Transportes gastará 126.000 euros para que a chuvia non deteriore os piares dun viaduto da A-8

Viaduto de Vedros na A-8 ao seu paso por Mondoñedo no que a choiva está a socavar os seus piares Dominio Público Google Street View

Oito anos despois da inauguración, e aínda sen solución definitiva para a néboa, o ministerio licita agora unha obra non prevista no deseño orixinal para evitar que a auga provoque danos na infraestrutura 

Rematada hai 8 anos, a construción do treito da Autovía do Cantábrico (A-8) entre Mondoñedo e Abadín, que custou uns 200 millóns de euros e na que a circulación adoita estar condiciona por unha néboa para que aínda non hai solución definitiva, non tivo en conta o efecto que a chuvia tería nos piares dun dos seus viadutos. Agora o Ministerio de Transportes vai licitar por 126.000 euros unha obra para que a auga non socave a base deses piares.

Foi hai case catro anos cando o propio ministerio revelou que no deseño orixinal do viaduto de Vedros, de 330 metros de lonxitude, non se tivera en conta o posible efecto da chuvia que alí se rexistra. O viaduto atravesa “un val que non alberga ningunha corrente permanente de auga, pero que debido á configuración do relevo, canaliza a auga de escorrentía baixo o viaduto, con ocasión dos episodios de chuvia”. Por iso, “para evitar que a auga de escorrentía socave os piares”, di o ministerio, agora executarase alí unha “baixante escalonada de formigón armado que canalice a auga” ata máis abaixo do viaduto “impedindo o contacto do curso de auga co terreo natural e, en consecuencia, a súa acción erosiva”.

Imaxe difundida por Fomento sobre como a escorrentía das choivas está a erosionar a base dos piares do viaduto de Vedros, na A-8, onde non se deseñara ningunha estrutura para canalizar a auga Dominio Público Ministerio de Fomento

Tras someter a finais de 2018 a información pública o proxecto, é aínda agora cando o ministerio licita a obra, que aínda deberá ser adxudicada nos próximos meses antes de que poidan comezar os traballos. Neles inclúese tamén “a restitución do relevo orixinal do terreo tras os movementos de terra, a revexetación da zona e o resto dos traballos accesorios para levar a cabo a obra”.

O ministerio ten pendente de decidir cal ou cales dos prototipos de inventos contra a néboa xa probados na zona son máis útiles e poden ser instalados a gran escala

O treito entre Mondoñedo e Abadín da A-8, duns 16 quilómetros e no que se sitúa o viaduto de Vedros, foi o último desa infraestrutura inaugurado en Galicia, en febreiro de 2014, tras un investimento duns 200 millóns e un cambio do proxecto orixinal porque durante as obras se viña abaixo a ladeira dunha montaña pola que discorría. Cinco meses despois a néboa habitual nesa zona nos meses de verán provocou un accidente múltiple cunha falecida, o que supuxo o inicio de sistemáticos cortes do tráfico cada vez que a visibilidade baixa por debaixo dos parámetros que a Dirección General de Tráfico (DGT) considera seguros. O pasado xaneiro cuantificáronse os peches da A-8 nese treito en 3.300 horas, uns cinco meses, o 5% do tempo transcorrido desde a súa inauguración hai oito anos.

Recreación dos catro inventos contra a néboa na A-8 cuxos prototipos xa foron probados cuxos resultados están agora a ser avaliados © Ministerio de Transportes

Neste tempo o Goberno de España vén realizando diversos investimentos de mellora da seguridade, con balizas luminosas, cámaras ou sinalización dinámica. Mentres, o Ministerio de Transportes vén desenvolvendo un longo proceso de proba de inventos que poidan dar unha solución definitiva á néboa. Tras as probas dos prototipos na zona o pasado ano [aquí as características de cada un], están a avaliarse os resultados antes de tomar a decisión de cal ou cales, el solitario ou combinados, poden ser instalados na zona a gran escala, para o que aínda habería que convocar un concurso público.

Só coas actuacións xa realizadas pola DGT e co proceso xa desenvolvido de proba de prototipos por Transportes, o Goberno central leva investidos 10 millóns de euros en diferentes melloras da seguridade viaria neste treito, cifra que hai que engadir aos 200 millóns de euros que custou a súa construción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.