Villares pide "aceptar o resultado" das votacións de En Marea ante a posible ruptura

Luís Villares e membros da candidatura coa que concorreu ás eleccións internas de En Marea CC-BY-SA Coidando a casa

As eleccións internas de En Marea estiveron arrodeadas polo conflito, que non acalma tras o remate formal do proceso, cuxo escrutinio outorgou un 59% dos votos á candidatura encabezada por Luís Villares fronte á liderada polo ex-deputado David Bruzos, que encabezou a opción do sector crítico, apoiado por Podemos, Esquerda Unida, Anova e algunhas das principais mareas municipais. Os receos dos críticos sobre o procedemento das votacións, de cuxa limpeza din dubidar, leváronos a non asistir á constitución do novo Consello das Mareas, o órgano de dirección do partido instrumental. Ían agardar, sinalaron , ao resultado das auditorías sobre o proceso.

Unha auditoría, precisamente, é o que nos primeiros días do ano esgrimiu Podemos Galicia para reiterar as súas críticas ao proceso e escenificar a súa retirada do espazo do partido instrumental. Ao abeiro dese documento a formación agora liderada polo deputado no Congreso Antón Gómez-Reino lanzou os primeiros convites a forzas como Esquerda Unida ou Anova para tecer outra confluencia á marxe de En Marea como organización. Mentres, Villares coida que o que agora toca é "aceptar o resultado" e non "desestabilizar" ás portas da precampaña das eleccións municipais.

A auditoría encargada por Podemos Galicia di detectar "deficiencias" nas votacións e Villares lembra que está en marcha un estudo da propia organización para constatar as "garantías" do proceso

A auditoría encargada por Podemos a un perito da consultora Securízame, datada no pasado 2 de xaneiro en Madrid, o autor di detectar "graves deficiencias" no proceso informático das votacións. Por iso, asegura o documento ao que tivo acceso Praza.gal, non pode "garantir a integridade dos resultados" e "recomenda levar a cabo unha auditoría en profundidade". 

A dirección de Podemos Galicia remitiu estas consideracións á súa militancia xunto con esa aposta por tecer o "diálogo" con EU e Anova á marxe de En Marea e do liderado de Villares. Aínda que non existe decisión ningunha de creba como tal, os diferentes sectores dana por feita e poñen o foco no grupo de En Marea no Parlamento galego, encabezado por Villares pero con maioría dos críticos. Así, por exemplo, dende EU cuestionábase este mesmo mércores o papel de Luís Villares como voceiro no Pazo do Hórreo.

Antón Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos Galicia e deputado de En Marea no Congreso CC-BY-SA En Marea

Estes movementos contrastan cos chamamentos que, dende a contorna das mareas gobernantes, instan a frear rupturas ou enfrontamentos internos ata, cando menos, despois das municipais

Estes movementos contrastan cos chamamentos que, dende a contorna das mareas gobernantes, circularon nas semanas posteriores ás votacións a respecto da necesidade de frear as rupturas ou enfrontamentos internos e a súa escenificación pública cando menos ata despois das eleccións municipais do 26M. Trataríase de evitar a contaminación política e mediática que pode supoñer para estas candidaturas locais unha escisión de En Marea a menos de medio ano da cita coas urnas. Neste sentido, dirixentes como os alcaldes da Coruña e Santiago chamaron mesmo publicamente a concentrar forzas no ámbito local.

Así e todo, a coincidencia das eleccións europeas coas municipais no propio 26M é, segundo as fontes consultadas, un dos elementos que manexan partidos como Podemos para acelerar unha ruptura que ven como inevitable. Non contemplan un escenario no que poida existir unha única candidatura á Eurocámara de todos os ata agora participantes no espazo de En Marea.

Constitución do Consello das Mareas o pasado decembro sen os 14 representantes dos críticos © En Marea

Villares ve "unha irresponsabilidade" a posible ruptura de En Marea nun momento no que "teríamos que estar falando das alternativas políticas que necesita o noso país"

É con este pano de fondo co que chega o chamamento de Villares a aceptar os resultados" porque "falou quen máis ordena, que son as persoas inscritas". Nunha entrevista na TVG o voceiro de En Marea restou relevancia a "iso que se chama auditoría dende Podemos" no marco da defensa das "garantías" dunha votación que, non obstante, está a ser avaliada nunha "auditoría adicional" encomendada pola dirección da formación a un perito do Colexio de Informáticos de Galicia. 

Así e todo, do seu punto de vista, os receos de Podemos Galicia cómpre encadralos en que "Gómez-Reino tiña o encargo de ganar En Marea para Podemos e non o conseguiu". Por iso, acusa, agora está a "tirar contra a propia organización".

En calquera caso, Villares insta a ter en conta que "é unha irresponsabilidade" prolongar o conflito interno porque "neste momento teríamos que estar falando das alternativas políticas que necesita o noso país", a comezar polos problemas da sanidade pública que están a derivar en diversas mobilizacións nas últimas semanas, exemplifica. "Non están os tempos para andar a xogar con rupturas", advirte Villares, quen non cre "entendible" que "o que perdeu diga: 'como perdín, vou convocar un novo proceso de unidade popular cos que eu ía na candidatura'". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.