Unha manifestación percorreu as rúas de Compostela contra a "agresión militar imperialista" a Venezuela e pola "liberación" de Nicolás Maduro e da súa muller e deputada Cilia Flores.
As entidades convocantes, entre as que se inclúen a Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez, BNG, CIG, CUT, Galiza Nova ou Podemos Galicia, reclamaron tamén o "respecto á soberanía dos pobos" e unha actuación "con firmeza e sen ambaxes" da comunidade internacional para que "condene de forma unánime" a intervención dos Estados Unidos no país caribeño, así como o "cesamento inmediato das inxerencias" por parte da administración de Donald Tump no resto dos países.
"Manifestamos a nosa rotunda condena aos Estados Unidos de América e ao goberno de Donald Trump pola agresión militar e intervención en Venezuela. O noso apoio á presidenta encargada Delcy Rodríguez, que con dor asumiu esta misión, no marco da Constitución venezolana", leuse no manifesto lido ao final da marcha, que dixo querer enviar unha "mensaxe clara" e de "dignidade desde Galiza ao mundo": "Imperialismo nunca máis".
A mobilización pediu unha actuación "con firmeza e sen ambaxes" da comunidade internacional para que "condene de forma unánime" a intervención dos EUA
As organizacións convocantes denuncian os "actos brutais" acontecidos en Venezuela o pasado 3 de xaneiro, unha intervención que, consideran, non foi "un feito illado, senón a culminación de décadas e inxerencia estadounidense nos asuntos internos de Venezuela, especialmente desde que o comandante Chávez chegou ao poder e promulgou a Lei de Hidrocarburos, destinando a renda petroleira ao benestar do pobo venezolano".
O manifesto que pechou a mobilización deste sábado —con algo máis de 2.000 persoas segundo os convocantes— asegura que o ataque dos EUA "incumpre numerosas normas de dereito internacional" e tira de argumentos "falsos e cínicos". "Por se alguén tiña dúbidas sobre cales eran as intencións do Imperio, xa antes de que o presidente Maduro chegase como prisioneiro de guerra a Nova Iork, Donald Trump expuxo claramente por segunda vez en poucas semanas que o que quería de Venezuela era petróleo gratis e apropiarse do resto de recurso naturais, volvendo de forma ostentosa á doutrina Monroe", explican.
“Ninguén está seguro no mundo con Trump, que está actuando como un matón rompendo as normas das Nacións Unidas”, di Ana Miranda (BNG)
"Este ataque inicia unha nova época na que de forma groseira os EUA pretenden exercer o imperialismo xa sen sequera gardar as formas", denuncian os convocantes da marcha, que cren que "non é o momento de ser mornos ou ambiguos".
"Non podemos resignarnos a que os pobos sexan vítimas dos caprichos e desexos do novo imperialismo", engadiron tras unha mobilización que contou coa presenza do deputada do BNG no Congreso, Néstor Rego, a europarlamentaria do Bloque, Ana Miranda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ou o coordinador nacional de Esquerda Unida, Lino Costas.
Precisamente, Ana Miranda, tamén coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, amosou un rotundo rexeitamento á intervencion en Venezuela. “Ninguén está seguro no mundo con Trump, que está actuando como un matón rompendo as normas das Nacións Unidas”, dixo, tras acusar o presidente dos EUA de "romper as normas multilaterais e cuestionar o dereito internacional".
Ademais, a eurodeputada do BNG cuestionou o papel da Unión Europea, que ao seu xuízo tivo un “papel absolutamente neglixente, de vergoña, sen condenar publicamente a agresión”.
Na marcha estivo presente o cónsul de Venezuela en Galicia, Martín Pacheco, que asegurou que o seu é un país "pacífico que nunca promoveu nin participou en agresións a ningún Estado". "Estamos contra o imperialismo, estamos contra o fascismo e condenamos enerxicamente estas actitudes", rematou.