Unha lei para a discapacidade sen un euro máis

A conselleira de Benestar, nun acto público © Xunta

O Goberno galego está a tramitar a lei de accesibilidade, un texto legal chamado a actualizar a normativa de 1997 e, sobre o papel, para facilitarlles ás persoas con discapacidade o acceso a todos os ámbitos, non só físicos, senón tamén tecnolóxicos. Entre os trámites que ten que pasar figura o informe do Consello Económico e Social (CES), o órgano consultivo no que están representadas organizacións académicas, sindicais e empresariais do país. O CES vén de emitir o seu informe e, se ben concorda coa necesidade de actualizar e ampliar esta normativa, o ente que preside Corina Porro manifesta a súa preocupación. Pouco se poderá ampliar sen máis orzamento, vén dicir.

"O anteproxecto prodígase en enunciados declarativos", di o ditame, unhas declaracións de intencións que máis adiante terán que concretarse a través de regulamentos. Esta vía, "axeitada nalgúns casos", vén "desvirtuar o alcance real" da lei, maís aínda cando non hai cartos adicionais sobre a mesa. "A falta de previsión de novos recursos orzamentarios que se deduce da memoria económica acentúa a preocupación sobre o alcance da futura lei", advirte o informe, no que tamén se chama a atención sobre o contraste entre esta carencia de recursos e o feito de que Benestar tramite o texto pola vía de urxencia.

"A falta de novos recursos orzamentarios acentúa a preocupación sobre o alcance da lei"

A cuestións orzamentaria é especialmente importante nesta nova normativa, di o CES, toda vez que "certas obrigas" da Administración "limítanse en función dos custos asociados ou das dificultades técnicas". Pero, dado que a lei "non define a quen lle corrresponde valorar se unha carga é ou non proporcionada", tampouco é posible calibrar o grao de protección que terá a cidadanía destinataria. Por todo isto o ditame reclama que o departamento que dirixe Beatriz Mato abandone a indefinición e poña "prazos" para "actuacións" como a aprobación de normativas municipais que favorezan o acceso das persoas con mobilidade reducida ao transporte público ou a elaboración dos plans para adaptar as vías públicas ás persoas con discapacidade, entre outros.

Reprimenda ortográfica

Ademais das cuestións específicas da lei, o Consello Económico e Social vese na obriga, por enésima vez, de advertir á Xunta do seu escaso coidado á hora de escribir. Como noutros proxectos, o CES advirte de que a Xunta debe realizar unha "revisión lingüística en profundidade do texto" porque nin sequera está redactado nun único idioma.

"Existen frecuentes erros ortográficos e frases mal construídas"

Así, por exemplo, o ditame advirte de que Benestar pretende aprobar unha lei supostamente escrita en galego con "fraese enteiras redactadas en idioma español" e, ademais, "existen frecuentes erros ortográficos e frases mal construídas", caso por exemplo do uso "incorrecto da forma reflexiva do pronome". Adicionalmente, o CES reprocha o uso "frecuente" do "masculino xenérico" ou a confusión entre os significados de "derradeira" e "final".

A conselleira de Benestar, nun acto público © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.