PSdeG e BNG, dispostos a "entenderse" para frear os recortes

Xuntanza dos líderes de PSdeG e BNG CC-BY-NC-SA PSdeG

A última vez que os líderes de PSdeG e BNG se citaron coa prensa como testemuña os seus nomes aínda eran Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana, e ademais de secretario xeral e portavoz nacional das súas respectivas formacións eran tamén presidente e vicepresidente da Xunta. Un lustro e senllos líderes despois José Ramón Gómez Besteiro e Xavier Vence protagonizaron este venres unha imaxe que foi inédita na primeira lexislatura con Feijóo no Goberno e que os seus antecesores non só non propiciaron, senón que nalgúns momentos mesmo chegaron a evitar. O socialista e o nacionalista citáronse nun hotel compostelán para, esencialmente, volver tender as pontes, con independencia do que haxa que colocar sobre elas no futuro.

Tanto Besteiro como Vence teñen claro que nin a relación entre as súas respectivas formacións nin o panorama político xeral do país son os mesmos que os dos tempos do bipartito ou os dos anos inmediatamente posteriores, a comezar porque PSdeG e Bloque xa non están sós na oposición e a seguir porque os seus proxectos políticos son, se cabe, máis diferentes que daquela. Temos "diferenzas nalgunhas materias, como é coñecido", evidenciou Besteiro ante a prensa. "Representamos proxectos moi diferentes no nacional e no social", abondou Vence. Pero ambos aseguran estar dispostos a "entenderse" se do que se trata é de frear os recortes sociais.

Besteiro e Vence citáronse para, esencialmente, volver tender as pontes entre ambas organizacións

Tras un debate de política xeral no que o conxunto da oposición parlamentaria censurou as retalladas e en pleno debate dos Orzamentos Besteiro sinala que o cerne da conversa foi "a política de recortes dos gobernos do PP, sobre todo no relativo aos que afectan ás persoas, en materia sanitaria ou sobre o futuro das pensións". "Foi un encontro moi cordial", agrega Vence, quen coincide en destacar as valoracións comúns "sobre os problemas máis importantes que afectan á cidadanía, que está padecendo as consecuencias da políticas de recortes do PP, moi agresivas, cun deterioro crecente do Estado do Benestar e tamén de como Galiza perde peso político nun proceso recentralizador".

Ambos líderes coinciden na posibilidade de "chegar a acordos" en "beneficio da cidadanía"

Os proxectos "nacional e social" de PSdeG e BNG son distintos, sinala o portavoz do Bloque, pero iso "non impide chegar a acordos en beneficio da cidadanía do país", cuestión que non implica facer futuribles sobre coalicións ou cuestións semellantes. "Estaba fóra do horizonte de hoxe facer valoracións de escenarios de futuro, a anos vista", sinala. Coa política social no centro da conversa Besteiro coida que o resultado deste primeiro encontro foi "moi positivo", sobre todo "porque as diferenzas non nos impoiden falar sobre os problemas das galegas e dos galegos, como aplicar fórmulas para que o país medre e xere emprego", deixando á marxe "o discurso da resignación que traslada hoxe o Goberno galego".

Así as cousas, e sen grandes acordos concretos nun momento político que tampouco os require, Vence subliña unha intención que hai non demasiado tempo semellaba pouco probable: que os líderes de PSdeG e Bloque sentasen á mesma mesma para "coñecernos directamente e establecer unha relación de maior fluidez persoal" e facer así máis fácil a "defensa da cidadanía". Dito isto, insisten ambos, fica claro que unha e outra formación non son o mesmo. O PSdeG, por exemplo, non é soberanista, "pero isto tampouco é noticia ou unha novidade", ironiza Besteiro.

Vence e Besteiro, nunha xuntanza en Compostela CC-BY-NC-SA PSdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.