Unha campaña a medio gas entre ensaios para as eleccións galegas

Sobres e papeletas dunhas eleccións en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Nas rúas das principais cidades galegas custou atopar probas da existencia da campaña electoral. Agás en puntos moi concretos, a decisión das forzas políticas de prescindir da propaganda electoral exterior contribuíu a que parte da liturxia da carreira ás urnas fose practicamente inexistente. Algo máis visible foron logotipos e facianas das candidaturas en vilas medias e nalgúns puntos do rural. Onde noutrora se procuraban pavillóns a rebordar abondaron desta volta paseos por mercados e prazas e apenas houbo tirapuxas entre partidos sobre cuestións políticas concretas. As mensaxes nos actos de peche póñenlle este serán ao ferrollo a unha campaña que en todo o Estado foi a medio gas, por repetitiva, pero que en Galicia foi tamén unha caste de ensaio xeral do que está por vir, as non menos transcendentais eleccións do outono.

Nas rúas galegas custou atopar probas da existencia da campaña

A mellor proba de que en Galicia esta campaña das xerais foi un anticipo das autonómicas do outono estivo na actitude de Alberto Núñez Feijóo. En decembro os seus mitins e actos parecían de trámite e el mesmo semellaba canso. Pola contra, nas dúas últimas semanas, con menos actos pero cun discurso máis afiado, Feijóo recuperou forza. Deuse baños de masas, coidou especialmente do celeiro de votos do rural e conseguiu que Rajoy asumise como propias as súas propostas de atender mellor a dispersión e o envellecemento de Galicia.

Feijóo optou por publicitar as súas propias medidas no canto de defender as de Rajoy

Nos propios mitins o presidente galego optou por publicitar as súas propias medidas na Xunta en vez de defender as de Rajoy. "Isto é todo o que fixen eu nos seis meses en que a política madrileña estivo bloqueada", foi o seu argumento case literal, para defender sempre a continuación que non quere para Galicia a mesma situación de bloqueo. Algo que só podería pasar no outono, non agora. Pero preventivamente, o PP galego aproveitou ben o momento para comezar a dicilo.

O discurso do PPdeG centrouse en convencer a aqueles que en decembro votaron a Ciudadanos de que ese é un voto que se perde, que non se reflicte en escanos para a dereita e que por tanto acaba beneficiando á esquerda en xeral e, moi especialmente, "ás mareas de Podemos", formacións ás que aproveitou para ligar reiteradamente co Goberno de Venezuela. En Marea foi albo principal da campaña conservadora mentres a coalición tentaba deixar aparcadas as súas tensións internas dende o convencemento de que un bo resultado este domingo sería un impulso fundamental para poder aspirar a liderar unha alternativa de esquerda no Parlamento galego e na Xunta.

En Marea, PSdeG e BNG

A campaña de En Marea tivo un ritmo crecente especialmente cara á segunda semana, que comezou cun concorrido mitin na Coruña e na que entraron en escena os alcaldes das mareas, a quen a coalición presentou como aval de capacidade de levar "o cambio" ás institucións. A presenza de Xulio Ferreiro -que este venres participa no peche da campaña de Unidos Podemos, en Madrid-, Martiño Noriega e Jorge Suárez contribuíu tamén a achegar as dinámicas de campaña entre as formacións que compoñen En Marea, cuxas últimas ideas forza cara ao 26X van na liña de amosar o convencemento de que é posible achegarse aínda máis ao PP que nas eleccións de decembro, cando ambas formacións ficaron separadas por catro escanos, 10 a 6.

En Marea apelou especialmente á xestión dos alcaldes "do cambio" no treito final da campaña

Os partidos de En Marea e mais as plataformas municipais agardan que un bo resultado o domingo lles permita pasar páxina canto antes para centrárense nas dúas grandes preguntas que teñen sobre a mesa: cal será a fórmula de encaixe cara ás eleccións galegas e quen será a persoa que as poida aglutinar en torno a unha candidatura á Presidencia da Xunta. As expectativas de éxito son case tantas como os receos e as alertas sobre posibles quebras. Así e todo, unha das dirixentes que se presenta como clave no proceso para suturar feridas, Carolina Bescansa (Podemos), atribúe o xurdimento destas tensións ás resistencias ao "cambio" pola vía do "divide e vencerás", afirmou nunha entrevista con Praza.gal.

