Por terceira vez xa nos últimos seis meses, o alcalde de Sada, Benito Portela, reclámalle a Pedro Sánchez o "exercicio inmediato de accións xudiciais" por parte do Goberno do Estado para "reverter o Pazo de Meirás ao patrimonio público". A só unhas semanas para que as Cortes se disolvan, o Concello sadense insiste, "ante o desinterese" do Executivo, e esixe "celeridade" para a presentación da demanda xudicial civil que permita a recuperación das Torres.
Portela envía outra carta o mesmo día na que o fai a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que manda tamén unha misiva emprazando a Pedro Sánchez a "interpoñer antes da convocatoria de eleccións e disolución das Cortes a demanda xudicial para reclamar o Pazo de Meirás".
O alcalde de Sada pide a Sánchez o "exercicio inmediato de accións xudiciais" para "reverter o Pazo de Meirás ao patrimonio público"
A inminencia dos comicios e o incerto futuro político levaron o rexedor e o BNG a insistir na demanda de "accións legais, administrativas e xudiciais que procedan". Portela reclama ao Goberno do Estado que actúe
"consonte o indicado na conclusión final do Informe da comisión de expertos nomeada polo Parlamento de Galicia", tal e como se acordou no pleno da Cámara o verán pasado.
“A incorporación do Pazo de Meirás ao patrimonio público é unha demanda moi maioritaria na sociedade galega e nas súas forzas políticas. A propiedade aínda é hoxe un símbolo da ditadura franquista que practicou o espolio e a represión dun xeito brutal”, destaca o rexedor, que entende que "non se pode agardar máis" a poñer fin á "vergoña e ao anacronismo histórico de que a familia do ditador siga a detentar esta propiedade".
O alcalde de Sada indica que o Goberno do Estado débelle "dar o mesmo interese político e urxencia ao Valle de los Caídos e ao Pazo de Meirás. “Concordo en que hai que exhumar a Franco, pero tamén retirar os seus herdeiros do Pazo. Dupla retirada, por hixiene democrática e respecto á memoria histórica”, insiste.
Desde o BNG, Ana Pontón pide poñer "punto final" aos privilexios da familia do ditador e considera "unha prioridade" que a Casa Cornide, o Pazo e as estatuas do Pórtico da Gloria -as que en primeira instancia unha xuíza considera propiedade dos Franco-"retorne ao patrimonio público galego".
Pontón lembra que dous informes e acordos unánimes de varias institucións instan o Estado a actuar para recuperar o Pazo para o público
Pontón lembrou que existen dous informes, un encargado pola Deputación da Coruña e outro a cargo da propia Xunta, que advirten da ilexítima propiedade do Pazo por parte dos Franco, así como acordos unánimes en diferentes institucións galegas que reclaman a acción xudicial do Estado para recuperar as Torres.
Para Pontón, a recente sentenza sobre as estatuas do Mestre Mateo demostran que "a sombra do franquismo é moi alongado" e que ten "algún brazo no poder xudicial".
Ao tempo, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, tamén reclamou que no ámbito "simbólico" se establezan as accións pertinentes para que o Pazo de Meirás pase a ser de titularidade pública e manifestou o seu desexo a que "se saiba algo" das Torres antes das eleccións xerais.
Fernández Leiceaga cualifica de "oportunismo" a petición do BNG
Ademais, nunha rolda de prensa posterior a todas estas declaracións e peticións, o voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, cualificou de "oportunismo" a petición do BNG aínda que recoñeceu que a recuperación do Pazo é "un proxecto moi importnate".
"Non sei se isto significa un propósito de emenda do BNG. Os seus socios nas eleccións europeas son os principais responsables de que a lexislatura se acurte. Claro que hai proxectos moi importantes para Galicia que estaban en marcha pero agora ponse en risco porque a lexislatura termina", subliñou Leiceaga en referencia a ERC e Bildu. "Se Pedro Sánchez continúa no Goberno tras as eleccións, poderá terminar as tarefas pendentes", rematou.