Ao tempo que di que é posible "baixar impostos e manter servizos públicos", o presidente quéixase de que o Goberno de España, que está en funcións, aínda non o informase dos fondos estatais concretos que transferirá á Xunta en 2024
Hai un mes, o pasado 4 de outubro, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, admitiu, como vén criticando o Consello de Contas desde hai anos, que a Xunta non está a avaliar os efectos das sucesivas rebaixas de impostos que vén aprobando. Malia ese feito, este xoves o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, asegurou que o seu é un executivo "moi responsable á hora de baixar impostos".
O presidente Rueda volveu defender este xoves a decisión do seu Goberno de manter as rebaixas de impostos implantadas nos últimos anos, incluídas ás rendas altas, e avanzar con novas reducións argumentando que é posible "baixar impostos e manter os servizos públicos". "Eu digo que si é posible facer as dúas cousas con prudencia e facendo baixadas realistas", dixo Rueda.
O presidente mesmo engadiu que a "responsabilidade" da Xunta ao baixar impostos vén sendo "demostrada sempre que fixemos este tipo de baixadas". Porén, o Consello de Contas censura que o Goberno galego aínda non avaliou os efectos de ningún dos seus beneficios fiscais. E o propio conselleiro de Facenda admite que ese "evidentemente é un eido no que temos que mellorar".
As declaracións de Rueda a favor das baixadas de impostos fíxoas nunha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves na que se volveu queixar de que o Goberno de España, que está en funcións, aínda non informase ás comunidades autónomas dos fondos estatais concretos que lles transferirá.