Sete preguntas e respostas sobre a sentenza dos edís de Santiago

Pleno no Concello de Santiago, cos ex edís na bancada do PP © Concello de Santiago

A publicación en menos de 24 horas de dúas resolucións xudiciais favorables aos intereses de ata oito antigos membros do goberno local de Santiago que dirixía Gerardo Conde Roa desatou toda unha fervenza declarativa. A dirección do PPdeG esixiu iradamente que o resto de grupos se desculpen ante eles pola súa "indignidade" e mesmou suxeriu a existencia de intencións políticas. Mentres, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu por restaurada a "honra" xa non dos antigos concelleiros, senón da propia cidade de Santiago. Todo se reduce a un "hostigamento" con fins políticos ou mesmo a unha "carallada", asegúrase en público e en privado dende as filas dos populares, que rachan coa habitual doutrina de expresar "respecto" á Xustiza para situárense como vítimas de resolucións "inxustas". Malia á rotundidade das declaracións cabe, de calquera xeito, formularse preguntas a respecto do acontecido.

Que fixeron?

Os sete edís agora absoltos aprobaron, na sesión da Xunta de Goberno do 30 de maio de 2013, que o Concello de Santiago pagase o avogado de Adrián Varela, daquela concelleiro de Deportes, para defendelo no caso Pokémon, no que fora -e segue- imputado por presuntos delitos de tráfico de influencias, suborno e falsidade documental. Naquela sesión, á que non asistiu quen era alcalde, Ángel Currás, déronlle luz verde á solicitude que formulara o propio Varela, quen aseguraba que a imputación derivaba do exercicio do seu cargo e que non pedía asistencia xurídica xenérica, senón que se abonase a minuta do letrado que el mesmo designara, o ex xuíz decano de Santiago Javier Míguez Poza. Varela acabou renunciando ao pagamento, un mes despois de ser aprobado, cando saíu á luz a través dunha nova do diario El País.

Foi un delito?

O xuíz Pantín Reigada considera que os edís non tiñan a intención de delinquir ao aprobaren pagar con fondos públicos o avogado de Varela, imputado na Pokémon

Segundo a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, non cabe concluír que os edís tivesen a intención de delinquir. Este ditame revoga a condena que lles foi imposta polo xuíz de primeira instancia a nove anos de inhabilitación por considerar que aprobaron o pagamento sen axustarse aos requisitos que marca a lei e a xurisprudencia. O relator desta sentenza, Ángel Pantín Reigada, admite que había "base suficiente" para sentar os concelleiros no banco dos acusados e mesmo considera que o acordo adoptado "poderá ser, e probablemente é (...) tecnicamente deficiente ou contraditorio coa precisión esixible para o recoñecemento de obrigas a cargo de fondos públicos", pero di que non cre, no entanto, que os edís "urdisen" un plan para facer algo "clamorosamente ilegal". Para tomar esta decisión, indica, resulta "determinante a declaración" no xuízo do secretario do Concello, quen elaborou un informe sobre os requisitos que habería que cumprir para que o pagamento fose legal.

Quen e cando redactou o informe?

O informe que sustenta a decisión e ao que o xuíz interpreta que se remite o acordo dos conceleiros foi elaborado por Juan Manuel Salguero, secretario do Concello de Santiago ata a pasada semana, cando o TSXG revogou os nomeamentos decididos en tempos de Conde Roa que, segundo as escoitas do caso Pokémon, tiñan como obxectivo retirar do posto ao anterior secretario porque "torpedeaba" as súas decisións. O informe foi elaborado despois de que Adrián Varela redactase a súa petición, aínda que nela se remitía ao documento do secretario, que aínda non existía. A sentenza da Audiencia xustifica que o ex edil de Deportes podía remitirse ao parecer do secretario porque "verbalmente sabía antes da redacción" que "mantiña un criterio favorable", toda vez que o falaran de maneira "informal". O informe indicaba que se lle podería pagar o avogado a Varela se o caso no que era investigado derivaba do exercicio do seu cargo, se non actuara contra os intereses do Concello ou se, finalmente, era exculpado.

Quen acusaba e con que argumentos?

