ao 124/2007, que establecía un "mínimo" do 50% das materias escolares en galego e que o PP chegou a apoiar por ser un "instrumento esencial na promoción da lingua galega", se ben deu en rexeitalo a última hora.
Xa en febreiro de 2009, e días antes da sinatura do seu Contrato con Galicia, en Santiago xuntáranse unhas dúas mil persoas convocadas pola asociación Galicia Bilingüe e vidas tanto dende Galicia como de fóra. Por tras das pancartas, en primeira fila, é posible distinguir á líder de UPyD, Rosa Díez, que daquela aínda tenta explorar o caladoiro do voto nas eleccións autonómicas axitando a bandeira dunha presunta "imposición". Un chisco máis lonxe está boa parte da plana maior do PPdeG. Non está Feijóo, pero si o seu secretario xeral e actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda e con el Corina Porro, hoxe secretaria da Mesa do Parlamento, Carlos Negreira alcalde da Coruña entre 2011 e 2015 ou Ana Pastor, cabeza de lista do PP por Pontevedra ao Congreso. Uns e outros maniféstanse contra aquel decreto 124/2007.
Tras meses de especulacións e protestas nas rúas e despois do gasto de 109.800 euros en anunciar e publicitar unha enquisa entre as familias do alumnado, o 30 de decembro de 2009 o Goberno de Feijóo celebraba un Consello da Xunta para presentar as "bases" do que deu en chamar "decreto do plurilingüismo", cuxa redacción final permitiu relegar o galego a un máximo dun terzo das materias, vetalo en áreas de coñecemento como determinadas ciencias e excluílo da práctica totalidade do ensino infantil.
O decreto, parcialmente ilegalizado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, foi a peza principal dunha engranaxe que tamén incluíu o cambio de nome das Galescolas, convertidas en Galiña Azul para, segundo Feijóo, "normalizalas", "despolitizalas" e impedir que nelas se exercese o "adoutrinamento".
A desprotección da lingua propia -do catalán nas Balears e na Comunitat Valenciana- son dous dos requisitos que Vox impón nos pactos ao PP, que xa a aplicou na Xunta hai 14 anos
Ademais, os populares consideraron necesario comezar o seu labor lexislativo naquel 2009 desfacendo unha das escasas reformas aplicadas polo bipartito a prol da lingua no ámbito da Administración: a obrigatoriedade de que en cada proceso selectivo da Xunta se realizase, cando menos, un dos exames en lingua galega. Así, a segunda norma aprobada grazas á maioría absoluta de Feijóo foi unha reforma da lei da Función Pública para, explicou daquela o Goberno, "primar o absoluto respecto á hora de que as cidadás e os cidadáns elixan con liberdade a lingua na que se queren expresar, sen que esixencias do poder público poidan menoscabar o exercicio dese dereito".
Agora, é nos pactos PP-Vox nas autonomías bilingües onde a dereita e a extrema dereita aplican un argumentario semellante para impulsar os seus acordos. No das Balears, advirten de que modificarán "as normas que supoñan unha imposición lingüística, asumindo que na comunidade existen dúas linguas oficiais". "Farase o desenvolvemento normativo correspondente para garantir que o descoñecemento do catalán non penalice no acceso á función pública", di o texto.