Quixo a casualidade dos calendarios que a última sesión de control do curso político no Parlamento cadrase coa comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso para abordar os casos de corrupción que atinxen ao PSOE. Cara a ese asunto procurou o presidente da Xunta dirixir as respostas a Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, quen sen perderen de vista o contexto estatal lanzaron críticas e preguntas a Alfonso Rueda en clave galega
Pontón esixe ao presidente que "retire as ordes de censura no sistema educativo e nos centros sanitarios", mostra dunha "deriva autoritaria" canda ao "asalto" ´á antiga CRTVG
Entre esas cuestións formuladas dende a bancada da esquerda estivo, por parte da líder do BNG, estivo a petición de explicacións polo que Pontón considera unha "deriva autoritaria e antidemocrática" concretada polo Goberno do PP nas "ordes de censura no sistema educativo e nos centros sanitarios" ou "asalto á TVG, que hoxe é Tele PP" e na que, tras o nomeamento de Concha Pombo como nova directora xeral só cos votos dos populares ao abeiro da nova lei, "é unha arma de manipulación masiva" na que "só queda" que o propio Rueda "presente o Telexornal".

"Quere que falemos da TVG? Moi ben!", ironizou Rueda na súa resposta, para quen o reprochable é que o BNG "decida ir por unha profesional" e "poñer en dúbida a súa traxectoria" -é directora de informativos da agora denominada CSAG dende 2017- "porque non é da súa corda". "Eu deséxolle toda a sorte do mundo, toda a forza e toda a paciencia para o que vai ter que aguantar a partir de agora dos que adoutrinan sempre".
O titular da Xunta tenta dirixir a última sesión de control do 'curso político' cara a Pedro Sánchez, reprocha á "enfurruñada" líder do Bloque que apoie ao PSOE malia aos "puteríos que coñecemos" e pide en resposta a Besteiro "soltar o lastre do Goberno central"
Ese "adoutrinamento", segundo o xefe do Goberno galego, tamén pretende trasladalo o BNG á sanidade ou ás aulas e por iso "tanto lles molesta" a orde da Consellería de Educación instando á "neutralidade ideolóxica" e endurecendo as inspeccións sobre actividades complementarias. "O sinto moito, os alumnos son alumnos, non futuros soldadiños do nacionalismo", di Rueda.
"Os galegos son libres", proclama o presidente. "Libres -retruca Pontón- agás para denunciar nos centros de saúde que faltan médicos" ou "para que nun instituto se poida poñer unha bandeira palestina para denunciar un xenocidio, iso non se pode porque non pasa a censura do PP", reprocha. "En que momento decidiu vostede que a defensa dos dereitos humanos é adoutrinar?", pregúntase.

Rueda, en calquera caso, procurou trasladar o debate cunha Ana Pontón á que atribúe "cara de enfurruñada" ao que considera apoio do Bloque ao PSOE no Estado malia "os puteríos que coñecemos", os "subornos" ou os "amaños de contratos". Máis aínda incidiu nesta cuestión durante a resposta a Besteiro, que no nome do PSdeG lamentou que, tras o que contempla como ausencia de iniciativas en política social, sanidade ou industria, Rueda vaia trasladar a Galicia o "relatorio ideolóxico de ultradereita" que, cre, centrou o congreso do PP a pasada fin de semana.
O PP, cre o líder do PSdeG, vén de asumir "o relatorio ideolóxico da ultradereita"
"Ese é o argumentario que lle dan de Ferraz?", burlouse o presidente para responder antes de considerar que tería máis interese formular a mesma pregunta sobre o feito nos últimos meses ao Goberno de España. Porque tería que responder coa "lei de amnistía, cupos independentistas" ou "ameazas a medios de comunicación que non son da súa corda". Por todo isto, di Rueda, a Galicia lle convén "soltar o lastre do Goberno central".
Para Besteiro, as palabras do tamén líder dos populares galegos no pleno final antes da pausa do verán amosa que os "modelos" do PP son "en vivenda, a solución Rato; en corrupción, a receita Aznar; e en inmigración, a doutrina Abascal". Só lle resta, ironiza, ter como referente o valenciano Carlos Mazón para xestionar as emerxencias.