A denuncia partiu dunha cidadá e foi asumida pola Fiscalía, cuxos argumentos compartiron catro xuíces

A denuncia contra os concelleiros partiu dunha veciña de Santiago, Doris Sánchez, que se manifestou indignada coa decisión de pagarlle o avogado a un implicado nun caso de presunta corrupción. Tras recibir a denuncia a Fiscalía decidiu querelarse contra os edís e a xuíza de instrución imputounos por considerar que non velaran polos intereses municipais. Os edís, argumentaba, coñecían que Varela estaba imputado nun caso de presunta corrupción, a operación Pokémon, e ademais aprobaron o gasto sen establecer ningún límite. A instrutora deixou a un paso do xuízo oral e estes tentaron evitalo mediante un recurso que foi tombado pola Audiencia Provincial, que nun auto de maio de 2014 avalado por tres maxistrados considerou probable que o gasto "se asumira de forma incondicionada", "sen suxeción ás esixencias que derivan da lei e da xurisprudencia"-. Á opinión da Fiscalía e destes catro xuíces sumouse a dun quinto, o que se encargou do xuízo en primeira instancia, que asumiu os argumentos do Ministerio Público e na súa sentenza de xuño de 2014 sinalou que os edís adoptaran "de forma incondicionada o acordo asumindo un gasto a cago do Concello" e "prescindindo en todo momento das esixencias normativas", o que ao seu xuízo encaixaba dentro do delito de prevaricación.

Dimitiron por iniciativa do PP ou por obriga?

Tras a condena en primeira instancia Alberto Núñez Feijóo asegurou que os sete edís deixaron os seus cargos porque na dirección do PP se considerou "oportuno, de forma inmediata, proceder á dimisión irrevogable de todos eses concelleiros". "Esa é a decisión que corresponde" porque "era o compromiso do partido", explicou. Realmente tiveron que deixar os seus cargos porque o desenvolvemento da lei de partidos aprobado en 2011 converteu en "inelixibles" as persoas condenadas "por sentenza, aínda que non sexa firme", por delitos contra a Administración pública se na sentenza se establece "a pena de inhabilitación", como foi neste caso. Tras estas dimisións Ángel Currás fiou un equipo de persoas non electas para cubrir as baixas no que figuraban nomes como o do ex árbitro de fútbol e ex edil do PP na Coruña Raúl García de Loza. Finalmente Feijóo forzou a marcha de Currás e a chegada á Alcaldía de Agustín Hernández, que formou o seu propio equipo de non electos.

Foi o único problema coa xustiza do goberno municipal de Compostela?

Os dous anteriores alcaldes seguen imputados no caso Pokémon

Non. O primeiro alcalde do mandato, Gerardo Conde Roa, viuse abocado á dimisión nove meses despois de acceder ao cargo pola fraude fiscal na que incorreu dende a súa empresa construtora e pola que finalmente foi condenado. Conde Roa segue imputado no caso Pokémon igual que o ex edil ao que impuxo como o seu substituto na Alcaldía, Ángel Currás. Tamén seguen incursos no caso que instrúe a xuíza Pilar de Lara o ex responsable de Tráfico, Albino Vázquez, que dimitiu tras ser detido en 2012, o devandito Adrián Varela e a ex concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, que deixou o cargo tras a inhabilitación dos edís agora absoltos. Asemade, o ex concelleiro Juan de la Fuente, un dos que agora é exonerado da condena por prevaricación, foi condenado o pasado febreiro por falsificar facturas para xustificar axudas veciñais e a responsable de Turismo, Reyes Leis, foi imputada no mesmo mes por, segundo deduce a xuíza da Pokémon, procurar que se lle retirase unha multa da ORA.

Ten relación co caso de Paula Prado?

Non. Aínda que os dous ditames estiveron separados por menos de vinte e catro horas e o PP reaccionou conxuntamente a ambos o certo é que a única relación entre ambos casos é que parten da Operación Pokémon, toda vez que Adrián Varela pedía que se lle pagase o avogado para defendeser nese caso. No que atinxe a Paula Prado a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considera que as escoitas telefónicas que revelan o suposto "inchado" dunha factura e os presuntos enchufes que Vixilancia Aduaneira lle atribúe á deputada na súa etapa no Concello de Santiago non son motivo dabondo para considerar que cometeu un delito. O maxistrado asumiu estes argumentos e agora a sala correspondente ten que decidir se pecha o caso definitivamente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.