A defensora do pobo reclama "equidade e protección aos máis vulnerables" tras analizar casos de cobro de rescates de persoas maiores que vivían soas
A Valedora do Pobo vén de facer públicas dúas resolucións nas que afea o cobro de 362 e 267 euros por dúas intervencións de bombeiros nas que estes, a petición doutros servizos de emerxencias, abriron as portas de dúas anciás que vivían soas, unha delas atopada morta no interior da súa vivenda e a outra logo de sufrir unha caída. A defensora da cidadanía salienta o incremento das persoas maiores que viven soas e lembra que situacións así non son provocadas "por ningunha irresponsabilidade" e que "prestar axuda en casos como o presente está, precisamente, no cerne dos servizos de salvamento". Por iso, pide unha maior "equidade e protección aos máis vulnerables" á hora de facturar a particulares por servizos de rescate.
362 euros por abrir a porta dunha muller falecida
Un dos casos analizados pola Valedora é o falecemento dunha anciá que vivía soa no interior do seu domicilio. Tras dar algún veciño o aviso de que a muller non daba sinais de vida, a Policía Local e a Garda Civil desprazadas ao lugar foron as que pediron a intervención dos bombeiros do Consorcio Provincial da Coruña, constituído pola Deputación, a Xunta e os concellos. Ao abriren a porta atoparon a muller falecida.
Ano e medio despois do ocorrido unha filla da muller falecida recibiu unha notificación do Consorcio co cobro de 362 euros polo servizo prestado polos seus bombeiros.
Na análise que fai do caso, a Valedora constata que o Consorcio, como outros servizos de salvamento, conta cunhas taxas oficiais polas súas actuacións. Porén, neste caso a defensora do pobo salienta que esas taxas nunca lle foron comunicadas de xeito previo nin á muller que requiriu o desprazamento dos bombeiros nin á súa filla á que se reclama o cobro, e mesmo que esta "non solicitou o servizo de salvamento nin se beneficiou directamente do mesmo, xa que a intervención foi requirida pola Garda Civil e a Policía Local". Nin sequera se entregou á muller un informe da actuación realizada.
A resolución da Valedora recolle o argumento do Consorcio de que as taxas están na súa páxina web, pero a defensora do pobo lembra que "dada a natureza dos servizos, a chamada e solicitude dos mesmos realízase en situacións de urxencia ou emerxencia que, seguramente, dificultan o acceso previo a esa información". "E, no caso que nos ocupa", engade, "a reclamante ao non ser solicitante do servizo nin coñecer o mesmo tampouco podía buscar a información sobre as taxas".
"Impoñer o custo íntegro da intervención a unha persoa nesta situación allea a ningunha conduta dolosa ou neglixente -ou aos seus herdeiros- semella contrario ao principio de equidade e protección aos máis vulnerables que deben inspirar a actuación da Administración", di a Valedora
A Valedora salienta a "situación de extrema vulnerabilidade que precisou da intervención deste corpo especializado" e lembra que cada vez hai máis persoas maiores que viven soas. "As administracións públicas -entre elas a propia Deputación e a Xunta de Galicia- veñen manifestando a súa inquedanza por poder atender aos requirimentos de axuda das persoas máis vulnerables, como as maiores", lembra tamén a Valedora.
A defensora do pobo admite que os servizos de emerxencias "son sustentados polos orzamentos públicos e deben ser utilizados con rigor e responsabilidade", pero salienta que "en casos como o que motivou a presente queixa non pode deducirse que a situación fora motivada por ningunha irresponsabilidade da persoa usuaria" e di que "prestar axuda en casos como o presente está, precisamente, no cerne dos servizos de salvamento". Por iso, conclúe, "impoñer o custo íntegro da intervención a unha persoa nesta situación allea a ningunha conduta dolosa ou neglixente -ou aos seus herdeiros- semella contrario ao principio de equidade e protección aos máis vulnerables que deben inspirar a actuación da Administración pública.
A Valedora remata pedindo que, cando haxa un resultado de morte, a taxa polo servizo prestado non se cobre ou a asuma a administración que pediu a intervención, como sucedeu neste caso. Tamén que se melloren as vías de información e notificación dos servizos de salvamento ás persoas maiores ou vulnerables "garantindo un procedemento accesible e xusto".
267 euros por abrir a porta dunha muller caída na casa
Similares reflexións fai a Valedora do Pobo noutra resolución feita pública ao tempo que a anterior sobre outro caso semellante. Logo de que os bombeiros, a petición do 112, acudisen a abrir a porta dunha anciá de 90 anos que caera na súa casa, a muller recibiu tres anos máis tarde unha notificación de cobro de 267 euros.
Son varios os casos nos que as notificacións de cobro por servizos de emerxencias chegan anos despois do sucedido, o que impide que o asuman os posibles seguros que puideran ter os afectados
A Valedora constata que as taxas do Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña prevén que non se facturen intervencións a quen cobre rendas sociais ou teña ingresos moi mínimos. Pero neste caso a muller, que cobraba 733 euros mensuais de pensión, xa superaba eses mínimos e non tiña dereito á exención malia que o servizo supuxo igualmente "unha carga desproporcionada" para a súa "pensión modesta".
Novamente a Valedora afea que a muller tampouco foi informada tras a intervención de que se lle cobraría esta. E fai reflexións similares ás do caso anterior sobre o aumento de maiores que viven en soidade. A Valedora salienta que ante a caída a muller quedou "sen capacidade de reacción nin alternativa" e novamente lembra que "impoñer o custo íntegro da intervención a unha persoa nesta situación, allea a ningunha conduta dolosa ou neglixente, semella contrario ao principio de equidade e protección aos máis vulnerables que deben inspirar a actuación da Administración".
Neste caso a Valedora conclúe pedindo que as taxas por servizos de salvamento contemplen "unha exención específica e automática para persoas maiores soas, con ingresos limitados, e en particular naqueles casos derivados de emerxencias vitais non imputables a condutas dolosas ou neglixentes". Tamén, ao igual que no caso anterior, mellorar as vías de información ás persoas vulnerables sobre os servizos de salvamento.
Factura máis de dous anos despois que xa non cobre o seguro
Nos dous casos anteriores un dos elementos do sucedido foi que a comunicación do cobro dos servizos de emerxencia produciuse moitos meses e incluso anos despois dos feitos. Sobre esa cuestión xa se pronunciara a Valedora do Pobo noutra resolución hai uns anos. Aquel caso foi o dun incendio nunha vivenda para o que a propia familia afectada chamou aos bombeiros. Tras a intervención, a factura non foi remitida ata máis de dous anos despois, demora que impediu que fose asumida polo seguro do fogar co que contaban os afectados.