O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esquivou as preguntas da oposición sobre a quita da débeda e as medidas para impulsar a igualdade entre homes e mulleres cargando contra Pedro Sánchez e descualificando a portavoz do BNG, Ana Pontón, á que insistiu en cualificar de "covarde" varias veces.
"Nunca máis volva dicirme o que podo ou non podo falar neste Parlamento", reclamou Pontón a Rueda
Durante a sesión de control, Pontón preguntou ao xefe do Executivo sobre as medidas que ía tomar a Xunta "para traballar a favor da igualdade real", logo de criticar os "recortes" en diferentes "mecanismos institucionais a prol das mulleres" —que, segundo a voceira nacionalista, "sóbranlle" ao Executivo galego— e denunciar a "vulneración dos dereitos laborais" e a "precariedade" de centos de traballadoras dos servizos públicos.
Pontón aproveitou a súa intervención para denunciar que Rueda lle reclamase nunha anterior comparecencia que "nunca volvese falar de machismo na vida". "Nunca máis volva dicirme de que podo ou non podo falar neste Parlamento; dicirlle iso a unha muller é unha machistada impropia dun presidente da Xunta; vostede a min non me vai calar", espetoulle a líder nacionalista.
Foi daquela cando Rueda acusou varias veces de "covarde" a Pontón tras facer referencia ao criticado cartel da CIG contra a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, ás palabras da autora do cartel do BNG polo 8M contra Isabel Díaz Ayuso e ás "ameazas" que, segundo dixo, recibiu a titular de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, a través dunha pancarta contra Altri que o PP leva días intentando ligar coa violencia.
Rueda insistiu en chamar "covarde" a Pontón, que advertiu que "nunca" criticará unha muller "por como viste ou polo que fai na súa vida privada"
"Teño aquí unha conselleira ameazada e vostedes rin", asegurou Rueda, que insistiu en que Pontón seguía "sendo unha covarde" por, na súa opinión, non censurar ningunha das situacións. "Tan brava aquí e tan mansa en Madrid; tan brava cos que non son os seus e tan mansa cos que si o son", insistiu tras citar tamén os casos de Íñigo Errejón e Juan Carlos Monedero e limitarse a receitar "unidade, coherencia e valentía" como resposta á pregunta sobre as medidas pola igualdade.
"Importan o trumpismo do PP"
Pontón, que dixo "non compartir en absoluto" os insultos a Ayuso e reiterou que nunca criticará "unha muller por como viste ou polo que fai na súa vida privada", censurou que Rueda "non teña nada que ofrecerlles ás mulleres en materia de igualdade". "Isto vai de campañas e bulos contra o BNG; queren converter ese Parlamento nunha lameira, importándonos o manual do trumpismo do PP", rematou, tras pedir ao presidente da Xunta que "acabe coa precariedade" na atención aos coidados, na dependencia, nas residencias ou no Sergas e que recupere para a xestión pública os centros de crise e para a xestión da violencia machista.
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, preguntou a Rueda se ía aceptar a condonación da débeda autonómica ofrecida polo Goberno de España. "É unha solución para Galicia pero un problema político para vostede", que lembrou que o PP "triplicou" o endebedamento desde a súa chegada á Xunta en 2009 e lamentou o "show" do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, tras viaxar a Madrid "co único obxectivo de levantarse da mesa".
“Vostede ten un problema político: se acepta a condonación, perde a súa única arma, que é a confrontación e a xeración de odio contra o Goberno de España. Se non a acepta, mete nun problema a Galicia. Está nun calexón sen saída", dixo Besteiro ao presidente.
"A condonación da débeda é unha solución para Galicia pero un problema político para vostede", di Besteiro a Rueda
Rueda, que evitou aclarar se a Xunta ía ou non solicitar a condonación de máis de 4.000 millóns da débeda autonómica, acusou a Besteiro de ser "ben mandadiño" e o "máis forofo" de Pedro Sánchez e rexeitou o que considera "ameazas" por parte do Goberno central a través do líder do PSdeG.
"Queren que pidamos a condonación para perdoar as débedas do independentismo. Ese é o plan de Sánchez e vostede apóiao con tal de seguir como secretario xeral do PSdeG", respondeu Rueda, que asegurou que se a condonación "consiste" no que o PSOE "vende aquí" dirá que si. "Se consiste en que paguemos máis para que outros deixen de pagarnos a nós, non".
“Se vostede debe 12 euros e lle perdoan 4, pode investir eses 4 en servizos para os galegos e as galegas. Non parece difícil de entender”, retrucou Besteiro, que lembrou que o 75% da condonación "distribúese segundo a poboación axustada", que ten en conta factores como o envellecemento e a dispersión, polo que "Galicia sae beneficiada".
“Se vostede debe 12 euros e lle perdoan 4, pode investir eses 4 en servizos para os galegos e as galegas. Non parece difícil de entender”
Ademais, explicou que a "garantía de equidade" supón que ningunha comunidade autónoma queda por baixo do 19% de condonación ou que aquelas comunidades máis prexudicadas polo modelo actual reciben un axuste adicional.“Todas as demais interpretacións que fai o PP son falaces, interesadas e burdas e o único que
pretenden é enganar a xente”, denunciou Besteiro.
Por outra parte, o Parlamento aprobou unha iniciativa do PSdeG para lle reclamar á Xunta un plan de choque para reducir a fenda de xénero entre mulleres e homes en Galicia.
A deputada Carmen R. Dacosta denunciou a “dobre discriminación” das mulleres galegas, que padecen peores salarios por ser mulleres e aínda peores que a media do Estado por ser galegas. Ademais, lamentou que o PP rexeitara tamén unha proposta para garantir formación en materia de Igualdade para todo o persoal dos poderes públicos e protocolos de detección no ámbito educativo, policial, xudicial, laboral e social.
Ademais, o BNG propuxo a creación dunha Valedoría de Igualdade para garantir os dereitos das mulleres no sector privado.