Un xuíz do TSXG quere que a Fiscalía investigue se a Xunta promove a invasora alga wakame en vez de erradicala

Prato con alga wakame nunha web de promoción de produtos galegos do mar da Xunta e voto particular nunha sentenza dun maxistrado do TSXG CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Nun preito que avalou a correcta tramitación dos plans de algas da Consellería do Mar un maxistrado lamenta que, máis alá do procedemento administrativo, "o obxecto dos plans non é a erradicación da alga exótica senón a súa comercialización"

Undaria pinnatifida é o nome científico da alga denominada wakame en Xapón, de onde é orixinaria e comezou a ser consumida e cultivada. En España está catalogada como especie invasora e figura no listado das cen especies exóticas máis daniñas do mundo da Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Pero en Galicia hai anos que a Xunta promove o seu consumo como "produto das rías galegas" e regula a súa explotación comercial. 

Agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir varias sentenzas nas que avala a tramitación administrativa dos plans de xestión de algas de Galicia aprobados pola Xunta, documentos que inclúen a explotación do wakame. Pero máis alá de se os plans foron tramitados correctamente, que era o que analizaba o TSXG, un dos seus maxistrados emitiu un voto particular no que considera que a Fiscalía debera investigar na vía penal "por se a defensa da legalidade esixira algún tipo de actuación, para que as autoridades administrativas se ateñan ás consecuencias da consideración da alga como especie invasora" xa que, salienta, "o obxecto dos plans aprobados non é a erradicación da alga exótica senón a súa comercialización". 

Pola contra, a Xunta, malia publicitala como produto do mar galego, asegura que ela non promove a explotación da alga senón que se limita a regular o interese de confrarías e empresas pola súa explotación, o que "contribúe tanto á erradicación como a xerar ingresos".

Voto particular no que un maxistrado do TSXG quere que a Fiscalía investigue a xestión que a Xunta fai da 'Undaria pinnatifida' CC-BY-SA Praza Pública

Os preitos agora resoltos polo TSXG enmárcanse na guerra que veñen mantendo o sector do percebe e o do mexillón. O tribunal tivo que analizar diversos recursos cruzados de confrarías de pescadores ou organizacións produtoras contra a Orde coa que en 2021 a Consellería do Mar aprobou os denominados plans de xestión para recursos específicos [como a mexilla ou o percebe] e algas de Galicia para o trienio 2022-2024. E concluíu en varias sentenzas con similar resultado que a Xunta tramitara adecuadamente dita Orde.

Porén, un dos maxistrados do tribunal, Julio César Díaz Casales, emitiu votos particulares en varias sentenzas por considerar, ao contrario que o resto dos seus compañeiros, que os plans non foran tramitados correctamente. E nunha das sentenzas, que analizaba entre outras cuestións o solapamento entre as áreas de explotación de algas de dúas confrarías, o maxistrado considera relevante pronunciarse sobre o feito de que os plans de algas inclúan a explotación da Undaria pinnatifida malia estar declarada invasora.

A argumentación defendida pola Xunta e avalada polo resto do tribunal é que "a extracción da Undaria pinnatifida é unha medida de xestión e control desta especie exótica invasora, sendo o obxectivo do plan, evitando a súa expansión, resultando da proba practicada que a eliminación conséguese porque o seu destino final son os establecementos de transformación e procesado para converterse en material alimentario e non volve ao seu medio natural", segundo di a sentenza.

Pero o maxistrado discrepante lamenta que a sentenza "parece converter o plan de xestión nun plan de erradicación" xa que iso "supón perverter a finalidade dos plans de xestión de recursos" porque estes "teñen por obxecto a explotación racional e sostible dos recursos, non a súa erradicación, como resulta da súa propia definición".

Descrición da 'Undaria pinnatifida' na web Pesca de Rías da Xunta, na que a denomina 'golfo', nome que tamén recibe outra alga galega CC-BY-SA Praza Pública

O maxistrado quere "que as autoridades administrativas se ateñan ás consecuencias da consideración da alga como especie invasora"

O maxistrado tamén lembra que o Tribunal Supremo avalou nunha sentenza de 2016 que a Undaria pinnatifida fose incluída no catálogo estatal de especies invasoras. Un proceso aquel no que a Avogacía do Estado argumentou que esa alga fora excluída do mesmo "a petición da Secretaría Xeral do Mar da Xunta de Galicia" porque "desde os anos 90 do século pasado vense realizando a explotación, con fins comerciais, das poboacións desta especie presentes na costa de Galicia". 

Pero esa argumentación fora desbotada polo Supremo, que estableceu a consideración da alga como invasora. Por iso, di o maxistrado discrepante, "en atención a este pronunciamento do Tribunal Supremo, a que o obxecto dos plans aprobados non é a erradicación da alga exótica senón a súa comercialización e ás atribucións do Ministeiro Fiscal en materia de protección do medio ambiente, que non se limita a instar a persecución de delitos senón promover a defensa da legalidade, considero que debemos acordar dar conta ao mesmo por se cabe instar algunha actuación de protección da flora autóctona que, segundo a sentenza do Tribunal Supremo, resulta desprazada pola alga Undaria pinnatifida ou wakame". E insiste: "Entendo que procedía remitir testemuño da sentenza ao Ministerio Fiscal por se a defensa da legalidade esixira algún tipo de actuación que o mesmo puidera instar, para que as autoridades administrativas se ateñan ás consecuencias da consideración da alga como especie invasora".

A Xunta, que publicita a alga como "produto das rías galegas", desvía a responsabilidade a confrarías e empresas e di que a explotación comercial é "unha actividade non promovida pola Administración senón froito do interese do sector", pero non aclara que fai ela para erradicala

Ante estes pronunciamentos xudiciais e o feito de que a Xunta veña promovendo a explotación do wakame e publicitándoo como "produto das rías galegas", Praza.gal preguntou á Consellería do Mar e á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente sobre que está a facer a Xunta para erradicar a alga do litoral galego e por que promove a comercialización dunha especie invasora. A resposta acabouna dando Mar, desviando a responsabilidade ás confrarías e empresas que explotan a alga e dicindo que a consellería "aposta por favorecer a actividade dirixida ao control da alga Undaria pinnatifida (wakame) mediante os plans de xestión que presentan as distintas entidades, que son as que despois se encargan de recoller as algas que neles se inclúen e a súa posterior comercialización". 

Receita divulgada pola Xunta para promocionar a marca "pescadeRías" con wakame galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

"Trátase, por tanto, dunha actividade non promovida pola Administración senón froito do interese mostrado polo propio sector", di Mar, obviando que ela mesma publicita o produto como "das rías galegas". A consellería di que esa explotación por parte do sector interesado "contribúe tanto á erradicación da alga Undaria pinnatifida do medio natural como a xerar ingresos para os profesionais do mar". Nada di a Xunta do que fai ela mesma, con independencia dese interese privado de sectores económicos, para erradicar a Undaria pinnatifida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.