Un ex-edil do PSdeG de Baiona é xulgado por prevaricación por contratar 'a dedo' obras en camiños

Camiño asfaltado en Baiona a comezos de 2023 © Concello de Baiona

Concelleiro de Vías e Obras de 2019 a 2023 e na oposición ata que dimitiu hai unhas semanas, a Fiscalía pide inhabilitalo 11 anos e medio para emprego ou cargo público

A Audiencia Provincial de Pontevedra, na súa sección quinta con sede en Vigo, acolle o vindeiro martes un xuízo por prevaricación contra quen era concelleiro de Vías e Obras polo PSdeG en Baiona a comezos de 2023 por contratar, pouco antes da campaña das municipais, obras en camiños municipais a dedo e "con total inobservancia do procedemento aplicable", segundo a Fiscalía, que pide para el 11 anos e medio de inhabilitación. 

Casa do Concello de Baiona © Concello de Baiona

O escrito de acusación da Fiscalía pide condenar a quen foi concelleiro de Vías e Obras de Baiona entre 2019 e 2023 e de Urbanismo desde finais de 2022, Óscar Martínez Álvarez, que seguiu sendo edil na oposición desde as municipais de 2023 ata que dimitiu hai unhas semanas. Segundo a Fiscalía, a principios de 2023 contactou cunha empresa e "ofreceulle" a realización de obras de mellora en varios camiños municipais. A empresa presentou orzamentos por 38.000 euros e "o acusado enviou un correo á mercantil aceptándoos". 

Segundo a Fiscalía, "o acusado efectuou a referida contratación carecendo de competencia para iso, sen incoar o preceptivo expediente administrativo e con total inobservancia do procedemento aplicable para a realización de contratos menores". Por iso, considérao responsable dun delito de prevaricación polo que pide inhabilitación especial para emprego ou cargo público e para o sufraxio pasivo por 11 anos e 6 meses. 

O agora acusado foi concelleiro co alcalde socialista Carlos Gómez (2019-2023), xulgado tamén a comezos de 2024 por prevaricación por quitarse multas e absolto pola Audiencia de Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.