Sánchez ascende a vicepresidente primeiro a Carlos Cuerpo tras a marcha de Montero a Andalucía

Sánchez con Carlos Cuerpo e María Jesús Montero cando foron nomeados en decembro de 2023 ministro de Economía e ministra de Facenda e vicepresidenta primeira, respectivamente © La Moncloa

O novo ministro de Facenda será Arcadi España, ata agora secretario de Estado de Política Territorial

A convocatoria de eleccións en Andalucía o vindeiro 17 de maio e a decisión de que a candidata do PSOE sexa a ata agora vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, levou este xoves ao presidente Pedro Sánchez a anunciar unha crise de Goberno. Montero deixa o executivo e como ministro de Facenda é nomeado o ata agora secretario de Estado de Política Territorial, Arcadi España. Á súa vez a vicepresidencia primeira pasa a ser ocupada por quen seguirá sendo ministro de Economía, Carlos Cuerpo.

Arcadi España, novo ministro de Facenda, ata agora secretario de Estado de Política Territorial © Ministerio de Política Territorial

Os cambios foron comunicados por Sánchez na tarde deste xoves nunha declaración institucional en directo tras avanzarllos ao Rei. Na súa intervención o presidente considerou a Montero "a mellor política que coñecín", "piar fundamental neste goberno" e "papel esencial no noso éxito económico".

Sánchez di que Montero é "a mellor política que coñecín" e xogou un "papel esencial no noso éxito económico"

María Jesús Montero era ministra de Facenda desde o primeiro goberno de Sánchez, en 2018 e foi ascendida a vicepresidenta primeira en decembro de 2023, cando a que o era ata daquela, Nadia Calviño, deixou o Goberno para marchar ao Banco Europeo de Investimentos (BEI). Montero é tamén vicesecretaria xeral do PSOE desde xullo de 2022.

Sánchez coa ata agora vicepresidenta primeira, María Jesús Montero, e a vicecpresidenta segunda, Yolanda Díaz © Pool Congreso

Carlos Cuerpo era desde decembro de 2023 e seguirá sendo ministro de Economía, Comercio e Empresa, ao que agora sumará a vicepresidencia primeira do Goberno. A vicepresidenta segunda seguirá sendo a ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

Pola súa banda Arcadi España era secretario de Estado de Política Territorial desde decembro de 2023 tras ser conselleiro na Generalitat Valenciana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.