Xunta e PP sinalan unha protesta de Melide Vivo contra Altri durante unha carreira popular que pasou preto da casa da conselleira de Medio Ambiente como mobilización deseñada para celebrarse ante a vivenda e interpretan unha pancarta alusiva a Ánxeles Vázquez como unha ameaza
O pasado 9 de marzo celebrouse o I Encontro de Mulleres Bocelo-Melide, unha carreira-andaina de 10 quilómetros organizada pola asociación deportiva Cerne e Asaltamontes Female, unha asociación que promove o deporte feminino, en colaboración co Concello dentro das actividades polo 8M. Veciñanza organizada en Melide Vivo, un dos colectivos que participan activamente nas protestas contra a implantación de Altri en Palas de Rei dentro da plataforma Ulloa Viva, aproveitou o evento para facer ver a súa reivindicación no percorrido da proba.
A comitiva de Melide Vivo portaba unha gran pancarta co co lema Do Bocelo ao Careón, Melide di Altri non. Tamén outras, de factura máis caseira, con lendas como Polas que están, polas que virán, Altri non ou Ánxeles, veciña; ti tamén tes familia, non descansaremos, en referencia ao impacto que, defenden, a fábrica de celulosa terá na saúde das xeracións actuais e futuras das familias que residen na comarca, entre elas a da ex-alcaldesa melidá e actual conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

As pancartas foron amosadas por Melide Vivo parando en distintos puntos do percorrido da carreira ata chegar ao seu remate, na Praza do Convento. Tamén cando o roteiro pasou preto da vivenda de Vázquez. "A uns 200 metros", calculan os activistas. Non obstante, dende pouco despois da proba diversas voces oficiais da Xunta e do PP viraron a protesta nunha manifestación especificamente deseñada para celebrarse ante a casa da conselleira, deslizando acusacións de acoso e violencia contra Melide Vivo e tamén contra o BNG por considerar Ulloa Viva como "satélite" da formación soberanista.
A pancarta "pretendía ser unha unha alusión a que a saúde das nosas familias, incluíndo a da mesma conselleira, veríase tremendamente afectada por Altri", resalta o seu autor, quen incide en que "xa está ben de que a Xunta diga que o BNG está por tras de todo o movemento contra Altri"
A conselleira Vázquez cualificou o acontecido como cruzamento dunha "liña vermella" porque supuxo "ameazar e intimidar menores de idade e persoas maiores" na súa casa. O conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, foi alén dende o atril do Consello da Xunta -que ocupou en ausencia de Alfonso Rueda, de viaxe oficial no Uruguai-, tanto dando por certo que a mobilización foi unha concentración especificamente "diante da casa da conselleira" como encadrándoa nunha "campaña de intimidación e coacción" que o PP sinalou como "política do BNG".
Ante o balbordo xerado, o manifestante que portaba a pancarta con alusións a Vázquez, Ramón Laia, decidiu saír ao paso a través da redes sociais ."Síntome na obriga de explicar o contexto no que tiveron lugar os feitos", sinalou antes de detallar que a protesta cadrou coa devandita carreira e que a pancarta "non pretendía ser unha ameaza, senón unha alusión a que a saúde das nosas familias, incluíndo a da mesma conselleira, veríase tremendamente afectada por Altri".
"Sendo a nosa veciña e tendo o cargo político que ostenta, sentimos que o noso deber é advertila de que ten responsabilidade á hora de autorizar o propio proxecto", sinala Laia, quen coida ademais que "xa está ben de que a Xunta diga que o BNG está por tras de todo o movemento en contra de Altri". "Non é certo, eu non son militante do BNG dende hai case unha década, son veciño de Melide e de Ánxeles Vázquez, agrega.
O BNG "condena calquera tipo de intimidación ou ameaza sobre un cargo público" e censura que o PP "tente unha vez máis montar un 'bulo'" contra a formación mentres en círculos políticos revive a manifestación organizada polos populares en 2009 ante a casa do daquela líder do PSdeG e da oposición
O Bloque, pola súa banda, acolleu con indignación as insinuacións. "O BNG condena calquera tipo de intimidación ou ameaza que se poida exercer sobre un cargo público ou sobre a súa contorna persoal e traslada o seu apoio á conselleira Ánxeles Vázquez se nalgún momento se sentiu ameazada ou intimidada", indicou a formación nacionalista nun comunicado no que considerou que "o que non é de recibo é que o Partido Popular intente unha vez máis montar un bulo contra o BNG".
A formación que encabeza Ana Pontón pide, neste contexto, que o Goberno galego "non caia na tentación de criminalizar a cidadanía, movementos sociais e plataformas que se mobilizan para opoñerse ás políticas do PP dende a Xunta" porque "teñen todo o dereito a discrepar e a manifestar esa discrepancia mobilizándose e manifestándose".
Este martes, no transcurso do pleno do Parlamento, os populares volveron ligar a mobilización de Melide ao BNG. En ámbitos políticos, ao tempo, este martes ecoaba a última ocasión na que si se celebrou en Galicia unha manifestación especificamente convocada contra un cargo político ante a súa vivenda. Foi en setembro de 2009, cando o PP enviou membros das súas Novas Xeracións á casa do daquela secretario xeral do PSdeG e líder da oposición, Pachi Vázquez, para acusalo de irregularidades urbanísticas. A manifestación, aseguraran, celebrárase co "maior dos respectos" e recibira aval público de, entre outros, o daquela presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.