As mareas municipais e a propia candidatura de En Marea estiveron moi presentes tamén na campaña do PSdeG, a primeira con Xoaquín Fernández Leiceaga como referencia na súa calidade de candidato á Xunta. Nun exercicio pouco habitual neste tipo de procesos, o aspirante socialista á Presidencia admite que "un bo resultado" para o partido en Galicia sería, na actual conxuntura, "manter a representación", isto é, reter os seis escanos de decembro. No que tamén supuxo unha primeira 'xira' de presentación polos diversos puntos do país Leiceaga tentou presentar o PSdeG como o xusto medio entre un PP "fóra da realidade" e "gangrenado" pola corrupción, por unha banda, e as "aventuras" que, ao seu xuízo, poderían traer consigo gobernos de Podemos, en España, e de En Marea, en Galicia. "Non hai que elixir entre votar por medo ou por carraxe", cómpre "votar por conviccións", resumen.

Quen si aspira a darlle a volta ao resultado de hai medio ano é o BNG, cuxa campaña estivo, se cadra máis ca nunca, apoiada no traballo militante, tal e como admitía a formación soberanista no seu balance das dúas semanas de carreira electoral, e mais na creatividade nas redes, con pezas audiovisuais que acadaron unha repercusión notable. O principal argumento de campaña do Bloque foi a necesidade de que Galicia recupere "voz" nas Cortes e por iso, especialmente no treito final da campaña, reivindicou o traballo dos seus deputados e deputadas no Congreso nas últimas dúas décadas. Como Leiceaga no PSdeG, Ana Pontón tivo tamén un relevante protagonismo nos actos previos ao 26X como candidata ás eleccións de outubro.

Ciudadanos e Fernández Díaz

Agás actos e declaracións puntuais, o perfil da campaña foi tan baixo que, por veces, deixou de semellar que existise tal campaña. Se cadra foi isto o que permitiu que Administracións públicas de todas as cores realizasen, como na precampaña, presentacións, sinaturas e anuncios de actuacións varias como se non estivesen prohibidos pola lexislación electoral. Así e todo, a Xunta Electoral si anulou algúns deles, os menos, caso por exemplo da publicación nunha nova na web do Concello de Santiago e dun evento programado polo consistorio da Coruña, ambos por denuncias do PP.

Feijóo deulle máis relevancia ás acusacións contra unha candidata de C's que ás gravacións de Fernández Díaz a conspirar contra políticos independentistas

Ao contrario que noutros procesos, tampouco houbo saltaron á luz nos días previos ao 26X escándalos relevantes. O maior foi, se cadra, que a cabeza de lista de Ciudadanos por Pontevedra, María Rey, empregou hai anos unha tarxeta falsa de aparcamento para persoas con discapacidade, segundo revelou o diario ABC. A este aunto o presidente Feijóo deulle máis importancia que ás gravacións que, publicadas por Público.es, implican o ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, nunha conspiración contra políticos independentistas cataláns.

Dende o partido laranxa circunscribíronse as acusacións contra Rey ao ámbito "persoal" da tamén concelleira pontevedresa. Mentres, o seu cabeza de lista pola Coruña, o ex membro de UPyD José Canedo, tentou diferenciarse do seu antecesor no posto, o defenestrado Antonio Rodríguez, formulando propostas concretas para o territorio galego, ausentes na campaña do 20-D. Así, xunto ás apelacións sobre a unidade de España ou ao "cambio a mellor" que, di, personifica Albert Rivera, aludiu a ámbitos como o sector lácteo ou a rebaixa de peaxes na AP-9.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.