17 horas en Urxencias con sepse por peritonite agardando ecografía: condena a Povisa e Sergas por un triplo erro

Fachada do hospital Ribera Povisa en Vigo © Ribera Povisa

Unha muller á que perforaron o intestino nunha operación de útero no hospital vigués recibiu unha alta prematura e cando volveu a Urxencias déronlle opioides mentres se demoraba sucesivamente o diagnóstico e tratamento 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que condena ao hospital concertado Povisa, do grupo Ribera Salud, e o Sergas por tres erros consecutivos que se cometeron na atención que recibiu unha muller no centro vigués. Nunha operación de útero a muller sufriu unha perforación do intestino que non foi detectada e, malia os seus síntomas, déronlle a alta de forma prematura. Volveu a Urxencias no mesmo día con síntomas xa compatibles cunha sepse e déronlle un opioide para a dor pero tardaron máis de 17 horas en facerlle unha ecografía, cando o adecuado era un TAC, que se lle fixo despois, demorando sucesivamente a intervención adecuada para a peritonite.

Sentenza que condena a Povisa e o Sergas polo triplo erro cometido cunha muller que permaneceu máis de 17 horas en Urxencias cunha sepse por peritonite CC-BY-SA Imaxe: Povisa | Montaxe: Praza Pública

Segundo os feitos probados recollidos na sentenza, a muller foi operada en Povisa dun mioma uterino nunha cirurxía por laparoscopia na que se lle causou unha perforación de intestino que non foi detectada. Malia a súa dor e análises con resultados indebidos a muller recibiu unha "alta prematura" catro días despois, ás 10.11 horas da mañá. Esa mesma noite, ás 21 horas, volveu por Urxencias con dor abdominal intensa, taquicardia, temperatura de 35,5 graos indicativa de "hipotermia leve, compatible con sepse" e novas análises de sangue indicativas de infección.

A sentenza reflicte que ás doce e media da noite "ante a persistencia da dor a pesar da analxesia convencional, adminístrase cloruro mórfico (opioide potente)" e "permanece en observación durante toda a noite, sen máis probas diagnósticas". Non é ata as 14.26 horas do día seguinte, máis de 17 horas despois de ingresar en Urxencias, que se lle fai unha ecografía, coa que o radiólogo recomenda un TAC urxente que confirma a peritonite. 

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Sanidade admitiu inicialmente que a muller tiña dereito a unha indemnización de 12.000 euros só por "déficit no consentimento informado" pero o TSXG elévaa a 92.000 euros porque houbo "ata tres actuacións antixurídicas"

A sentenza di que o TAC debera ser a proba a realizar directamente xa que a ecografía non permitía confirmar o problema e censura a demora na realización das probas, que levaron a non intervir á paciente ata as 20.45 horas dese día, 24 horas despois da súa entrada en Urxencias. Despois aínda virían varias intervencións máis por diversas secuelas.

Tras os problemas sufridos, a muller presentou unha reclamación e a Consellería de Sanidade admitiu que tiña dereito a unha indemnización de 12.000 euros, pero só por un "déficit no consentimento informado" que asinou a paciente coas posibles complicacións que podería ter a súa operación. 

A muller recorreu á xustiza ordinaria e inicialmente un xulgado de Vigo ratificou esa indemnización, pero agora o TSXG corrixe esa sentenza e eleva a contía a 92.000 euros tras considerar que houbo "ata tres actuacións antixurídicas": "a perforación non advertida no intraoperatorio; esa alta prematura; e o atraso de diagnóstico e terapéutico que ocasiona unhas secuelas recoñecibles como reintervencións médicas posteriores constantes que poden incluso continuar no futuro".

Así, á marxe do erro médico na primeira intervención na que se lle perforou o intestino, o tribunal considera que "se se acudise á cirurxía urxente despois dun diagnóstico máis precoz, que era posible, o resultado sería menos gravoso para a paciente, á que se mantivo en Urxencias, en observación, cunha peritonite evolucionada, sen valoración e sen a realización dunha serie de probas analíticas e de imaxe que se revelaban como necesarias". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.