Sánchez reivindica a xestión de Goberno e eríxese no "capitán para capear o temporal" e loitar contra a corrupción

Pedro Sánchez, no Comité Federal celebrado este sábado © PSOE

Sánchez reivindicou a xestión realizada polo Goberno e sinalou que "a sombra do erro non pode facernos renunciar á nosa responsabilidade"

Poucas veces o discurso dun líder do PSOE no Comité Federal da formación era tan agardado e xeraba tanta expectación. A sucesión de escándalos de corrupción no núcleo máis próximo a Pedro Sánchez obrigaban ao tamén Presidente do Goberno a unha resposta firme e a medidas de rexeneración no partido. Na súa intervención Sánchez anunciou un paquete con 13 medidas para reforzar os controis anticorrupción dentro dun PSOE que, ademais, renovou de forma importante a súa dirección.

Pero, sobre todo, Sánchez quixo desbotar -como xa fixera- calquera dúbida sobre a posibilidade dunha renuncia ou dun adianto electoral. O líder socialista reivindicou a xestión realizada polo Goberno e sinalou que "a sombra do erro non pode facernos renunciar á nosa responsabilidade". Fronte á petición realizada polo presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page, que reclamou que Sánchez presente unha cuestión de confianza ou convoque eleccións, este chamou ao partido a resistir e erixiuse en "capitán do barco para capear o temporal".

Pedro Sánchez, no Comité Federal celebrado este sábado CC-BY-NC-ND PSOE

Sánchez volveu pedir perdón e recoñeceu que ten o "corazón tocado" pola "traizón dolorosa" de Santos Cerdán y José Luis Ábalos

Sánchez volveu pedir perdón e recoñeceu que ten o "corazón tocado" pola "traizón dolorosa" de Santos Cerdán e José Luis Ábalos. "Quero pedirvos perdón. Trabuqueime ao depositar a miña confianza nesas persoas", dixo.

O Presidente do Goberno do Estado reafirmou a súa "determinación e as mesmas ganas para plantar cara á adversidade" e engadiu que "imos seguir avanzando, non imos a rehuir os desafíos. Imos facernos cargo da situación e imos derrotar a corrupción dentro e fóra da nosa organización".

"Non imos fallar á hora de lograr esa rexeneración democrática que persegue o noso país dende hai décadas. Porque nós non somos como os outros. Nós non somos como a dereita ou a ultradereita, como o Partido Popular e como Vox. Nin somos como os corruptos que marcharon as nosas siglas", indicou. E engadiu: "que ninguén tente igualarnos na indecencia con eles. Porque este partido está feito de xente boa, de xente honrada, de xente traballadora, de xente humilde que xamais metería a man na caixa".

Medidas contra a corrupción

Sánchez anunciou un paquete con 13 medidas para reforzar os controis anticorrupción

Sánchez anunciou un paquete con 13 medidas para reforzar os controis anticorrupción. Entre elas destaca unha maior desconcentración dos órganos de decisión, cargos máis colexiados e a esixencia de dobre sinatura para os secretarios de Organización. 

Tamén se reforzarán os controis ante comportamentos machistas e acordouse que o PSOE expulsará os militantes que sexan clientes da prostitución, unha resposta ao consumo de prostitución que realizaban José Luis Ábalos ou Koldo García.

José Ramón Gómez Besteiro, este sábado no Comité Federal do PSOE CC-BY-NC-ND PSOE

Tamén se reforzarán os controis ante comportamentos machistas e acordouse que o PSOE expulsará os militantes que sexan clientes da prostitución

Esta resposta ante o machismo quedou deslucida pola publicación en eldiario.es dunha denuncia de varias mulleres por actos machistas contra Francisco Salazar, outra persoa do núcleo duro de Sánchez, que ía a ser designado para un posto na nova Executiva do partido. Nas primeiras horas do sábado comunicouse a renuncia de Salazar.

Cambios na dirección

Besteiro chamou a "relanzar a acción de Goberno, tomar a iniciativa política e recentrar o debate nos problemas reais da cidadanía fronte á estratexia de bloqueo e distracción do PP e Vox"

Besteiro reivindicou tamén a reforma da xustiza promovida polo Goberno como "un paso necesario para acabar cos privilexios e democratizar o sistema", e advertiu contra as críticas: “créome con algunha lexitimidade adicional para dicirlles que iso é pregarse á dereita”, afirmou, en referencia á súa propia experiencia.

Na nova Executiva do PSOE, na que se manteñen Pedro Sánchez e María Jesús Montero como secretario xeral e vicesecretaria xeral, emerxe Rebeca Torró como nova secretaria de organización do PSOE tras o cesamento de Santos Cerdán. Na actualidade era secretaria de Estado de Industria e antes exercera, entre outros cargos, como conselleira de Política Territorial no goberno do PSPV e Compromís na Generalitat Valenciana. En xeral, o PSPV gaña peso na dirección do partido.

Continúa na Executiva o senador lucense César Mogo, que ocupa a Secretaría de Exterior e Manuel García Salgado, nacido en Triacastela aínda que afincado en Barcelona, responsable de Memoria Histórica e Laicidade. Incorpórase Enma López Araújo, viguesa aínda que asentada en Madrid, onde é concelleira; é responsable da Secretaría de Política Económica e ocupa a portavocía adxunta.

Emiliano García-Page, no Comité Federal celebrado este sábado CC-BY-ND PSOE

Besteiro chama a "relanzar a acción de Goberno"

O líder dos socialistas galegos defendeu a resposta do PSOE ante os casos de corrupción: “as medidas de calado anunciadas polo secretario xeral deben transmitir con rotundidade o noso compromiso coa rexeneración democrática e coa exemplaridade na vida pública”

O secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, participou tamén no Comité Federal, dende onde fixo un chamamento a "relanzar a acción de Goberno, tomar a iniciativa política e recentrar o debate nos problemas reais da cidadanía fronte á estratexia de bloqueo e distracción do PP e Vox" que buscan, dixo, “impugnar a política dos últimos sete anos”.

“O camiño consiste en gobernar con acerto para a maioría, tomar a iniciativa política fronte á coalición das dereitas e cohesionar a estratexia de partido e Goberno ao longo e ancho do país”, afirmou Besteiro.

O líder dos socialistas galegos defendeu a resposta do PSOE ante os casos de corrupción, subliñando que a 
prioridade agora é dar un paso máis: “as medidas de calado anunciadas polo secretario xeral deben transmitir con rotundidade o noso compromiso coa rexeneración democrática e coa exemplaridade na vida pública”, dixo.

Besteiro reivindicou tamén a reforma da xustiza promovida polo Goberno como "un paso necesario para acabar cos privilexios e democratizar o sistema", e advertiu contra as críticas: “créome con algunha lexitimidade adicional para dicirlles que iso é pregarse á dereita”, afirmou, en referencia á súa propia experiencia.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.