Dous anos despois da vaga de incendios as administracións local e autonómica publicitan un “anel verde” e un “bosque periurbano modelo” obviando a progresiva redución dos montes por infraestruturas impulsadas por elas
A principal cidade de Galicia ten rural. Mesmo vacas, 46 segundo as estatísticas oficiais. Vigo tamén ten montes e bosques que a rodean case por completo. Porén, na súa particular loita polo relato electoral de quen fai máis por Vigo a Xunta e o Concello veñen rivalizando en presentarse como os impulsores dos bosques no termo municipal. Dous anos despois dos incendios de outubro de 2017 que arrasaron parte dos montes do sur da cidade a administración autonómica publicita agora a “creación dun bosque periurbano modelo” ao tempo que o Concello traballa nun “anel verde”. Dous proxectos en fase moi inicial que chegan tras décadas de progresiva redución dos montes por actuacións impulsadas ou permitidas polas propias administacións.
A Xunta asinou este martes un "acordo de colaboración" con catro comunidades de montes para "a creación dun bosque periurbano modelo" e o Concello chegou a cuantificar en "miles de millóns" o custo do seu "anel verde"
Na súa renovada estratexia propagandística na cidade, tras o nomeamento da ex-alcaldesa Corina Porro como delegada despois do afundimento do PP nas pasadas eleccións municipais, a Xunta está a ofrecer a diario roldas de prensa nas que presenta novos proxectos para Vigo. Este martes foi o conselleiro de Medio Rural, José González, o que acompañou a Porro na presentación e sinatura dun “acordo de colaboración” con catro comunidades de montes da cidade para “a creación dun bosque periurbano modelo”, proxecto de ordenación do monte, plantación de especies autóctonas e retirada de invasoras no que as entidades facilitarán os terreos e a Xunta investirá “preto de 1,3 millóns de euros”. Será a través do que denomina “plan de acción para os anos 2019, 2020 e 2021”.
Ao tempo, o Concello traballa na redacción do proxecto do que denomina “anel verde”, unha rede de camiños que rodee a cidade conectando os principais espazos forestais para garantir o acceso a eles dos servizos de emerxencias e que, a través de varias faixas paralelas de vexetación máis ou menos separada actúe a xeito de cortalumes. Isto é, se a Xunta centrará a súa actuación na repoboación dos montes, o concello actuará na súa articulación e organización. “O orzamento do Anel Verde chega ata os 7,5 millóns”, cuantificou o Concello o pasado xaneiro, uns meses despois de atribuírse en solitario un investimento futuro de “miles de millóns” nun proxecto “a longo prazo -entre 10 e 20 anos-”.
Autoestradas AP-9, AG-57 ou VG-20, Campus Universitario das Lagoas-Marcosende, Ifevi ou parques empresariais e centros comerciais son algunhas das actuacións que comeron monte en Vigo
Xunta e Concello preséntanse como impulsoras dos bosques en Vigo tras décadas promovendo ou permitindo todo tipo de actuacións públicas ou privadas que foron comendo terreo aos bosques que rodean a cidade. Ademais da progresiva urbanización do termo municipal (sexa con modificacións do planeamento autorizadas por Xunta e Concello ou con actuacións privadas ilegais non paralizadas), son varias as grandes infraestruturas que nas últimas décadas se executaron na cidade sobre o que antes eran montes ou bosques para evitar expropiacións doutro tipo de terreos que implicarían maior conflitividade social. Desde o Campus Universitario das Lagoas-Marcosende, unha das actuacións de deseño menos agresivo malia estar no centro dun monte, ata polígonos empresariais, pasando por todo o cinto de autoestradas que rodea a cidade (AP-9, Autoestrada do Val Miñor (AG-57) ou circunvalación (VG-20)).
Sobre monte comunal tamén se executou o recinto feiral da cidade (Ifevi), e sobre monte comunal foron expandíndose as súas sucesivas ampliacións. Unha zona, a da comunidade montes de Cabral (entidade que leva anos sumida en conflitos internos e non incluída entre as catro coas que a Xunta asinou este martes o “acordo de colaboración), sobre a que segue pendendo o proxecto dun gran centro comercial, Porto Cabral, que conta co apoio do Concello e a compracencia da Xunta. O propio presidente Feijóo amosou o seu apoio a outro proxecto de ocupación de monte veciño, a cidade deportiva do Celta que se está a construír xa en terreos de Mos lindeiros con Vigo nun bosque que é continuidade dos espazos forestais vigueses que agora Xunta e Concello din potenciar.