Os novos carrís abertos o 30 de decembro de 2017 permitiron á concesionaria ingresar máis peaxes, pero despois houbo que trasladar un colexio e agora chega a reposición das rúas e estradas locais afectadas
O 30 de decembro de 2017, hai case seis anos, o daquela presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, inauguraba a ampliación da AP-9 na ponte de Rande e o acceso a Vigo. As calzadas da autoestrada estaban rematadas, pero o propio Ministerio de Fomento admitía que aínda quedaban por executarse obras secundarias por máis de 11 millóns de euros, fundamentalmente ao paso da vía pola parroquia de Chapela, en Redondela, na entrada a Vigo.
O feito era que, malia non estar rematadas todas as actuacións previstas, a inauguración oficial permitía que Audasa comezase a cobrar máis peaxe polo uso da infraestrutura. Seis anos despois as últimas actuacións pendentes, por importe duns 3 millóns de euros, aínda veñen de comezar a pasada semana e non rematarán ata ben entrado o próximo ano.
Cando se inaugurou a ampliación de Rande, que sucesivos gobernos de PSOE e PP decidiron que acometese e financiase inicialmente a concesionaria, Audasa, pola vía de aumentarlle as peaxes, aínda estaban pendentes de resolver diversos problemas que o aumento de carrís causaran ao paso por Chapela. O principal foi o traslado dun colexio lindeiro coa autoestrada e no que non se avaliara correctamente o risco existente para o alumnado de que os vehículos se achegasen notablemente ás súas instalacións.
Así que só dez días despois da inauguración, a autoestrada quedou cun dos seus novos carrís inhabilitado durante varios meses mentres non se completou o traslado do centro, que tras un gasto duns 4,6 millóns de euros non abriu no seu novo emprazamento ata ano e medio despois da inauguración, e a súa calefacción non comezou a funcionar ata outro medio ano máis tarde, en febreiro de 2020.
Outros varios traballos, fundamentalmente de reposición e urbanización de vías locais veciñas da autoestrada que resultaron afectadas polas obras de ampliación, pero tamén de instalación de pantallas contra o ruído, non foron aprobadas provisionalmente e sometidas a exposición pública -requirían expropiacións- ata xullo de 2020. E aínda agora comezan a executarse o groso deses traballos.
As novas actuacións, por preto de 3 millóns de euros, son froito das protestas da veciñanza afectada, segundo admite o Concello de Redondela
As novas obras, ao igual que a ampliación da autoestrada, foron encargadas polo ministerio a Audasa, que á súa vez as subcontrata a unha construtora. E a pasada semana comezaron os traballos, que están a ser seguidos de preto polo Concello de Redondela. Entre eles hai renovación das vías afectadas pola ampliación con renovación dos servizos públicos que discorren por elas, ampliacións de pasos elevados e peonís, a habilitación dunha praza e a instalación de dous parques infantís.
Unhas actuacións que buscan reparar os desperfectos deixados pola ampliación da autoestrada e que o Concello admite que son froito da "incansable labor e o compromiso da Asociación de Veciños de Chapela, da Asociación de Veciños de Trasmañó e da Asociación de Afectados pola AP-9".