Rueda xustifica o aumento das pantallas no ensino impulsado por Feijóo, que agora pide suprimilas

Feijóo en 2022 nun acto no que aínda salientaba como positivo o aumento de centros que se incorporaban ao sistema E-dixgal de ordenadores para cada alumno CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente di que "non hai contradición" xa que ao seu ver hai unha década era necesario aumentar a "dixitalización" e agora é necesaria "a compatibilidade"

Tras coñecerse a pasada semana o último informe PISA que reflicte unha caída xeral do nivel educativo en Galicia e en todo o Estado, Alberto Núñez Feijóo, líder do PP e ex-presidente da Xunta, apelou a eliminar as pantallas do ensino. "Debemos formularnos seriamente eliminar as pantallas individuais das aulas, cando menos ata secundaria", dixo quen era presidente cando a Xunta decidiu hai algo máis dunha década apostar precisamente polas pantallas individuais con ordenadores para cada alumno, a través do coñecido sistema E-dixgal.

Preguntado por esta mudanza de discurso político do seu antecesor, o actual presidente, Alfonso Rueda, dixo este luns que non se pode negar "a necesidade de facer un esforzo por impulsar a dixitalización hai uns anos, cando non había nada". "Despois houbo que facer modulacións", admitiu Rueda, quen salientou que "xa con Feijóo como presidente se tentou que conviviran os dous modelos, sen desbotar as vantaxes da dixitalización e aproveitando as vantaxes do tradicional, combinalos". 

Nada dixo Rueda de que a Xunta de Feijóo seguise apostando por estender a entrega de pantallas individuais ao alumnado cando xa profesorado e familias advertían de problemas. E que a corrección dese tipo de políticas non chegase ata hai uns poucos meses.

Pola contra, para Rueda "non hai ningunha contradición, o que di o presidente Feijóo é o que xa estaba facendo nos seus últimos tempos". "Ese é o camiño, a compatibilidade", asegura agora o actual presidente. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.