O presidente pide "presunción de inocencia tamén neste caso"
Baltar debe dimitir? "Non, iso é unha decisión persoal". Esa foi a resposta que deu este xoves o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, á pregunta polo futuro do senador e ex-presidente da Deputación de Ourense ante o seu xuízo no Supremo por delito contra a seguridade viaria por conducir a 215 por hora un coche oficial.
Este mércores coñeceuse que a xuíza do Tribunal Supremo instrutora do caso vén de pedir que se curse un suplicatorio ao Senado para que levante a Baltar a inmunidade que ten como aforado desde a súa elección como senador nas xerais do pasado ano. Ante esta situación, e preguntado pola posible dimisión do popular ourensán, Rueda remitiu a cuestión a "unha decisión persoal" e engadiu que "o que debe é someterse a ese procedemento xudicial e estar ás súas consecuencias", para o que pediu "presunción de inocencia tamén neste caso".
Ante esa resposta o presidente foi repreguntado sobre se facilitaría ese procedemento xudicial que o propio Baltar renunciase á inmunidade como senador. Rueda insistiu en que "a xustiza terá que pronunciarse" e engadiu que "como aforado ten un tribunal concreto para facelo".

Rueda volveu ser repreguntado, neste caso sobre a existencia dunha posible dobre vara de medir do PP por esixir a dimisión de cargos estatais do PSOE que non están nin acusados nin investigados en causas penais como o caso Koldo fronte á situación de Baltar, con cargos penais concretos e ás portas dun xuízo. Pero o presidente da Xunta e do PPdeG asegurou que "non é o mesmo", sen entrar en máis consideracións.