"A todos os Trumps, Musks, Abascales, Mileis, Orbáns... A todos os que coma eles pensan que poden devolvernos ao pasado queremos dicirlles este 8M que nin medo nin vergoña, senón defensa firme dos nosos dereitos e liberdades", di Ana Pontón
"No BNG temos claro que fronte ao rearme do machismo e do neonazismo en todo o mundo: nin medo nin vergoña. Somos orgullosamente feministas e estamos aquí para defender os dereitos das mulleres e a igualdade real", asegura a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, que este mércores presentou a campaña da formación para o 8M, que conta coa creadora galega Lúa Mosquetera.
"A todos os Trumps, Musks, Abascales, Mileis, Orbáns... A todos os que coma eles pensan que poden devolvernos ao pasado, que poden borrar os nos dereitos, decidir sobre os nosos corpos, que queren taparnos a boca porque din que caladas estamos máis guapas, aos que queren levarnos cara a atrás na Historia queremos dicirlles este 8M que nin medo nin vergoña, senón defensa firme dos nosos dereitos e liberdades", incidiu Pontón.

A responsable de Acción Feminista e deputada do BNG Noa Presas resaltou a aposta por unha campaña "mobilizadora", que apela a ese "sentimento de mobilización antifascista que sempre tivo o feminismo", nun contexto no que hai "tantas ameazas enriba da mesa" e tanto "risco de retroceso" co "rearmamento do machismo e do patriarcado".
Noa Presas resalta a aposta por unha campaña "mobilizadora", que apela a ese "sentimento de mobilización antifascista que sempre tivo o feminismo"
Noa Presas explicou que o Bloque escolleu ir da man da creadora de Miño Lúa Mosquetera pola súa proposta gráfica "na que se recolle a carraxe das mulleres fronte a esa deriva machista e neofascista, pero tamén a fortaleza que senten as feministas galegas para facerlle fronte". "Porque, ao final, un pouco a nosa reflexión é esa, que somos fortes e imparables, que sempre o feminismo historicamente –e con moita forza en Galiza– respondeu a grandes ameazas e grandes retrocesos con fortaleza e imos seguir facéndoo", aseverou.
"A principal razón pola que incluín a esvástica é porque me parece que todo o mundo relaciona este símbolo co fascismo, sei que pode vincularse a un movemento en concreto, pero buscabamos un elemento que en xeral todo o mundo relacionase co momento que estamos vivindo co auxe dos partidos de ultradereita, medo xeralizado e ondas fascistas. Sei que é un elemento moi arriscado, pero simboliza o que queremos desbotar", detalla Lúa Mosquetera sobre o deseño da campaña para o BNG.
Ana Pontón advertiu de que o avance da actual onda reaccionaria, dentro e fóra do país, está a fomentar un discurso que "branquea e mesmo ensalza o machismo", e que ten por obxectivo "rebaixar as expectativas" na defensa dos dereitos e liberdades das mulleres, cuestionando "a loita feminista pola igualdade", con esa expresión que tanto se está a repetir sobre que as mulleres "están indo demasiado lonxe".
"Como imos ir demasiado lonxe cando segue existindo violencia de xénero e acoso sexual?", pregúntase Pontón ante os discursos da actual onda reaccionaria que "branquea e mesmo ensalza o machismo"
"Como imos ir demasiado lonxe cando segue existindo violencia de xénero e acoso sexual? Como imos ir demasiado lonxe cando vemos como se perpetúan as diferenzas salariais entre homes e mulleres? Ou como se pode dicir que imos demasiado lonxe cando o rostro da pobreza segue sendo o da muller?", reflexionou Pontón.
Neste contexto, a portavoz nacional do BNG avogou por "ir máis rápido e seguir avanzando na conquista de dereitos e liberdades ante un machismo rancio, recalcitrante e estrutural que agora está utilizando as redes sociais para amplificar a súa mensaxe", o que enmarcou no obxectivo claro de "desacreditar o feminismo" dado o seu "carácter transformador".
"Saben que somos o freo de contención fronte a toda esa onda reaccionaria que quere avanzar e perpetuarse en todo o mundo", recalcou Pontón, para subliñar que a campaña da formación nacionalista para este 8M pon o énfase en reivindicar un feminismo "rebelde, activo, reivindicativo e orgulloso da historia das mulleres na defensa dos avances sociais".