As revoltas agrarias foron habituais nas primeiras décadas do século XX en Galicia. Así sucedeu en 1916 en Nebra (Porto do Son), onde a veciñanza se mobilizou contra un imposto que denunciaban como inxusto, morrendo cinco labregos a disparos da Garda Civil. Ou en 1922 en Sobredo (Tui), onde tres veciños foron asasinados a tiros por defender a un veciño contra o pago dos foros. Ou en 1918 na coñecida como Revolta das Pedradas, iniciada por un grupo de mulleres en Neda e Narón en protesta pola suba dos prezos dos alimentos; as protestas estendéronse a toda a comarca de Trasancos, morrendo sete persoas a disparos da policía.
A 'Revolta do centeo de Escairón', que tivo lugar en 1946, vai ser lembrada na celebración do 8 de marzo no Saviñao
Houbo episodios semellantes en Salcedo, Oseira ou Sofán nese mesmo tempo, rebelións motivadas sobre todo pola dificultade no acceso aos alimentos (coñecidas como "revoltas da fame" ou "motíns de subsistencia") nas que as mulleres tiveron un papel protagonista. Porén, décadas máis tarde, xa en plena ditadura franquista, Escairón (O Saviñao) foi o escenario dunha protesta de características semellantes, na que de novo as mulleres levaron o peso da mobilización, como explica a historiadora María Jesús Souto Blanco, que investigou os feitos.
A coñecida como 'Revolta do centeo de Escairón', que tivo lugar en 1946, vai ser lembrada na celebración do 8 de marzo, organizando o Concello do Saviñao un certame de debuxo que terá como tema "A revolta da fame no Saviñao".
O Saviñao, que hoxe rolda os catro mil habitantes, tiña máis de 12 mil en 1946 (en 1900 era unha das 25 localidades máis poboadas de Galicia). Trátase dunha comarca tradicionalmente produtora de alimentos, entre eles centeo e outros grans, que lle permitía subsistir mellor que outras zonas, nas que a fame e as carencias que afectaban á España da postguerra eran maiores. Na primavera de 1946 as colleitas foran malas en moitas comarcas, pero non tanto no Saviñao, que almacenaba neses momentos máis de 40.000 quilos de centeo.
María Jesús Souto Blanco destaca que "nestes feitos só participaron activamente as mulleres; o alcalde e os demais homes do pobo limitáronse a ser meros espectadores"
A Comisaría General de Abastecimientos y Transportes pretendía levar de Saviñao estas reservas, o que motivou a protesta das mulleres da vila. O 2 de maio chegou un camión, propiedade dun fabricante de fariñas de Pantón alcumado "Picante" e que tiña fama de estraperlista. Máis de 150 mulleres impediron que o "Picante" levase o centeo, contestándolles el "que levaría o gran por riba de todo aínda que o estraperlase, pois para conseguir a súa molturación gastara moitas pesetas".
Esa noite ata 500 mulleres fixeron garda diante do almacén, para impedir a retirada do gran, chegando a obter a promesa do alcalde de que o centeo non sairía de Escairón. María Jesús Souto Blanco destaca que "nestes feitos só participaron activamente as mulleres; o alcalde e os demais homes do pobo limitáronse a ser meros espectadores".
Esa noite ata 500 mulleres fixeron garda diante do almacén, para impedir a retirada do gran. Ao día seguinte o "Picante" volveu acompañado por 14 gardas civís
Ao día seguinte o "Picante" volveu acompañado por 14 gardas civís ao mando dun capitán, que debían protexer a operación de recollida do gran. Outra vez as mulleres, desta volta acompañadas por un grupo de nenos e nenas, tentaron impedilo, explicando que pedían pan porque tiñan fame e berrando "queremos que nos entreguen ao Picante, que leva o pan para estraperlar". A protesta foi inútil, porque os gardas civís cargaron contra as mulleres, despexando a porta do almacén, conseguindo sacar del todo o gran.
O alcalde, que mantivo unha posición ambigua (pénsase que el mesmo puido avisar ao Ministro de Gobernación), foi con todo castigado, sendo suspendido case de inmediato e substituída toda a corporación municipal meses despois.
"A presenza feminina respondía á función social de xénero que transformaba á nai en provedora das necesidades familiares e en defensora, por tanto, dos intereses materiais colectivos"
María Jesús Souto Blanco destaca que o protagonismo feminino neste tipo de protestas foi habitual na Galicia de finais do século XIX e comezos do XX, explicando que "a presenza feminina respondía á función social de xénero que transformaba á nai en provedora das necesidades familiares e en defensora, por tanto, dos intereses materiais colectivos". Ademais, engade, "tratándose de mulleres e ocasionalmente de nenos, conseguíase despolitizar totalmente a protesta, minimizando a percepción de perigo polas autoridades represivas, co que se evitaba que cometesen brutalidades". Con todo, isto "nunca se podía descartar do todo, xa que encarcerar e maltratar mulleres formaba parte da estratexia das forzas da orde na súa persecución dos fuxidos".
A autora destaca que aínda que a protesta encaixa no patrón das "revoltas da fame", neste caso O Saviñao non era a zona que atravesaba máis necesidades e a rebelión, de forma "reactiva", puido buscar "manter ou recuperar unha situación asumida como un dereito: o autoabastecemento". Así mesmo, denunciábase unha situación que afectaba a todo o país: os altos nives de corrupción, que neste caso 'desviaban' unha parte dos alimentos cara a determinados persoeiros, que se enriquecían grazas ás súas conexións coa ditadura.
Denunciábase unha situación que afectaba a todo o país: os altos nives de corrupción, que neste caso 'desviaban' unha parte dos alimentos cara a determinados persoeiros
María Jesús Souto Blanco salienta finalmente que a protesta non é exactamente política e non se dirixe tanto contra o réxime e si contra a súa xestión. Iso si, a autora lembra que hai informes oficiais que dan conta de situacións de descontento pola escaseza de alimentos noutras localidades da provincia, como Foz, Cospeito, Vilalba ou Taboada. A investigadora destaca que "se houbo unha ocasión en que o réxime franquista puido ser substituído, esta produciuse en 1946", unha debilidade motivada pola vitoria aliada na Segunda Guerra Mundial.
Aínda que finalmente as potencias gañadoras da guerra non só favoreceron o regreso da democracia a España, senón que os Estados Unidos mesmo se aproximaron ao réxime franquista, a ditadura entendeu que este tipo de revoltas populares motivadas pola falta de alimentos podían supor un perigo para a súa continuidade. Nos anos seguintes Franco preocupouse de atopar fórmulas para contar con máis gran, por exemplo a través da súa importación masiva dende Arxentina.