15 anos sen atropelos mortais en Pontevedra, con 67 falecidos nas cidades galegas dende 2014

© Montaxe: Praza.gal

Os atropelos son un grave problema en Galicia. Entre os anos 2014 e 2024 un total de 159 persoas morreron atropeladas nas rúas e estradas galegas. 1.119 persoas sufriron feridas graves e 4.734 feridas leves

Entre os anos 2014 e 2024 un total de 159 persoas morreron atropeladas nas rúas e estradas galegas, segundo as cifras oficiais da Dirección Xeral de Tráfico. Unha cifra moi elevada, quince peóns falecidos por ano, á que hai que engadir outras: 1.119 persoas con feridas graves e 4.734 con feridas leves.

Desas 159 mortes, 67 tiveron lugar nos termos municipais das sete grandes cidades, en vías urbanas e interurbanas. Ben, en realidade en seis delas, pois Pontevedra suma 15 anos sen rexistrar unha morte por atropelo nas súas vías urbanas. O pasado 18 de febreiro tivo lugar o aniversario do último falecemento por esta causa, unha das consecuencias da política de calmado do tráfico e de peonalizacións iniciada na cidade do Lérez hai máis de dúas décadas, que buscan promover a mobilidade peonil e protexer o peón

Os atropelos son un grave problema en Galicia. A estatística dos últimos anos confirma a súa gravidade e amosa que a súa incidencia non mellora nos tempos recentes. Entre o 2014 e o 2024 o peor ano foi o 2017 (25 mortes, e foi tamén o ano con máis persoas feridas de gravidade), pero dende entón nou houbo ningùn exercicio no que o número de peóns falecidos baixase de 15, agás o 2020 e 2021, marcados pola pandemia de COVID.

Dende o ano 2016 houbo 22 mortes de peóns en Vigo, 18 na Coruña ou 14 en Ourense. En Ferrol foron 6 e en Lugo houbo 5. Santiago (2) foi a única cuxas cifras se achegaron ás de Pontevedra

As diferenzas entre Pontevedra e o resto das urbes son evidentes. Dende o ano 2016 houbo 22 mortes de peóns en Vigo, 18 na Coruña ou 14 en Ourense. En Ferrol foron 6 e en Lugo houbo 5. Santiago (dúas mortes) foi a única cuxas cifras se achegaron ás da Boa Vila.

As estatísticas da DGT amosan igualmente que tamén o número de feridos e feridas de gravidade é moi superior en urbes como A Coruña (196), Ourense (128) ou Lugo (97) que en Pontevedra (66)

En Pontevedra a menor presenza de vehículos, a redución da velocidade e o aumento das zonas exclusivamente peonís levaron co tempo a unha radical diminución do número de atropelos

As políticas de mobilidade impulsadas dende hai máis de 20 anos polo Concello de Pontevedra buscaban unha cidade máis "amable" en todos os sentidos e tiveron un efecto case inmediato de conseguir unha urbe máis limpa, con menos emisións contaminantes, pola menor circulación de vehículos de motor. Pero, ademais, a menor presenza de vehículos, a redución da velocidade e o aumento das zonas exclusivamente peonís levaron tamén co tempo a unha radical diminución do número de atropelos. 

No ano 1998 houbera 69 atropelos na cidade de Pontevedra, con 9 vítimas mortais, números moi elevados que quince anos despois se reduciran a tan só 4 atropelos, con consecuencias moito menos graves. Calcúlase que mentres nun atropelo a 60 km/h hai un 50% de probabilidade de morte, a 30 km/h a probabilidade de falecemento descende ata o 5%, dez veces menos. Ademais, a 30 Km/h un coche percorre 12 metros antes de deterse completamente mentres que a 50 Km/h esta distancia aumenta a 24 metros

O mapa amosa como entre 2014 e 2024 tamén houbo un gran número de vítimas mortais fóra das cidades. En 63 concellos morreron peóns atropelados entre 2014 e 2024

As mortes por atropelo son máis numerosas nas zonas urbanas, nas que vehículos e peóns comparten con máis frecuencia o mesmo espazo. Porén, o mapa amosa como nesa década tamén houbo un gran número de vítimas mortais fóra das cidades. Sobre todo en grandes vilas (5 en Monforte, 3 en Carballo ou Moaña), localidades das áreas metropolitanas (5 en Poio, 4 en Marín e Ames, 3 en Narón, Redondela ou Arteixo...). 

Pero os atropelos mortais esténdense por un gran número de concellos, un total de 63 distribuídos por case todas as comarcas, dende Neda a Vilariño de Conso, pasando por Vilasantar, Xinzo de Limia, Ordes ou Celanova.

O 65% destas vítimas mortais tiñan máis de 65 anos

Hai unhas semanas a Dirección Xeral de Tráfico quixo poñer de novo o foco sobre esta problemática, á que dedicou a xornada Peóns e Seguridade viaria. A xornada, que destacou que no ano anterior 207 peóns perderan a vida nas rúas e estradas de todo o Estado, lembrou que o 65% destas vítimas mortais tiñan máis de 65 anos. Tamén se apuntou que un de cada tres peóns utiliza o móbil "sempre" ou "con frecuencia" mentres camiña pola cidade e máis do 35 por cento faino mesmo cando cruza pasos de peóns regulados por semáforo.

Ao redor do 30% dos peóns falecidos nas rúas e estradas españolas foi atropelado mentres cruzaba un paso de peóns e que o 87% non cometeu infracción ningunha

A Dirección Xeral de Tráfico tamén destaca que na última década ao redor do 30% dos peóns falecidos nas rúas e estradas españolas foi atropelado mentres cruzaba un paso de peóns e que o 87% non cometeu infracción ningunha, pois tiña o dereito de cruce nese momento. O 59% dos atropelos mortais foron responsabilidade de turismos, un 12% de camións, un 10,4% de furgonetas e un 8,7% de ciclomotores e motocicletas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.