O socialista cifra en 548 millóns os transferidos polo Estado desde 2018 e lamenta que aínda agora se comecen a edificar vivendas pola Xunta, que critica que os fondos estatais sexan para axudas e non para construír
A sesión de control á Xunta no Parlamento deste mércores centrouna o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, no problema da vivenda, e o debate acabouse convertendo nunha loita co presidente Rueda sobre quen está a facer máis para afrontalo, o Goberno galego ou o central.
Besteiro comezou a súa intervención salientando que hai 34.000 persoas no rexistro de demandantes de vivenda, "un 144% máis que cando vostede chegou á presidencia". A vivenda, di o socialista, é unha "emerxencia social" e cifrou en 548 millóns de euros os que o Estado leva transferidos a Galicia para ese fin desde 2018. "Que pasou durante estes oito anos?", preguntouse Besteiro, para lamentar que "aínda agora escoitamos que se van facer 8.000 vivendas".
Rueda retrucou a Besteiro dicindo que os fondos estatais que chegaron foron só para axudas directas ás persoas pero non para construír novas vivendas mentres que as que agora esta a construír a Xunta son froito de "fondos europeos e propios, sen fondos estatais".
Besteiro reclamou á Xunta que faga indefinida toda a vivenda de protección pública
O socialista lembrou na súa segunda intervención que "a competencia de vivenda é da Xunta" e dixo que nas 39 sesións de control que leva como portavoz do PSdeG "9 dediqueinas á vivenda, para que me conteste o presidente da Xunta, non para que me conteste un tertuliano chusqueiro" facendo responsable "a Pedro Sánchez". Nesa liña, reclamou á Xunta que faga indefinida toda a vivenda de protección pública, con independencia da súa promoción ou se é de alugueiro ou compra. [Galicia perderá 35.000 vivendas protexidas ata 2030, máis da metade das construídas dende o fraguismo]
Besteiro insistiu en que a vivenda é competencia da Xunta e que os fondos estatais "son a maiores" por considerar o Goberno de España que hai unha emerxencia social. Pola súa banda Rueda rematou insistindo en que "se hai que facer vivenda, terá que ser tarefa de todos".