O sector ferroviario do sindicato propón que un novo nó ao sur do Porriño una os trens da saída sur de Vigo e da nova liña que planifica Portugal para dirixilos a Ourense a través dunha nova infraestrutura de 76 quilómetros que cuantifica en 1.600 millóns
Hai anos que políticos de todas as cores, con responsabilidades aos máis altos niveis nas súas respectivas formacións, din en privado que a liña de AVE entre Vigo e Ourense por Cerdedo, ao norte de Pontevedra, non se debe facer e nunca se vai facer. En público o discurso é outro, reprochando aos contrincantes supostos impedimentos, ao tempo que sucesivos gobernos de PP e PSOE levan adiando a decisión definitiva sobre esa obra pola vía de encargar novos estudos previos de todo tipo que xa elevaron a máis de 2.000 millóns de euros o custo estimado.
Agora quen propuxo inicialmente ese trazado hai dúas décadas, o sector ferroviario do sindicato UGT, que posteriormente matizaría a proposta, renuncia á súa idea e pasa a sumarse ás voces que piden unha liña de nova construción polo sur da provincia, paralela á convencional actual que discorre pola beira do Miño. “Dados os condicionantes actuais Cerdedo nos parece inviable”, di agora o sindicato, que propón un nó ferroviario ao sur do Porriño que una os trens da saída sur de Vigo e da nova liña que planifica Portugal para dirixilos a Ourense a través dunha nova infraestrutura de 76 quilómetros paralela ao Miño que cuantifica en 1.600 millóns.
A proposta dunha liña a Vigo desde Ourense por Cerdedo foi lanzada por UGT hai dúas décadas, no marco dos debates sobre por onde debía discorrer a conexión de alta velocidade entre a Meseta e o Eixo Atlántico. A idea inicial dun único trazado en forma de L que desde Ourense se dirixise a Vigo e de alí ascendese cara ao norte non era ben vista desde A Coruña. A inestabilidade política daqueles anos de comezo de século en Vigo fixo que a cidade non tivese unha voz clara nos debates e o daquela ministro de Fomento Francisco Álvarez Cascos acabou encargando á vez o proxecto e a obra da liña Ourense-Santiago especulando cunha posible dobre conexión co norte e o sur de Galicia mentres a liña polo Miño seguía en estudo, o que levou ao sindicato a propoñer un enlace por Cerdedo entre a liña Ourense Santiago e o Eixo Atlántico.
Tanto no seu momento coa proposta de Cerdedo como agora coa nova liña polo Miño o sindicato di querer gañar aos pasaxeiros do norte de Portugal para unha segunda conexión galega que senón non estaría xustificada
Un dos argumentos empregados daquela por UGT era que a saída cara á Meseta polo norte da provincia permitiría gañar tráfico para a liña sumando a trens procedentes do Porto pasaxeiros de Vigo e Pontevedra. “O caso é que pasado o tempo, esta infraestrutura [a variante de Cerdedo] non se construíu e á súa vez os condicionantes que se están propoñendo actualmente para levala a cabo -principalmente proxectar un tempo de viaxe de unha hora Porto-Vigo- farían que non fose competitiva”, di o sindicato, que salienta que “os tempos de viaxe que se pretendían conseguir cos trens máis rápidos eran Porto-Vigo 35 minutos, Porto-Madrid vía Vigo 3 horas 15 minutos”. Pero coa nova planificación portuguesa dunha liña que deixe Porto a unha de Vigo “os tempos de viaxe resultantes desde Porto a Madrid, vía vigo, non serían competitivos ao chegar ou pasar as 4 horas, e Vigo ou a provincia de Pontevedra soa non xustifican un AVE co número de frecuencias que se requiren”.
O mesmo argumento de gañar tráfico de Portugal para xustificar unha liña de alta velocidade polo sur de Galicia emprega agora UGT para propoñer un nó ferroviario ao sur do Porriño no que se unirían trens procedentes da liña de alta velocidade que agora planifica Portugal con trens procedentes de Vigo e o resto do Eixo Atlántico grazas á aínda pendente saída sur da cidade para desde alí dirixilos a Ourense. A diferenza que argumenta o sindicato entre hai dúas décadas e agora é a posibilidade de que novos trens de alta velocidade poidan unirse entre si ou separarse e así lograr pasaxe suficiente e flexibilidade nos servizos.
Un nó de enlace no sur do Porriño no que se unirían e separarían os trens que UGT propón ao tempo que o Ministerio de Transportes vén de anunciar novos estudos para a saída sur de Vigo, que o Eixo Atlántico estima nuns 400 millóns de euros e cuxo relanzamento coincide co interese portugués por executar unha nova liña entre Braga e Valença.
Desde o sur do Porriño UGT propón unha liña de alta velocidade de novo trazado de 76 quilómetros de lonxitude ata Ourense, que coas súas mellores características reduciría nuns 35 quilómetros a distancia actual da liña convencional que discorre pola beira do Miño. Segundo o sindicato, a nova liña requiriría de 26,7 quilómetros de túneles e 14,6 quilómetros de viadutos, para un custo estimado de 1.600 millóns de euros e cun trazado “afastado da vía actual polo Miño entre un e tres quilómetros”. A súa é, di o sindicato, unha "alternativa sobre a base de combinar o deseño da nova infraestrutura coa utilización de trens AVE adaptados ás características propias do territorio".
A proposta que fai agora UGT polo Miño aseméllase, salvando as distancias, á que leva dúas decadas defendendo por Mondariz o enxeñeiro Xosé Carlos Fernández, crítico co sindicato e agora cunha plataforma cidadá que está a promover a súa idea
A proposta de UGT vai máis pegada ao Miño pero aseméllase na súa visión máis meridional que a variante de Cerdedo á que, cun trazado por Mondariz, leva dúas décadas defendendo o enxeñeiro Xosé Carlos Fernández, autor de varias obras sobre o ferrocarril galego e que nos últimos tempos está a ser promovida por unha plataforma á que se sumaron diversas personalidades, como Víctor Freixanes, Antón Pulido, Juan Manuel Vieites ou Ledicia Costas. Fernández sempre se amosou crítico coa variante de Cerdedo por considerala un desvío fronte ao trazado máis recto posible que propón, ao que agora se aproxima o de UGT.
Ao tempo, Renfe vén de estrear os seus novos servizos entre Vigo e Ourense por Santiago, a través da pequena variante que conecta ao sur da capital galega o Eixo Atlántico coa liña a Ourense. O que para o alcalde de Vigo, Abel Caballero, era ata hai pouco un ataque á cidade fronte ao seu compromiso coa variante de Cerdedo é agora, coa garantía de que os trens non paren en Santiago, o xeito máis rápido para os trens de Vigo de chegar a Ourense fronte á lenta liña convencional do Miño. A variante de Cerdedo reduciría uns poucos minutos a respecto desa pequena variante xa en servizo nas proximidades de Santiago fronte a un custo de máis de 2.000 millóns de euros.